Pensou que o peor non chegara aínda. Estaba cativo, si, pero iso non ía ser todo. Axiña chegaría alguén. Un gardián.
Un ruído metálico, coma de pasos. Pero non eran pasos normais, non. Non eran as pesadas botas dos gardas, nin o ruído que fan os androides ao camiñar. Non, demasiado mainos pero á vez áxiles, coma se moven as formigas por riba dun toro mol e apodrecido. Soamente unha máquina con centos de patas podería facer ese ruído e non tiña constancia da súa existencia. A suor brotou agora con máis intensidade.
Un berro terrible e afogado chegou de súpeto. Eu son o seguinte – pensou – Seguro. Desprazouse rapidamente cara a porta, como buscando unha saída que sabía imposible. A anguria foi maior.
Axeonllado fronte a porta, sen alento a penas, notou a presenza das pisadas moito máis preto. Contraéronse tódolos seus músculos e notou a dor da ferida da perna. Un salouco acompañou o salto, rápido e acompasado, cara o fondo da cela. Dende esa posición foi onde puido observar como entraban por baixo da porta metálica. Eran tres pequenos artefactos ao xeito de arañas. Coas delgadas e longas patiñas semellantes a agullas e un corpo rexo de brillante titanio. Os vintecatro pequenos ollos apuntaban vermellos feixes cara a súa face. Cun movemento rápido e sixiloso botáronse sobre el e notou os pinchazos na súa pel.
Foron uns segundos pero a dor fixo que semellasen horas. Un intre despois, os trebellos mecánicos desapareceron tal e como chegaran. Nese momento, perdeu o coñecemento.
- Bos dias, as 7:35 da mañá, hoxe as forzas da coalición desmantelaron un almacén de armamento nas inmediacións da área de seguridade do norte da rexión tres. Así mesmo, nunha incursión rutinaria, acháronse…- Cun movemento mecánico, premeu o botón do espertador e a voz metálica calou.
Ergueuse e foi á cociña buscar algo para almorzar. Non durmira ben e iso producíalle unha certa sensación de malestar, tiña a impresión de que ía ser un día moi longo na oficina. Rematou de engulir a torrada insípida e o sucedáneo de café. Daba noxo xa tanta restrición de alimento.
Colleu a roupa de traballo e foi cara o baño. Unha boa ducha sentaríalle ben. O contacto da auga morna coa pel facíalle ben. Notou ao pasar a esponxa polo brazo unha pequena molestia. Ficou xeado. Ao longo do brazo dereito e o peito, tiña preto de vinte pinchazos.
Etiquetas: Relatos
As historias de agullas e imprantes subcutáneos sempre connotan os réximes totalitarios do futuro. Algo semellante debeu sentir ao espertar o tipo do que nos falaron á tarde, que quería anular a información da firma electrónica do dni.
Non sei se me estarei tirando da moto, pero a historia apunta nesta liña. ¿Terá continuación? penso que debería. Xa sabes que gosto das historias longas, ainda qeu sexan por entregas.