gardei rabaños máis alá de Orión...
24.12.07
Os meus favoritos: Philip K. Dick

Xa teño falado del neste espazo (libre e sen canon), pero sobre todo de aspectos da súa vida e obra. Obra moi coñecida aínda que sexa pola adaptación ao cinema. Aínda que no caso de Blade Runner non é moi fiel ao libro, si que capta o espírito do mundo de Dick.
É precisamente ese mundo o que máis aprezo na súa obra. Ao contrario que outros autores da ciencia ficción de mediados do século pasado, non se afastaba da terra nin da súa realidade. É certo que si ten relatos e novelas situadas no espazo exterior e mesmo nas naves intergaláticas, pero o celme das súas historias está sempre situado nos EE.UU. da posguerra. Antibelicismo, paranoia conspiratoria, falta de liberdade, militarismo, desolación... De feito algún dos seus relatos sitúase no fin dos 40 nunha norteamérica preocupada pola ameaza nuclear e sen futuro máis alá da tiranía do goberno conspirador e manipulador. The man in the high castle sitúanos nun mundo no que alemáns e xaponeses gañaron a guerra e repartiron entre si Europa e os EE.UU. Esta temática terrestre foi o xermolo do Cyberpunk desenvolto anos máis tarde por xente coma William Gibson ou Bruce Sterling.
As grandes teimas de Dick sempre foron a falta de libertade, o descoñecemento da realidade, a morte, a manipulación e as drogas. Son estes temas recorrentes na súa obra e fan un todo, pois cada un deles lévanos ao seguinte.



Todas estas cousas crean na man do xenial escritor unhas historias orixinais, magnéticas e únicas que fixeron que non sexa capaz de deixar de lelas. O ano pasado, a editorial minotauro comezou a editar en castelán as antoloxías da súa narrativa breve, dividida en cinco volumes por orde cronolóxica. Aínda faltan por aparecer as dúas últimas e xa devezo por elas. Por medio destas antoloxías, fun vendo a evolución dun home que decidiu facer carreira de escritor e que nunca parou. Esa constancia deu unha obra moi prolífica, pero tamén, e hei ser sinceiro inconstante. Está claro que ten traballos moi frouxos pero son compensados con obras magníficas e perdurables no tempo.De feito ao ler agora a súa obra, poderíamos situarnos no contexto norteamericano e supoñer que a inquedanza de Dick podía pertencer a unha persoa do noso tempo.
Por todas estas cousas, foi un autor que me fascinou. O mundo de Dick sempre será un pouco o mundo do pastor. Aínda que estes mundos do pastor son máis os de Gibson, pero diso xa falarei outro día.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:58:00 |


2 Comentarios:


  • At 1:16:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    Para min xa están ineludiblemente unidas Blade Runner, Minority Report e o Pastor Eléctrico (e tamén Cawboy Bebop, pero iso xa é un bucle mental meu). Temos que facer maratón de cine de ciencia ficción Dick, que che parece?

     
  • At 3:25:00 da tarde, Blogger O pastor eléctrico

    Bueno, a min parécee ben pero hai algunha que non vale moito. De todos xeitos, eu apúntome.
    Un saúdo.