gardei rabaños máis alá de Orión...
5.2.08
Cae a noite nos peiraos

Caía a chuvia intensamente sobre a cidade baleira. Os grises edificios, enormes e con aspecto descoidado, semellaban rochas batidas polo anoxado mar dos trebóns. Alí, na pequena calexa que formaban os dous edificios, baixo a maraña de cables había unha figura de aparencia fráxil e misteriosa. As pequenas mans daquela sombra xogueteaban dun xeito distraído cuns pequenos obxectos. Na distancia non se apreciaba mais nada.

Seguin camiñando de xeito áxil pegado aos muros de cemento que me gorecían da fría e contaminada chuvia que asolaba a cidade aquela noite. Xa me atopaba demasiado mal como para cargar cun arrefriado. Non conseguía deixar de pensar en que toda a xente que pasaba miraba para min e sabía cara onde me dirixía.

Ao achegarme máis distinguin ao vello Joebs naquela figura escura e inqueda que divisara na distancia. Joebs fora en tempo un dos mellores piratas da zona. Era capaz de se colar nos sistemas de tódalas grandes empresas e financeiras, as barreiras da internet non eran quen de frear as súas habilidades e o seu instinto. Traballara durante anos para as organizacións de Hizaichi. Ao final, co avance da rede e a aparición da comunicación ciberespacial holográfica, as súas habilidades perderon enteiros e foi perdendo presenza en favor dos novos piratas, que ademais da cabeza precisaban os implantes e a axilidade propia dos asaltantes de dilixencias.

Joebs tratara de afacerse ao novo modo en que as cousas funcionaban, pero hai cambios que non son fáciles de asumir. Sometérase a unha cirurxía para se por implantes no brazo. A misión deses implantes sería dotar ao seu brazo dereito de mecanismos para penetrar na rede saltando controis de seguridade mediante un código universal e tamén de pequenos artefactos de sabotaxe entre as unllas. A operación non saiu tan ben como contaba e o seu brazo en vez de ir para mellor, converteuse nun problema máis para el. Agora ese brazo apenas tiña movilidade, e precisaba numerosas substancias para poder calmar a dor.

Agora estaba fóra do mundo, déranlle a patada como quen se desfai dunha tostadora na que non cabe un novo formato de pan. Sen embargo, alí na sombra, era a única esperanza que me quedaba. Necesitaba das súas drogas para seguir vivo. A dor producida pola abstinencia estaba a acabar comigo.

Por fin cheguei onda el. A imaxe sería desagradable para calquera que non estivese acostumado. A súa cara semellaba non ter pel case e os seu ollos estaban completamente brancos. O efecto dos inxectables fixera estragos nel. Eu non me podía permitir sobrebrecollerme, así que o trato foi unha xestión máis. Os saúdos e as formalidades para as altas esferas.

Cando voltaba para o meu cuarto, pensaba que era inevitable. Algún día mudaría a tecnoloxía e eu ficaría no mesmo punto que o pobre Joebs. Con todo xa me voltaba sentir grande e talentoso. Polo de agora...

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:25:00 |


10 Comentarios:


  • At 12:03:00 da manhã, Blogger A rapaza do arco

    Gústame, o relato e esta nova faceta ;)

     
  • At 4:50:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    Cada vez te vas poñendo mais escuro e mais misterioso. Mola:)

     
  • At 10:55:00 da tarde, Blogger O pastor eléctrico

    Alégrame que gostasedes.
    Este vai máis na liña cyerpunk que os outros, hai que innovar un pouco.

     
  • At 12:18:00 da manhã, Blogger Agurdión

    Este comentário foi removido pelo autor.

     
  • At 12:19:00 da manhã, Blogger Agurdión

    Si que che gustan os cables, Pastor. E os buracos futuristas. Eu teño unha relación contradictoria con esta clase de mundos, a mesma relación que cos labirintos: por unha parte abáfanme, pola outra énchenme de curiosidade.

     
  • At 9:10:00 da manhã, Blogger Mario

    Eu tamén aplaudo esta nova faceta, que dure moito e nos dea pequenas xoias novas coma esta.

     
  • At 11:57:00 da manhã, Blogger sergio74

    uff, esa uscuridade,jjeje
    espero verte o sabado
    o morresey forever
    saudos eunha aperta

     
  • At 7:07:00 da tarde, Blogger O pastor eléctrico

    A min os cables non é que me gusten Agurdión, pero os "buracos futuristas" si que me crean certa atracción.
    Gracias Mario, non sei se se poderá considerar isto unha xoia, pero o certo é que si que é pequeno ;) Alégrome que gostes desta faceta.
    Ao final non vou poder ir o sábado Sergio, sintoo de verdade porque teño moita curiosidade por ese proxecto voso, ten pinta de ser moi interesante. A ver se noutra ocasión...

     
  • At 1:44:00 da manhã, Blogger Roi Buligan

    O vello e nostálxico internet deu paso a holorede...O home vive nun estado semivirtual pero os vellos desexos e felicidades encapsuladas seguin vixentes como no pasado...
    O Pastor eléctrico traenos unha nova entrega da súa columna de Sci-Thriller. Edición blogosférica a un prezobyte moi asequible.
    Edicións Ovellas eléctricas

     
  • At 12:16:00 da manhã, Blogger O pastor eléctrico

    Hehe, e tan asequible. Agardo que gostases este é posible que teña máis entregas.
    Saúdos.