gardei rabaños máis alá de Orión...
15.3.08
Verde escuro
O inxectable estaba a facer efecto no seu corpo. Notou coma a rixidez dos músculos das costas comezaba a desaparecer. Inspirou forte e apoiou as mans sobre os xeonllos. Tiña a cabeza gacha e a curvatura do lombo conferíalle o aspecto dun C. - Crápula, iso é o que son. Debo saír de aquí antes de que cheguen.

.... toc ... toc ... clac!

Os ollos afundidos nas cuncas estaban vidrosos e inxectados en sangue. A cabeza comezou a moverse de xeito descontrolado en todas as direccións. O C converteuse de súpeto nun T. Tremeulle todo o corpo ao se erguer de súpeto, pode que a rixidez desaparecese pero a enerxía tardaría en voltar. A suor empapaba a súa camiseta lixada e escocíalle as feridas que tiña no peito.

... shish ... shish ... ah!

A dor fixo que levase a man rapidamente ao pescozo, notou coma o sangue caia quente por entre os dedos. Tratou de dar a volta e buscar na escuridade, pero non foi quen.
Agora estaba quedo, sen forza apenas para se manter consciente. Ficou en silencio e escoitou como a chuvia golpexaba ritmicamente na cuberta daquel galpón inmundo, o ruído metálico das gotas contra a cuberta de metal tranquilizouno.
Aínda non se atopaba con ánimo de voltar ao mundo real, alí no seu refuxo sentíase mellor. Notou como a mente se lle aclaraba pouco a pouco, a claridade comezaba a iluminar parte dos seus pensamentos. Determinación, si, iso é. As palabras retumbaron con eco no seu interior. Palabras, non feitos. Todo eran palabras, imaxes e ruídos, os feitos alonxáranse xa hai tempo do seu camiño.
O botón co pequeno cartucho amarelo fixo "clic" e o seu sistema nervioso volveu a reactivarse. Recargarse, volver ao nivel máximo.

... triw ... briw ... ... ... fsiwsh

Notou o medo novamente ao percibir, agora si, na sombra a luz verdosa daqueles ollos que agardaban o seu momento.


___________________

Tedes a versión eléctrica aquí.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:46:00 |


4 Comentarios: