gardei rabaños máis alá de Orión...
30.3.08
A semana do azar
Andaba eu o outro día curioseando nunha libraría compostelana na busca de nada en particular. Na sección de idiomas, miraba unha guía de conversa de esperanto. Achei os andeis adicados ao galego e á literatura galega e en galego, ao fondo, xunto co resto de idiomas que aprendemos na escola para poder entendermos aos estranxeiros... A miña mirada pousouse primeiro nunha morea de libriños morados, alí entre todos aqueles iguais, o primeiro título que lin foi Exercicios de estilo (Exercices de style) do francés Raymond Queneau. Fiquei realmente sorprendido, tivera ese libro na cabeza toda a semana. Sentía curiosidade por como dunha mesma anécdota podían escribirse 99 discursos diferentes.
Despois de que fixera unha pequena brincadeira sobre o estilo e o punto de vista, Queneau demostroume como facer ás cousas ao grande. Para completar o círculo, ese mesmo día pola tarde, mencionábanme ese libro.
Sorprendeume mesmo a existencia desa traducción, xa que é do no noventa e cinco. O libro, editado por Xerais inclúe ademais os orixinais en francés.
Queneau é un autor que ven do surrealismo e que pertencería ao Collège de Pataphysique e fundaría xunto a Françoise le Lyonnais o OuLiPo (Ouvroir de littérature potentielle), con membros coma Georges Perec, Marcel Duchamp, Noël Arnaud, Jacques Roubaud e Italo Calvino entre outros. Este grupos reúne a autores non convencionais e as innovacións literarias e artísticas de cada un deles son notables.
Outra das obras imprsionantes de Queneau é Cent Mille Milliards de Poèmes unha obra fascinante composta por dez sonetos cos versos intercambiables cos que crear dez billóns de sonetos. A lectura desta obra levaría máis de cento noventa mil anos.


Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:55:00 | 6 comentarios
28.3.08
Historia
Na cidade de pedra semellaba eu unha rama deitada ao mar, levada polas correntes xunto aos peixes e os lixos. A emblemática praza tornábase desoladora coa caída da noite que a envolvía, volvéndoa silenciosa e estática. A falta de luz arrasaba a maré de xente que durante o día ateigaba as vellas lousas fotografando todo, pensaba eu (coma os nativos nos filmes de Hollywood) que lle querían roubar a alma. Na escuridade, miraba ao chan buscando a luz que a noite e a néboa non emprestaban, lousas centenarias e ferros industriais. Mirando os ferros lembreime dela, de como gostaba de xogar buscando as fendas das que xurdían as lendas da infancia. Foi nese intre cando agradecín que os sumidoiros non fosen obxectivo dos flashes, xa que lle terían roubado (alomenos) esta parte da súa alma.






Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:29:00 | 1 comentarios
20.3.08
Enfoques

Séntome na miña pequena mesa chea de cousas que non sei de onde saíron (estou comezando a me preocupar seriamente pola kippelización) e prendo o portátil. Unha serie de xesto mecánicos lévame a iniciar o navegador e conectar o cliente de mensaxería instantánea. Por que o conecto? Acaso un escritor non ten que estar só? Que pensaría Kafka de min? Inútil, faste chamar escritor e non tes conflito interno, es un fraude, deixa as letras para aqueles que as saben colocar na orde precisa. Si, seguro que se aproximaría a iso.

Non consigo ser orixinal, xa ves monólogo interior, citando a Kafka e aínda por riba o tema do escritor. Comezamos ben, o seguinte paso vai ser escribir un thriller sobre un asasino en serie e o a súa alma xémea en forma de policía que o persegue. Buf! Xa sei, dareille unha volta.

Sentouse na pequena mesa ateigada de obxectos máis ben inútiles onde tiña o baqueteado computador no que acostumaba pasar os días escribindo. O cuarto reflectía ambiente de traballo que el gostaba denominar opresión creativa. Relacionaba a súa falta de éxito co feito de estar apartado dos grandes autores contemporáneos. Por que non terei agregados escritores no canto de fanáticos das series flah online?

Alá, xa estou outra vez cos monólogos. Seica volveu o século XIX? O caso é... que a min gústame o efecto. Nah, que saberei eu. Teño que deixar de ler tanta merda. Voume sacar o carné da biblioteca e alí terei resposta, seguro que acho libros orixinais que me traian a inspiración. Baixaríaos de internet pero non son quen de ler nunha pantalla e a impresora non me funciona. Ademais na biblioteca seguro que atopo xente interesante. Pode ser un bo lugar onde promocionarme socialmente. Si, seguro...

Era un fracasado, aquel home sentaba todos os días na mesma mesa e nunca escribiu nin unha soa liña que pagase a pena. Estaba obsesionado coa calidade dos seus textos, non, en realidade co que estaba obsesionado era co éxito. Se deixase de mirarse o embigo é posible que conseguise facer algo de calidade, mesmo entretido pero parecía máis pendente da recepción do público e sobre todo da opinión que lles merecería a críticos e escritores de prestixio.

Creo que teño que deixar isto, vou mirar se teño correo...

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 17:04:00 | 5 comentarios
15.3.08
Verde escuro
O inxectable estaba a facer efecto no seu corpo. Notou coma a rixidez dos músculos das costas comezaba a desaparecer. Inspirou forte e apoiou as mans sobre os xeonllos. Tiña a cabeza gacha e a curvatura do lombo conferíalle o aspecto dun C. - Crápula, iso é o que son. Debo saír de aquí antes de que cheguen.

.... toc ... toc ... clac!

Os ollos afundidos nas cuncas estaban vidrosos e inxectados en sangue. A cabeza comezou a moverse de xeito descontrolado en todas as direccións. O C converteuse de súpeto nun T. Tremeulle todo o corpo ao se erguer de súpeto, pode que a rixidez desaparecese pero a enerxía tardaría en voltar. A suor empapaba a súa camiseta lixada e escocíalle as feridas que tiña no peito.

... shish ... shish ... ah!

A dor fixo que levase a man rapidamente ao pescozo, notou coma o sangue caia quente por entre os dedos. Tratou de dar a volta e buscar na escuridade, pero non foi quen.
Agora estaba quedo, sen forza apenas para se manter consciente. Ficou en silencio e escoitou como a chuvia golpexaba ritmicamente na cuberta daquel galpón inmundo, o ruído metálico das gotas contra a cuberta de metal tranquilizouno.
Aínda non se atopaba con ánimo de voltar ao mundo real, alí no seu refuxo sentíase mellor. Notou como a mente se lle aclaraba pouco a pouco, a claridade comezaba a iluminar parte dos seus pensamentos. Determinación, si, iso é. As palabras retumbaron con eco no seu interior. Palabras, non feitos. Todo eran palabras, imaxes e ruídos, os feitos alonxáranse xa hai tempo do seu camiño.
O botón co pequeno cartucho amarelo fixo "clic" e o seu sistema nervioso volveu a reactivarse. Recargarse, volver ao nivel máximo.

... triw ... briw ... ... ... fsiwsh

Notou o medo novamente ao percibir, agora si, na sombra a luz verdosa daqueles ollos que agardaban o seu momento.


___________________

Tedes a versión eléctrica aquí.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:46:00 | 4 comentarios