gardei rabaños máis alá de Orión...
13.1.09
La venganza de Don Tacos
Internet non deixa de sorprenderme nunca. Xa falei nalgunha ocasión dese placer escuro meu que consiste en recuperar xogos de infancia. Isto lévame ás veces a ter que buscar moito pola rede porque non lembro os nomes dos xogos ou sinxelamente porque tiñan nomes distintos noutros paises (xeralmente dependía das rexións de codificación de vídeo).


Estes días andamos argallando cos emuladores de recreativas. Xogando ao Bomberman (aka DynaBlaster), ao Metal Slug, ao Baseball AllStars 2, ao Street Hoop e ao fantástico Pang! 3 atopado grazas ao seu nome en USA, Buster Buddies. O máis curioso é que en internet non hai moito acerca deste xogo do que eu recordo alomenos sete recreativas na miña cidade natal. O xogo é unha variante do Pang na que os fondos son obras de arte famosas, podes xogar en tres modos diferentes e hai catro personaxes a elixir. Unha panteira rosa, unha cabareteira, un pirata e un mexicano. Don Tacos, que é como se chama este mexicano, leva bigote, pistolas, sombrero (pronunciado así: sɒm'breǝ.ɾəʊ), e maracas.


A grande descuberta foi que Don Tacos (como cabería agardar por outra banda), non é só un personaxe de videoxogo noventeiro. É un produto dunha marca xaponesa de snacks (*) (cal sería a palabra galega?) chamada Koikeya e que ten unha publicidade mais ben estraña para un público occidental e que non comprede o xaponés como é o meu caso. Se alguén me pode traducir os anuncios agradecereillo moito.






Así é, internet é o reino da astracanada.

* Petiscos. Grazas pola resposta Mario.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:10:00 | 4 comentarios
28.11.08
Música en 8 bits

Parece ser que non son o único con morriña daqueles tempos en que os videoxogos non eran moi vistosos graficamente mais compensábano coa xogabilidade, a dificultade e unhas musiquiñas moi características.

Pornophonique é un conxunto alemán que fai música coa a xuda dunha Gameboy, un Comodore64, samplers do Space Invaders, etc. ah! é unha guitarra. Na súa páxina web pódese descargar o seu album, ten licencia Creative Commons, algo de agradecer nestes oscuras de turbias alianzas entre os que mandan nun lado e os que mandan noutro para acabar coas redes de difusión cultural.


As cancións teñen títulos tan evocadores coma take me to the bonuslevel because i need an extralife, lemmings in love ou, como non, game over. Paga a pena escoitar a estes alemáns que conseguiron subir unha Gameboy aos escenarios.


Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:20:00 | 6 comentarios
19.11.08
Deixa en pausa que vamos comer

Cando un ten moito tempo libre, ou anda demasiado ocioso, ou está recluído na casa, ou simplemente é un gamer empedernido (algún día deberiamos levar á academia galega unha proposta de galeguización de termos referidos aos frikismos variados), pode pasar que lle veña a nostalxia e descargue un emulador. Recoñezo que eu mesmo caín varias veces nesa espiral de vicio melancólico.

Pasei moito tempo xogando grandes títulos dos 80 e 90. Algúns xa os desfrutara no seu tempo, pero a inmensa maioría eran novos para min. É toda unha experiencia ver en que consistían aqueles xogos que só coñecía polas tapas das caixas que viñan na Hobby Consolas. Aquelas portadas debuxadas a aerógrafo que ocultaban o escaso atractivo gráfico real ou simplemente buscaban público adolescente mediante heroínas de grandes capacidades e réplicas de Rambo e Conan. A maioría das veces, probar eses xogos, é unha decepción. Sobre todo aqueles primeiros intentos de xogos de acción ou shooters, que eran coma unha peli de A3: argumento pretensioso, grandes anuncios, moito presuposto e un resultado para soterrar e evitar pronunciar o seu título en presencia de calquera ser humano.

Pero os emuladores teñen un erro no seu intento de recuperar sensacións de infancia. Algúns superficiais, coma o feito de que a pantalla do ordenador vai acender moito antes que a da vella TV na que tiñas o Spectrum ou o pequenos detalles coma que a ninguén se lle ocorreu facer un adaptador para o mando da Super NES. O grande defecto é que os emuladores permiten a opción de Gardar Partida.

Se ben os gráficos dos xogos de 8 e 16 bits non eran especialmente realistas, o sistema de xogo de -tes que facer todo seguido e se perdes todas as vidas acabou- achégase máis á realidade que andar gardando a partida antes de afrontar algunha fase complicada. Falando con agurdión decateime do pouco interesante que sería a vida con esa opción. Teño exame final de carreira, gardo partida por se acaso.

Lembro tamén pasar tardes enteiras xogando ao Sonic, ao Alex Kidd, ao Rocket Knight... Superando unha fase tras outra, intercambiando o mando cos meus irmáns e notando a tensión cando máis se achegaba o momento de eliminar ao xefe final e poder contemplar o remate do xogo. Ás veces este consistía só nunha listaxe de créditos cunha música tan cutre que daba gana de queimar con todo.

Os emuladores permitíronme tamén rematar La Abadía del Crimen, o xogo baseado no libro de Eco O nome da rosa. Un xogo tan complicado e longo que pensei que non tería créditos ao final porque ningún dos programadores pensaría que alguén sería capaz de rematalo. Iso si, non obtiven nen a metade de satisfacción que a primeira vez que vin a Alex comer a súa derradeira e xigante hamburguesa.

Levo tempo pensando en vender a Master System, pero non acabo de decidirme. Igual ten todo isto algo que ver.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:41:00 | 3 comentarios
2.5.08
O meu primeiro 16bits
Lembro perfectamente o día en que tiven entre as mans a flamante Mega Drive de Sega. Era un artefacto impresionante, moito máis grande do que parecía nas fotos das revistas e dunha cor negra, negrísima. O pack incluía un mando e un xogo. Sempre me fascinou esa política de "un mando", ao final acababas mercando outro para xogar cos amigos pero, por que raios non o mercaban eles? A fin de contas, ti xa puñas a casa, o xogo e a consola. Iso polo menos, a merenda e os refrescos eran opcionais.
O xogo que viña era Flashback, esa palabra que tanto escoitaría ao longo da miña vida dende entón, aínda que case nunca en relación con este magnífico xogo. Mais ben en relación co cinema (Ai, Tarantino, Tarantino...) ou coa literatura ("o flashback tamén chamdo analepse...") eu sempre estaba por dicir que tamén se coñecía como The quest for identity. Nunca o cheguei a comentar, parecíame fóra de lugar.
O xogo era sensacional, impresionábame a aparencia gráfica que tiña, ao xeito de ilustración, con cores moi diferentes ao habitual, semellaba debuxo simple de banda deseñada, sen filigranas mais con certo estilo.
A ambientación era cyberpunk, a pesares de que eu non coñecía tan sequera o termo, viñérase rapidamente á cabeza Blade Runner, pola combinación de vestiarios actuais e futuristas, o coche no que fuxías era moi parecido ao patrulla de Deckard, a pistola... incluso no propio personaxe.
Visto co paso do tempo, samella máis interesante aínda, e unha revisión que lle fixen o ano pasado deu para moito. Unha das cousas que pasara por alto no momento, non por anecdótica (era clave no transcurso da historia) senón por falla de referencias era o Holocubo. Tratábase dun pequeno obxecto de forma cadrada do que saía unha historia que pasaba por ser a túa mais non era seguro. Lembreime deste obxecto vendo Mulholland Drive, nese momento clave do filme no que no teatro aparece por vez primeira esa pequena caixa que se abre e a partires de aí todo se volve -máis- confuso. Será que David Lynch púxose a xogar ao Flashback despois de rematar Twin Peaks?



Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:40:00 | 8 comentarios
6.1.08
Xa son un Guitar Hero!!!

