gardei rabaños máis alá de Orión...
27.1.07
Dick e as lendas
Como xa dixera, ía falar da vida de K.Dick e de Chandler. O feito é que facer aquí unha exposición da vida e feitos do noso Señor da Ciencia-Ficción pareceume un pouco absurdo xa que na wikipedia hai un artigo moi completo sobre a súa vida. De todos xeitos, por se non vos apetece ler otras páxinas (agradezo que non cambiedes de canal) farei un esbozo dos aspectos máis peculiares da súa existencia.É curioso que en vida non foi coñecido, aínda que si recoñecido e aclamado polos seus contemporáneos, destacando a Stanislaw Lem (autor de Solaris, levada ao cinema en 1972 por Tarkovsky) e polos seguidores da C.F. O seu recoñecemento mundial veu tras Blade Runner (1982) de Ridley Scott, que está baseada na novela Do androids dream of electric sheep? do ano 68. O peor para el é que nin sequera foi quen de ver Blade Runner posto que faleceu antes da súa estrea.A parte máis estraña da vida do mestre da ciencia ficción é a que ten a ver coas alucinacións que afirmaba sofrer, chegando a niveis de paranoia moi elevados. As súas visións ían dende xesuscristo e o imperio romano ata a máis alta tecnoloxía de control por láser. Chegou a afirmar que levaba unha vida dobre, sendo nunha delas Tomás, un cristián perseguido; e que a historia detivérase no s.I e o I.Romano non caera aínda. Tamén dixo estar en contacto cunha entidade de caracter divino á que se refería co nome de VALIS, que posteriormente deu título a un dos seus libros.Tendo esto en conta, eu (e supoño que máis de un) pregúntome ata que punto é verdade todo isto. Foi certo que sofría estas alucinacións por causa das drogas ou era todo unha forma de reclamar atención cara a súa obra, afincada nun segundo plano permante. Moitas veces cítase o curioso caso no que insistiu en que seu fillo pequeno estaba a morrer e que tras numerosas probas, foille descoberta unha hernia inguinal que podería ter rematado coa vida do pequeno. O certo é que foi un adiantado ao seu tempo que non tivo en vida o recoñecemento que lle era propio.A súa visión dos mundos futuros distaba moito das tranquilas e modernas vidas que presentaban outros autores da época, Dick adiantou varios anos o Ciberpunk que logo popularizaría William Gibson nos anos 80 e que aínda hoxe ten moita influenza en filmes coma Matrix e sobre todo no anime xaponés. Dick afondaba nas miserias humanas e na idea da autodestrucción do home. É recorrente na súa obra a época post-conflicto nuclear, isto pódese explicar polo medo real que tiña entón pola posibilidade de que isto acontecera. En vida foi contrario á guerra do Vietnam e simpatizou coa xeración Beat. É notable a influenza que tivo en posteriores autores do xénero.Dito isto, queda claro que os grandes xenios sempre teñen un algo de misterio ao seu redor. Iso ou que son uns excéntricos ou uns tarados. Se queredes(mos) ser xenios, deberiamos ir creando as nosas propias lendas.
Etiquetas: Literatura
publicado por O pastor eléctrico ás 12:45:00
|
-
O arquetipo de artista desquiciado polo mundo é un produto contemporáneo, que se debe a que por primeira vez, dende o romanticismo, se valora a imaxinación como un instrumento para chegar á verdade. Na modernidade, nunca se vira cousa ao paso, e as excentricidades eran seriamente penadas pola crítica. O artista debía ser fillo da razón, e a súa arte en parte filla da ciencia.
Penso que cómpre que o artista teña en conta ámbolos dous baremos. Ainda nacen xenios de pensamento sereno, que atopan a felicidade na vida. E, por certo, en nada debemos envexar aos outros. Non hai arte que pague gastar unha vida trastronado.
-
Concordo bastante con Agurdión, aínda que é certo que grandes doses desa imaxinación e unha inclinación mínima cara a autosuxestión colocan a calquera creador no borde da excentricidade (polo menos). En realidade, salvo nalgúns casos de desequilibrio claro, o que hai é unha percepción distinta da realidade, seguramente auto-creada. Por pensar, penso no rapaz de American Beauty gravando a beleza durante horas nunha bolsa no vento (e de paso en Padre de Familia: "é unha bolsa!!! unha puta bolsa de merda!!!")
-
Eu moito me teño preguntado por esa natureza atípica e o desequilíbrio mental de rigor dos xénios. Non digo que neste caso non sexa todo absolutamente verídico, pero non haberá moito de búsqueda da loucura no público para con todos aqueles/as que se converten en mitos da literatura, o cine, etc?.
A min cóstame moito crer que entre tantos mitos non haxa un só que sexa unha persoa aburrida, de hábitos normais e mentalmente equilibrado... Quizais nos gusta en xeral pensar nos xenios coma seres distantes que coma aquel/a que pode ir ao noso lado no autobús.
Sexa como sexa o que importa realmente é o seu traballo, do outro xa... vive e deixa vivir.
-
Vaia historia!! Coincido co Moucho en que seguro que hai xenios superaburridos, pero semella que a xenialidade e a tolemia (ou a excentricidade, todo depende da pasta que teñas) van a miúdo xuntas. A. Huxley, por exemplo, tamén dicía ter contacto con extraterrestres, e onte entereime (vendo Cuarto Milenio, que pasa!) de que Jung vía pantasmas. Supoño que hai determinadas actividades intelectuais que favorecen este tipo de experiencias.
-
Ben, gostame a disparidade de opinións. Gracias por abrir a veda Agurdión.
Polo que se ve, non son o únco que non cre que todo sexa tal como se conta. É ben certo por outra banda que pode haber algo de verdade no que se conta destas figuras destacadas. Habería que ver tamén que nalgúns casos, estamos diante de xente con problemas reais de percepción da realidade. Como di a Raíña, "determinadas actividades intelectuais"=+alucinóxenos? poden favorecer isto, chegando a seren alguén que non es.
É posible tamén que como di o Moucho, non nos goste ver a estes xenios coma se fosen xente normal...
P.D. Boa cita Mario.
-
Concordo cos demáis no de que a excentricidade dalgúns xenios ben pode ser auto-creada ou incentivada por "determinadas actividades intelectuais" (e consumo de determinadas substancias) nalgúns casos, mais tamén penso que hai autores que levan vidas anodinas e "normais",e se cadra é por iso que non oímos falar das súas vidas privadas.
Malia e todo é innegable o atractivo engadido que teñen os autores que flirtean coa tolemia, precisamente por esa proximidade a un mundo que nos é innaccesible aos máis dos mortais...
-
Estou con agurdión en que non hai nada que envexar a esa xente. É como Blake ou calquera poeta maldito tipo Leopoldo María ou Vinogil.
Penso que non son so as drogas, a pobreza e a marxinalidade non son moi boas tampouco para a saúde mental, como tampouco o é o exceso de tensión creativa.
O arquetipo de artista desquiciado polo mundo é un produto contemporáneo, que se debe a que por primeira vez, dende o romanticismo, se valora a imaxinación como un instrumento para chegar á verdade. Na modernidade, nunca se vira cousa ao paso, e as excentricidades eran seriamente penadas pola crítica. O artista debía ser fillo da razón, e a súa arte en parte filla da ciencia.
Penso que cómpre que o artista teña en conta ámbolos dous baremos. Ainda nacen xenios de pensamento sereno, que atopan a felicidade na vida. E, por certo, en nada debemos envexar aos outros. Non hai arte que pague gastar unha vida trastronado.