gardei rabaños máis alá de Orión...
25.2.07
Só para FFVII maníacos
Aos que desfrutáchedes (ou desfrutades) o Final Fantasy VII tanto ou máis ca min, isto seguro que vos pasou algunha vez. Coma moita xente, ás veces, cando estou distraído ou entretido con algo, sáenme de xeito espontáneo certas melodías polos beizos. Normalmente dalgún tema que escoitara recentemente ou dos que teño sempre na cabeza como "intocables". Pois ben, o caso é que un día levaba eu un bo anaco tatarexando unha melodía con certo sabor rockeiro, de feito, ao principio coidaba que era un tema de Dream Theater, polo toque guitarreiro, mais foi unha grande sorpresa para min decatarme de que estaba errado. Era unha melodía do FFVII, das que aparecen moito ao longo do xogo (neste caso no HurryUP), e eu estaba alí, concentrado noutras cousas e poñéndome banda sonora. Se cadra foi un mecanismo innato da mente para, dalgún xeito, meterme présa e rematar dunha vez o que estaba a facer.
O feito, como cabería esperar, repetiuse varias veces máis ao longo dos días seguintes. A melodía non saía da miña testa, era como cando o verán contamina o teu bo gusto con "cancións" que te golpean a cabeza día e noite, salvando as distancias claro está. Foi ahí cando acudín na procura de axuda, meus amigos Google e Wikipedia ofrecéronme de xeito amable o seu consello e descubrín que non era o único. Resulta que hai xente que da concertos multitudinarios tocando eses temas e polo tanto, público que tatarexará os temas dos que máis goste no baño, no bus, etc. Xa non era o único. O grupo en cuestión chámase The Black Mages (aos seguidores de FF seguro que vos soa o nome), e o seu lider (o do mostacho) é Nobuo Uematsu, que é o compositor dos temas de toda a saga
Final Fantasy. É sorprendente ver o diferente que é Xapón ao resto do mundo, non me imaxino a este grupo de xira por estes lares, aínda que a experiencia podería ser positiva, polo menos para min, así xa non estaría preocupado por tatarexar melodías de videoxogos para me dar présa en facer as cousas.
O grupo en cuestión soa ben e a posta en escena é imponente, non sei que opinará o Moucho que é máis docto en temas de Rock progresivo. Dubído que achen un oco no seu canon de bandas de culto, pero o certo é que soar, soan ben.
Collín prestado de YouTube este vídeo, que aínda que non ten moi boa calidade de imaxe, permite ver o que falaba antes. O coro de Sephiroth é un puntazo.
Que o desfrutedes.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 10:47:00 | 7 comentarios
23.2.07
Outra de Marlowe
Por se pensabades que xa me esquecera do cínico por antonomasia, aqui vai outra entrega.
Neste caso, Marlowe pasouse á banda deseñada.
A historia non é nova, pero o formato si, e foi unha sorpresa cando vin o exemplar na tenda. Sempre tivera curiosidade por ver como sería unha historia de Chandler
en debuxo, neste caso con debuxo americano dun ilustrador habitual de DC Comics (debuxou Gothan Central) e Marvel.
A historia está ben tratada e o debuxo en branco e negro fai que o ambiente non difira moito das versións cinematográficas, pero se hai algo que destacar é o ben conseguida que está a personaxe de Marlowe. Ten todos os tópicos, o seu cinismo, a súa aparente frialdade, as súas rrelacións amor-odio coas mulleres, etc. Só se botan en falta as copas de rigor. O dito un cómic moi entretido que chega a pouco (non é moi extenso) pero que se deixa desfrutar.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:57:00 | 7 comentarios
19.2.07
O blogomillo coma hipertexto

Lin hoxe pola mañá o post da Raíña Vermella, no que falaba da divulgación científica. Referíase ela ao blog de gustavo harvey, que lle fixera lembrar a Carl Sagan e seu programa Cosmos e a Arale que lle suxerira o idea ao falares de divulgación . Agora aquí estou eu, referíndome a eles e facendo uso dos seus posts para elaborar outro. Todo isto leva á construcción (aínda que de xeito involuntario) dun texto que podería ser único, pero que á vez é varios e diferenciados. Por medio de enlaces achamos ideas ou adquirimos coñecementos doutras persoas, puntos de vista, etc. O rizoma de Deleuze ven a representar todo isto, bifurcacións que nos levan ao mesmo sitio e a sitios diversos á vez. Todo ata o infinito se se quere xa que quen lea isto podería seguir a cadea e incluso esa cadea podería voltar ás Ovellas e así de xeito cíclico.
Todo isto non fai máis que crear un hipertexto. Xa teño falado do blogomillo como xeito de expresión e de transmisión de coñecementos, de intercambio se se prefire.
Esto non son cousas novas, no ano 60 Theodor Nelson imaxinou o Xanadu Project. cuxo nome está tomado do poema Kubla Khan de T. Coleridge. O proxecto Xanadú sería unha sorte de Biblioteca Alexandrina virtual. G.P. Landow foi o primeiro en acuñar o termo "hipertexto", pero T. Nelson referíuno as aplicacións dos nodos/enlaces da rede informática para a literatura e o Xanadu Project sería o primeiro hipertexto neste sentido.
Xorde isto a partires do MEMEX (Memory Extension) ideado por Vanevar Bush, un axente da C.I.A. que pretendía crear un sistema capaz de asociar as ideas da xente, coa idea de que a mente das persoas funciona de xeito asociativo. Vanevar Bush publicou un primeiro artigo referido a novas tecnoloxías,
As we may think; que serviu de precedente ao MEMEX. O MEMEX foi o predecesor do World Wide Web (as famosas www) que agora coñecemos, un hipertexto primixenio. O traballo de T. Nelson e o Xanadu Project están recollidos en Literary Machines.
