gardei rabaños máis alá de Orión...
10.3.09
Cypher
O outro día falabamos (non me deu polo maiestático, nos comentarios houbo debate) aquí de cinema de ciencia ficción co gallo da evolución dos zombies na pantalla. O debate foi moi gratificante para min porque xerou debate e porque este estaba, en parte, centrado nun aspecto que a min me fascina: a narración. Concretamente a narración fílmica.

Roi Buligan recomendábame un filme canadiano que eu non coñecía, animándome a que o vise e o comentase. Con todo o lío que tiña enriba tardei máis da conta en poder velo pero pareceume moi interesante poder falar aquí del, xa que como dixen antes, son amigo de debates deste tipo. Son amenos, apréndense cousas, animan as visitas e ademais demostran que unha mesma película pode ser moitas, dependendo de quen olle para ela. E poden dar lugar a descobertas como a de hoxe.



O primeiro que me sorprendeu do filme foi que o seu director era Vicenzo Natali, responsable de Cube, filme que merecería un bo debate por sí soa, a poder ser con cervexa polo medio. Segundo comeza, os créditos intercálanse coa posta en escena da historia. Este principio tróuxome dúas cousas á mente; o estilo visual (incluso dos créditos) de Spielberg e a escena do principio de Blade Runner (o primeiro diálogo), cando León fai o test Voight-Kampff (o da tartaruga). Aquí vemos a Jeremy Northam facendo igualmente un test, neste caso non para ver se é un replicante senón para saber se é un espía.

Aquí desvélase xa o tema principal do filme, a espionaxe industrial. Esta temática lembra moito á triloxía do Sprawl de Gibson, a loita entre grandes corporacións, o roubo de datos no ciberespazo e os implantes para burlar os sistemas de seguridade. No seu tratamento tamén hai moitas similitudes, xa que os obxetivos reais das partes involucradas non están claros (incluso as propias partes involucradas) até o final e a percepción das cousas muda constantemente. É unha historia enrevesada, apoiada nunha interpretación máis que solvente e nunha apariencia estética sinxela, moi luminosa en certos momentos para o meu gusto pero que mestura con grande acerto a tecnoloxía futurista con elementos cotiás.


Un filme moi visual, a montaxe acelerada de planos curtos, os ollos de peixe e os filtros dixitais que distorsionan a imaxe axudan a crean a sensación de desacougo que invade ao protagonista. A parte sonora é moi austera. Un filme en definitiva moi interesante, que garda certas similitudes con Cube e que visualmente non ten moito que envexar a producións máis grandes se ven é certo que non aporta ese aquel novidoso que sempre se lle agradece a un filme de xénero.


Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 14:30:00 |


4 Comentarios:


  • At 1:10:00 da manhã, Blogger Roi Buligan

    este si que é un blog interactivo pastor, a min fíxome pasar un par de horas moi entretidas e a verdade é que lle atopo unha certa orixinalidade dentro da media do xénero, xenial a escena do lavado de cerebro ou máis ben de identidade que ilustras nun dos fotogramas e esa traslación dun antiheroe vulgar a espia intrépido que non é habitual.
    Óes debóche unha cervexa cúbica (ou +) cando queiras...he, he

     
  • At 9:36:00 da tarde, Blogger Santo2000

    Que grande és!!! Nunca deixarás de surpreender-me.Como controlas de cine.

    Nom vim o de Bunbury, nom. Mas se ti me recomendas que o veja terei que faze-lo porque

    De sobra sabes
    que eres la primera
    que no miento si juro que daría
    por ti la vida entera, por ti la vida entera.

    xD.

    Um abrazo mui grande e a ver quando nos vemos e lhe tomamos algo.

     
  • At 4:13:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    Nunca na miña vida escoitara falar dos ollos de peixe e agora é a segunda vez que se mencionan en dúas semanas. Alguén tería que estudar iso.
    Terei que botarlle unha ollada á peli, ten boa pinta ;)

     
  • At 6:29:00 da tarde, Blogger O pastor eléctrico

    Sempre é entretido poder ver unha peli e logo comentala Roi. A min interesoume bastante ese aspecto das diferentes "realidades" do protagonista.

    Hai que tomarlle algo si. Tes que ver a Bumbury, é máis divertido que o de verdade.

    A peli é recomendable Raíña, para cando teñas tempo.