Preguntade polo pastor e os Electric Sheepers nos locais de moda. Estamos arrasando.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 19:28:00 | 5 comentarios
9.4.07
Máis canons
Lía uns días atrás en El Pais unha entrevista a Carl Goodman, subdirector do Museum of the moving image (Astoria, N.Y.). Nela falaban dos videoxogos coma forma de arte, incidindo en que, coma no caso do cinema, hai casos nos que teñen un compoñente artístico máis forte que o do entretemento, que é a función básica dos videoxogos. Abordaba tamén o feito de que os videoxogos xuntan moitas características diferentes como tecnoloxía, deseño, arte, mercado... Son polo tanto un producto moi elaborado e complexo, que aínda que coma fin último ten o entretemento, é moito máis o que poden ofrecer.
Falaba tamén do borroso dos límites entre o virtual e o real. Consideraba Goodman que o mundo real estaba máis relacionado do que parece co virtual, xa que é unha experiencia en liña coa realidade e que as experiencias veñen de volta ao mundo real contigo.
Nese sentido, coido que é interesante ver o xeito en que nos conportamos neses mundos virtuais, no que levamos a cabo actitudes e habilidades que no mundo real nos son alleas, é ao meu entender un campo de investigación moi interasante e aínda por descubrir.
Ao final da entrevista viña o máis interesante: o primeiro canon dos videoxogos eleborado na Game Developers Conference (03-2007 San Francisco).
  • Spacewar!
  • Star Raiders
  • Zork I
  • SimCity
  • Civilization I/II
  • Tetris
  • Super Mario 3
  • Doom
  • Sensible World of Soccer
  • Warcraft (Series)
Eu boto en falla algun Final Fantasy, pero destes quedo co Warcraft. Con cal quedades vos?

P.D. Este canon si que é de coña, p... SGAE

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:51:00 | 13 comentarios
25.3.07
Quedarse coas ganas e acabar contento
Xa falei algunha vez da saga Final Fantasy, creo que lle adiquei máis horas das que quedaría axeitado dicir, así que non direi nada diso. O que si direi é que xa saíu a nova entrega, o FF XII e eu non xoguei aínda, agardo poder comezar nas vacacións de pascua. Para matar o tempo, adiqueime a volver xogar un pouco a algunhas das edicións antigas. No Nadal volvin xogar o FFVII porque é unha das miñas grandes debilidades, seguro que xa vos decastes. Pois agora tocáballe ao FFV, máis problemas co emulador fixeron imposible que xogara. Así pois, dinlle paso ao FF Tactics, outro dos preferidos. A primeira vez que xoguei, foi despois de acabar por vez primeira o FFVII, alá polo 98. Un amigo meu que ten unha capacidade fóra do común para conseguir cousas de modo inmediato (anque co XII estase pasando), deixárame este xogo que non sei por que razóns non se chegou a estrear en Europa. Foi toda unha aventura poder xogar, ao ser NTSC e a miña TV non, víase en branco e negro. Tiven que mercar un cable RGB novo que adaptaba o NTSC da PlayStation. Solucionados os problemas técnicos, comecei con el. A pesares do inconveniente de estar en inglés, o que retardou bastante o meu avance, a experiencia foi marabillosa. Era un Final Fantasy pero con pegadas dos clásicos coma o Zelda, o Secret of Mana e o Disgaea. A estética era moi chula, cos típicos bonecos cabezóns con gráficos de debuxo.
A historia é de temática medieval, con loitas entre clans pola coroa, os poderes máxicos ocultos e perigosos que desencadean acontecementos que poñen en perigo o mundo, a igrexa (aparece moi ben retratada por certo), as princesas secuestradas, os enganos, etc. O modo de xogo permitía horas case infinitas de xogo, ao principio resultaba bastante máis complicado do que poden resultar os outros Final Fantasy, pero despois tiña unha complicación máis ben escasa. Aínda así non perdía interese.
No grupo tiñas personaxes de dous tipos, as xenéricas e as especiais (que tiñan que ver coa historia e tiñas habilidades propias). Cada personaxe aprendía habilidades cambiando de "oficio" (mago, clérigo, cabaleiro, arqueiro, ladrón, ninja, samurai, alquimista, geomancer, monxe, invocador, oráculo, matemático, sacerdote,bardo, mediador), combinando as artes aprendidas tiñas personaxes máis poderosos. Un dos oficios máis difíciles de descobrir e máis interesantes era o de "mimo". Con esta habilidade podías imitar calquera acción realizada por calquera personaxe durante o combate.

