gardei rabaños máis alá de Orión...
24.1.09
O pastor non-eléctrico
Imaxe: confusedvision

Onte o tempo non estaba para demasiadas cousas. Un trebón moi forte pasou por aquí, supoño que por aí tamén (a non ser que sexas un dos brasileiros que visita este sitio). Non sei se trebón é a palabra axeitada porque medir intensidades de fenómenos meteorolóxicos non é unha das miñas capacidades, supoño que Dorothy non pensaría o mesmo, ela diría que sopraba e punto. Porén, a chuvia batía contra os vidros e o vento abaneaba as baqueteadas fiestras de madeira até o punto de pensar que en calquera momento ían saír voando, con vida propia, coma os sacos dos supermercados contra as paredes de tixolo descuberto.

Era unha boa noite para coller unha candea, unha manta e ler contos góticos ou facer esa ouija que nunca fixeches cando eras rapaz. Eu non fixen nada diso, seguín co que estaba, un libro nada esotérico mais interesante. De súpeto a escuridade apropiouse da cidade, xusto no momento en que a narración ascendía, fiquei sen saber como remataba. Aló foi a tensión climática. Recurrín entón ao plan B, que todos aprendimos a ter en conta grazas á nosa educación de cando nenos. Collín a DS e xoguei ao Brain Training. Sentinme coma con esas páxinas que calculan a data da túa morte, quen quere saber que o seu cerebro corresponde a unha persoa vinte anos maior?

Onte foi unha noite moi escura, onte volveu a min esa sensación, coma a primeira vez que vin "escapar as letras" da pantalla do PC. Sentinme coma un OS defectuoso, sentinme pouco funcional.

Hoxe pola mañá erguinme no modo a proba de erros.
 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:01:00 | 5 comentarios
20.1.09
Aniversario Poe
Hoxe cúmprense douscentos anos do nacemento do xenial Edgar Allan Poe. Que dicir deste autor, referente do misterio, o xénero detectivesco e incluso a ciencia ficción. O seu influxo (non só) na literatura universal foi tan grande que non fai falla case nen dicilo. Unha das referencias que me ven á cabeza é a dese capítulo da noite de bruxas de The Simpsons no que Lisa lle recita O Corvo a Bart. Coma non atopei un video bo dese capítulo, poño este outro, que é no que se basea a versión de Matt Groening.





Un aplauso para Vincent Price donas e cabaleiros.

Este é un aniversario especial, non só polo redondo do número senón porque tamén se coñeceu unha boa nova para todos os que afeccionados á Poe. A editorial Galaxia vai editar proximamente o primeiro tomo da súa narrativa completa. Eu levo tempo querendo facerme cunha, tiña en mente outra, pero agora vou agardar pola edición galega. A tradución é de Eva Almazán, que xa me achegou ao galego a Auster. Será certo que en galego é todo mellor?

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:00:00 | 2 comentarios
13.1.09
La venganza de Don Tacos
Internet non deixa de sorprenderme nunca. Xa falei nalgunha ocasión dese placer escuro meu que consiste en recuperar xogos de infancia. Isto lévame ás veces a ter que buscar moito pola rede porque non lembro os nomes dos xogos ou sinxelamente porque tiñan nomes distintos noutros paises (xeralmente dependía das rexións de codificación de vídeo).


Estes días andamos argallando cos emuladores de recreativas. Xogando ao Bomberman (aka DynaBlaster), ao Metal Slug, ao Baseball AllStars 2, ao Street Hoop e ao fantástico Pang! 3 atopado grazas ao seu nome en USA, Buster Buddies. O máis curioso é que en internet non hai moito acerca deste xogo do que eu recordo alomenos sete recreativas na miña cidade natal. O xogo é unha variante do Pang na que os fondos son obras de arte famosas, podes xogar en tres modos diferentes e hai catro personaxes a elixir. Unha panteira rosa, unha cabareteira, un pirata e un mexicano. Don Tacos, que é como se chama este mexicano, leva bigote, pistolas, sombrero (pronunciado así: sɒm'breǝ.ɾəʊ), e maracas.


A grande descuberta foi que Don Tacos (como cabería agardar por outra banda), non é só un personaxe de videoxogo noventeiro. É un produto dunha marca xaponesa de snacks (*) (cal sería a palabra galega?) chamada Koikeya e que ten unha publicidade mais ben estraña para un público occidental e que non comprede o xaponés como é o meu caso. Se alguén me pode traducir os anuncios agradecereillo moito.






Así é, internet é o reino da astracanada.

* Petiscos. Grazas pola resposta Mario.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:10:00 | 4 comentarios
3.1.09
Vellas Noites
Foto de: Yanning Van de Wouwer


Volvía para a casa nese momento en que a néboa comeza a desaparecer e abre o día. Os que non sexan de por aquí non sei se saberán a que me refiro. A noite fora longa, das 18:30 ás 8:30 coma sempre, só que nesta ocasión andivemos por aí todo ese tempo. Tanto tempo de troula da para moito, e iso é o que todo o mundo agarda, máis non sempre é así.

A noite comezou á media tarde - cousas do inverno- buscando algo que facer. As noites coma esta son especiais, tes que facelas especiais. Hai que argallar algo, xa! Poñamos as galas e vaiamos ao casino.

O cheiro a fume configurou un xesto híbrido de noxo e excitación na miña face, o xigantesco vestíbulo estaba presidido por duas grandes fileiras de máquinas comecartos que debuxaban a rota cara as mesas de ruleta e blackjack, situadas nun amplo salón elevado por tres pequenos chanzos dunha pedra semellante ao mármore. Os tapizados vermellos e as lámpadas douradas trouxéronme á mente a casa de calquera millonario dos debuxos animados. Sentei na barra e chamei ao camareiro para que me trouxese unha cocacola, de lata. Os cacahuetes debían levar máis de 5 meses naquela cestiña metálica.

As mesas de Hold' em estaban case cheas, pero aínda quedaba un oco para min, e era a miña noite. Tiña crédito suficiente para comezar a sacarlle os cartos a aqueles miñaxoias en canto os flops viñeran quentiños. As cousas estiveron tranquilas durante a primeira media hora, pero a partires de aí, todo mudou. Liguei tres ases e na seguinte man gañei a unha escaleira coa miña cor. A morea de fichas que tiña diante de min invitaba a pensar que podía ser unha grande noite. Tiña que seguir un par de horas, non podía deixar correr semellante oportunidade. - Bueno, eu xa quedo aquí, mañá vou estar zombie. Grazas por pagar o taxi.

- Nada.- escoiteime dicir cunha voz sospeitosamente frouxa. E ronca.

Poucos minutos despois abrin a porta da casa e deiteime cou roupa posta enriba da cama sen facer. Outra noite interesante. Debimos ter ido ao casino, polo menos as copas son baratas.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:00:00 | 2 comentarios