Visto todo isto, é doado imaxinar esta rede nosa de expresión, opinión, divulgación... coma un grande nodo, un hipertexto colaborativo de xeito indirecto e non intencionado ás veces, pero que é un exemplo máis das aplicacións culturais das novas tecnoloxías.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:42:00 | 10 comentarios
15.2.07
O novo Auster
Recentemente vinme nunha situación ben curiosa. Non é que sexa nada do outro mundo, xa que no fondo non deixa de ser unha mudanza dos hábitos. O caso é que fun mercar a nova novela de Auster, e topei coa sorpresa de que había unha traducción ao galego. Xa sei que "Brooklyn Follies" tamén fora editada por Galaxia, pero eu tiña o exemplar de Anagrama. Nun primeiro momento foi unha situación estraña, lería por primeira vez a Auster nunha lingua diferente, aínda que non é coma cando lle muda a voz a unha personaxe da TV, para min facíase raro. Acostumado á forma de expresarse nas versións en castelán, resultábame curioso ver formas novas na escrita. No fondo, isto non é relevante, xa que as expresións dos orixinais son diferentes á forza. A novidade polo tanto foi dobre, novo libro e nova lingua. A experiencia foi positiva, gostei de poder desfrutar dun dos meus autores favoritos no meu idioma.
Isto é algo que dende hai pouco comeza a ser posible. Non fai moito era imposible ter traduccións ao galego de algo posterior aos 80, e aínda menos que as traduccións apareceran ao mesmo tempo que as españolas. Como é obvio que non podemos ler a todos os autores no orixinal, é preciso ter boas traduccións no idioma de cada un. Isto comeza agora a ser unha realidade. Lía estes días atras en blogs amigos, comentarios ao respecto. O caso que citaba Mario de Houellebecq (A posibilidade dunha illa), é particularmente revelador. Temíase dende alguns sectores editoriais, que a competencia coas versións españolas non sería posible. Casos coma este demostran o contrario. Penso eu que o lector galego, opta polas traducións na súa lingua, sobre todo se é lector de literatura galega. É un xeito de potenciar e normalizar o sistema literario galego. Toda literatura precisa de traduccións, non é posible que estea aillada do resto da producción, aínda que teña particularidades. Paréceme un avance moi positivo tanto para o sector editorial galego coma para o propio sistema literario.
Cabe destacar o grande traballo de
Rinoceronte, que está a realizar grandes traduccións de libros moi interesantes. O tema das traduccións gaña especial importancia no medio editorial se temos en conta que no sistema estatal, o volume de venda das traduccións é moi superior (como cabe agardar) ao da producción propia.
Agora, o que se me fará estraño non será ler a Auster en Galego, senón ler a Houellebecq en español.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 22:26:00 | 8 comentarios
2.2.07
Morcegos e recordos

Entereime recentemente de que Christopher Nolan vai dirixir unha nova entrega de Batman. Provocoume unha certa sensación de ledicia xa que Batman Begins foi a única entrega que me convenceu dende a de Tim Burton, alá polo 89. A versión de Nolan captaba mellor toda a esencia do mundo do Batman da DC Comics. Era unha película sobre Batman, non unha película na que saía Batman. Cando era neno, gostaba moito dos superheroes, o meu favorito era o Spiderman, até que descobrin ao Batman. Cando vin o filme pola TV, ficara apampado. Semellábame incrible como se parecía ao da banda deseñada, o filme estaba moi logrado, daba a impresión de que estaba a ler as miñas historietas no televisor. Máis recentemente ocorreume algo semellante coa versión de Nolan, non tiña nada a ver cos filmes anteriores (horripilantes), sorprendeume moito. Non fora ao cinema moi convencido por mor da decepción que me causaran as anteriores entregas (en Batman Forever saínme da sala antes dunha hora) pero como gostara de Memento, vinme na obriga de facer un esforzo. A decisión coido que foi axeitadísima, xa que unha vez dentro, desfrutei do filme case coma a primeira vez que vira a de Tim Burton.
Outro recordo que me evocou a noticia, foi a serie de TV dos s 60, a do Batman en pixama e coas orellas gachas. Coido que foi a primeira cousa que vin que me pareceu cutre. Co paso do tempo, o meu aprecio a Batman e un certo espirito friki, transformou ese "cutre" e "mítica" ou mesmo "entrañable". Moito se ten falado desta serie, lembro aquelas esceas nas que Batman e Robin agatuñaban polas paredes dos edificios e saían veciños falar con eles. Os superheroes levaban as capas pagadas ao cú e a xente saía dun xeito excesivamente horizontal polas ventás. É digno da mellor serie B. Tamén estaba ese teléfono vermello que se alumeaba cando a policía chamaba pedindo axuda. Vin fai uns anos un capítulo e era impresionante o aspecto retro do Batmóbil, que tiña uns acabados cromados que xa lle gustarían ao 127. Era gracioso ver as follas das árbores caer coma se fosen pedras cando o vehículo collía velocidade.
Seguro que se voltasen a emitir esta serie (confiemos en Cuatro), tería éxito. Pero quen sabe, se cadra as asociacións de padres vían certos comportamnetos "estraños" entre Batman e Robin (que guapo coa R no peito) ou excesiva violencia nos "PAUWNS" que lles atizaban aos inimigos. Acabarían emitíndoa as tantas da mañá e o grande público quedaría privado dela.
O dito, a agardar a estrea de The Dark Nigth desexando que pase a ocupar un lugar nos éxitos e non nos fracasos das adaptacións de Batman.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:20:00 | 8 comentarios