Entre as personaxes ocultas, estaba Beowulf, un misterioso guerreiro que abría a posibilidade de ir até unha illa do norte na que eliminar un dragón. Outra curiosidade do xogo era a posibilidade de obter a Cloud.
Asi que mentras non podo xogar ao FFXII seguirei co Tactics, igual descubro algo que non sabía.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:18:00 | 9 comentarios
25.2.07
Só para FFVII maníacos
Aos que desfrutáchedes (ou desfrutades) o Final Fantasy VII tanto ou máis ca min, isto seguro que vos pasou algunha vez. Coma moita xente, ás veces, cando estou distraído ou entretido con algo, sáenme de xeito espontáneo certas melodías polos beizos. Normalmente dalgún tema que escoitara recentemente ou dos que teño sempre na cabeza como "intocables". Pois ben, o caso é que un día levaba eu un bo anaco tatarexando unha melodía con certo sabor rockeiro, de feito, ao principio coidaba que era un tema de Dream Theater, polo toque guitarreiro, mais foi unha grande sorpresa para min decatarme de que estaba errado. Era unha melodía do FFVII, das que aparecen moito ao longo do xogo (neste caso no HurryUP), e eu estaba alí, concentrado noutras cousas e poñéndome banda sonora. Se cadra foi un mecanismo innato da mente para, dalgún xeito, meterme présa e rematar dunha vez o que estaba a facer.
O feito, como cabería esperar, repetiuse varias veces máis ao longo dos días seguintes. A melodía non saía da miña testa, era como cando o verán contamina o teu bo gusto con "cancións" que te golpean a cabeza día e noite, salvando as distancias claro está. Foi ahí cando acudín na procura de axuda, meus amigos Google e Wikipedia ofrecéronme de xeito amable o seu consello e descubrín que non era o único. Resulta que hai xente que da concertos multitudinarios tocando eses temas e polo tanto, público que tatarexará os temas dos que máis goste no baño, no bus, etc. Xa non era o único. O grupo en cuestión chámase The Black Mages (aos seguidores de FF seguro que vos soa o nome), e o seu lider (o do mostacho) é Nobuo Uematsu, que é o compositor dos temas de toda a saga
Final Fantasy. É sorprendente ver o diferente que é Xapón ao resto do mundo, non me imaxino a este grupo de xira por estes lares, aínda que a experiencia podería ser positiva, polo menos para min, así xa non estaría preocupado por tatarexar melodías de videoxogos para me dar présa en facer as cousas.
O grupo en cuestión soa ben e a posta en escena é imponente, non sei que opinará o Moucho que é máis docto en temas de Rock progresivo. Dubído que achen un oco no seu canon de bandas de culto, pero o certo é que soar, soan ben.
Collín prestado de YouTube este vídeo, que aínda que non ten moi boa calidade de imaxe, permite ver o que falaba antes. O coro de Sephiroth é un puntazo.
Que o desfrutedes.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 10:47:00 | 7 comentarios
30.12.06
Tempo libre
Bonito título, tería que ser unha soa palabra e de seguro,a súa sonoridade sería perfecta. Penso que se algo nos da liberdade, ese algo, ten que ser por forza, o tempo libre. Permítenos adicarnos a cousas que realmente nos interesen, enriquezan ou entreteñan. O meu ser, que está composto por un tercio xogocínia (unha ludopartícula bastante común), anda estes días explorando o Ciberespazo na procura de entretemento para as (poucas) horas de ocio. Logo de percorrer largos camiños de bits, achei ao fin algo que me cautivou. Ese algo é Ryzom. Ryzom é un MMORPG (Massively Multyplayer Online Role-Playing Game), é dicir, un xogo de rol en rede. O feito de que esa rede sexa internet (e non unha rede local), fai que o número de xogadores sexa enorme e a orixe de cada un deles, moi diferente.
O motor do xogo foi creado por Nevrax e ten unha licenza GPL (General Public Lisence) Pero recentemente foi mercada por Gameforce e non sei se seguirá a ser así.
Non tiven tempo de xogar moito, de todas formas, non pretendía contar aquí a trama do xogo. Ryzom é un bo exemplo de MMORPG, que é do que pretendía falar. Esta clase de xogo é un formato moi extendido, e fai reflexionar sobre o tipo de xogo que está en boga nestes tempos. Os xogos ocupan un oco no entretemento moi importante, incluso apartando outras ocupacións con máis antigüidade. O caso é que hai dous tipos básicos de xogos: os colectivos e os individuais. Dos individuais xa falarei noutro momento. O que me parece interesante destes xogos en liña é que son, dalgunha forma, de todos. Todos xogamos a mesma partida é, ao mesmo tempo, a nosa própia. É por iso que deberían seguir sendo libres, xogar é outra forma de se expresar, e xa teño falado aquí da importancia da liberdade de expresión na rede, xa que semella que o Ciberespazo é un dos poucos reductos onde aínda é válida.
Anímovos a participar e se tedes suxerencias doutros MMORPG, non dubidedes en compartilas.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 00:31:00 | 7 comentarios