Por fin atopei as primeiras ovellas. Levo tras delas cousa dun mes, o malo (e o fermoso) do asunto é que ainda quedan moitas perdidas, é posible que moitas non aparezan nunca e outras nin sequera foron creadas. O caso é que coidar delas é a miña obriga e polo tanto teño que seguir na súa procura. O meu obxectivo e poder devolver esas ovellas á súa orixe. Son un rastrexador, un cowboy, un cazador de bonificacións; buscarei sen descanso namentres me cheguen os folgos, mentras os implantes cerebrais resistan o esforzo ao que se verán sometidos nesa tarefa que teño encomendada. Non teño ningunha dúbida, non poderei parar ata reunir todas e cada unha delas, é unha obriga e unha necesidade. O ciberespazo é un lugar enorme para se perder, eu mesmo aínda non estou seguro de onde é que me atopo nestes intres. A mente é igualmente vasta, nela as ideas nacen e pérdense coma as ovellas, coma elas son eléctricas e as veces, coma elas; irracionais. Non teñades medo, coma elas tamén, case sempre; son mansas.
Na miña viaxe através do xeo, tratarei de dar parte aquí das incidencias, contratempos e resultados da miña busca. A tarefa de reunir tantas ovellas pode ser fastía mais non deixa de ser unha viaxe, e eu sempre gostei de viaxar. Non vos preocupedes se non dou sinais de vida durante algún tempo, estarei ben nalgun lugar. Como vos dixen antes, o ciberespazo é un lugar moi amplo, pero nunca me asustaron os desafíos. Terei sempre preparada a miña Ono-Sendai para navegar na procura do resto das ovellas.
Por certo, non me presentei. Eu nun tempo fun *********. Pero agora son coñecido co nome de O Pastor Eléctrico.
Etiquetas: Ovellas domésticas










Ía comezar polemizando... pero é cedo de máis... Non, en serio: boa impresión inicial. Que teñas sorte na viaxe e que atopes as ovellas; pero non te me poñas bíblico... Gústame o deseño; xa falaremos polo miúdo.