gardei rabaños máis alá de Orión...
19.1.07
Dick e os clásicos
Philip K.Dick está de novo de actualidade. Non só se estreou recentemente o filme "A Scanner Darkly" baseado na novela homónima, ademáis acábase de anunciar que varias das súas obras, entre elas "Do androids sleep with electric sheep?" van ser publicadas na colección da Library of America. Nesta colección, edítanse os grandes clásicos da literatura norteamericana. A edición é do máis coidado que se pode ver, tapa dura en coiro e folla de biblia.
O editor Max Rudin comparaba a Philip K.Dick con Raymond Chandler, por facer uso de convencións de xéneros menores como a ciencia ficción ou a novela negra (concretamente das famosas revistas pulp) e convertilos en literatura de grande calidade. É unha cousa ben certa que todo xénero ten os seus maestros. Deixando á parte a catalogación de xéneros, e o desprestixio literario dalgúns, hai que dicir que das mentes de Chandler e Dick saíron algunhas das mellores historias do século XX. Non só polos libros e os filmes inspirados neles, senón pola influenza e a repercusión na cultura de masas que tiveron, quen non recorda os papeis de Bogart como Marlowe ou ao meu compadre Rick Deckard, interpretado por Harrison Ford . Estas personaxes son auténticas iconas da cultura actual, e por méritos propios. Tanto os das historias coma os propios actores, xa que ambos teñen moito peso, no caso de Harrison Ford a pesares da década execrable que leva. Ao seu favor ten ser Han Solo, Deckard, Indiana Jones... Xa lles (nos) gustaría a moitos.
Unha das cousas que teñen en común estes dous autores é a capacidade de recrear mundos que nos son axenos, uns por defecto e outros por exceso temporal, pero todos eles chegan a sernos cercanos, case propios. A intriga, ao contrario do que poida parecer, non é o elemento máis importante nestas historias. Hai moito máis que iso. A recreación de lugares (ficticios ou non) a capacidade de retrato de personaxes, a profundidade dos protagonistas e os debates internos; e o reflexo dunha socidade enferma que se destrúe a si mesma, o caos.
O detective, como vemos, non só indaga na investigación que se lle encomenda, senón que descobre para os lectores/espectadores todo un mundo de elementos moi ben conseguidos en ambos casos. Estas historias de detectives sempre foron moi populares, son case incontables os libros, filmes, series de TV, cómics, videoxogos... que tratan o asunto do detective dun ou outro xeito, son cousas que non pasan de moda, seguramente por todo isto.
Cabería dicir moitas máis cousas sobre ambos autores, posto que por facer similitudes, ambos tiveron unhas vidas bastante interesantes, seguramente voltarei a faler deles nalgún outro momento da viaxe.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:02:00 |


6 Comentarios:


  • At 1:29:00 da manhã, Blogger Arale Norimaki

    Eu confésome grande ignorante da vida persoal de Chandler e Dick (así que os vindeiros posts sobre o tema son benvidos), o que non lle resta intensidade á miña atracción polas figuras de Marlowe e Deckard, como ti ben dis, auténticas iconas do século XX. Haberá que botarlle un ollo ao filme malia esa crítica, a min Waking Life non me resultou tan insufrible, só que tiven que vela un par de veces para poder quedarme con todo... ^^U

     
  • At 2:46:00 da manhã, Blogger moucho branco

    Eu son dos que non soportan o desprestixiamento de xéneros cinematográficos ou literarios, que é unha tendéncia innata e definitoria da crítica e certo sector do público para se lexitimar. En tódo-los xéneros hai obras mestras, e quen mellor pode atopalas e recoñecelas é o público do xénero, dende logo non quenes o desprestixian.
    Eu só podo dicer que adoro a Marlowe e que desfrutei todas e cada unha das veces que vin Blade Runner ao longo dos anos, anque non me considero especialmente devoto de ningún dos dous xéneros.

    un saúdo.

     
  • At 9:48:00 da tarde, Blogger Mario

    Pois mira que eu sempre escoitei que a novela de Dick era mala de solemnidade... e ao final vou ter que lela.

     
  • At 1:45:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    Parece que en Cinema Friki non deixan moi ben á peli, pero só pola frase "planos estéticamente incribles" xa dan ganas de ir. A min sempre me deu a sensación de que había libros que eran particularmente "cinematográficos", que estaban pedindo a berros unha peli, e coido que tanto con Dick como con Chandler (a quen non lin, unha das miñas múltiples e imperdoables lagoas)pasa un pouco iso.
    Por outra banda, encantaríame que profundizaras nas súas vidas, e tamén na atracción irresistible das figuras que crearon. Como reto para todos: cal credes que é o segredo?

     
  • At 11:03:00 da manhã, Blogger O pastor eléctrico

    Estou contigo Moucho, todo xénero ten as súas xoias, non se pode xeneralizar e menos en xéneros tam amplos en estilo e temáticas. Respostando ao Mario, dicir que non é a mellor novela de Dick na miña opinión, pero deixa ver un futro inquedante. É posible que a película estea máis conseguida, aínda que a lectura do libro complementa un pouco o contido de esta.
    Non vos preocupedes Arale e Raíña, seguirei a falar da vida de estes dous narradores e temén das figuras que crearon. Repito que a vida de cada un deles non ten desperdicio, tanto polo pouco convencional coma polas anécdotas.
    Un saudo a todos.

     
  • At 7:22:00 da tarde, Blogger A rapaza do arco

    É certo que isto dos detectives nunca pasará de moda porque, tanto se miramos para atrás como se nos transportamos a un futuro cibernético o interese polo oculto, polos misterios escuros nunca desaparecerá debido ao que para min é unha cualidade do xénero humano, a curiosidade e as ganas de meter as narices en todo :) Sempre fará falla un Marlowe ou un Deckard.