Séntome na miña pequena mesa chea de cousas que non sei de onde saíron (estou comezando a me preocupar seriamente pola kippelización) e prendo o portátil. Unha serie de xesto mecánicos lévame a iniciar o navegador e conectar o cliente de mensaxería instantánea. Por que o conecto? Acaso un escritor non ten que estar só? Que pensaría Kafka de min? Inútil, faste chamar escritor e non tes conflito interno, es un fraude, deixa as letras para aqueles que as saben colocar na orde precisa. Si, seguro que se aproximaría a iso.
Non consigo ser orixinal, xa ves monólogo interior, citando a Kafka e aínda por riba o tema do escritor. Comezamos ben, o seguinte paso vai ser escribir un thriller sobre un asasino en serie e o a súa alma xémea en forma de policía que o persegue. Buf! Xa sei, dareille unha volta.
Sentouse na pequena mesa ateigada de obxectos máis ben inútiles onde tiña o baqueteado computador no que acostumaba pasar os días escribindo. O cuarto reflectía ambiente de traballo que el gostaba denominar opresión creativa. Relacionaba a súa falta de éxito co feito de estar apartado dos grandes autores contemporáneos. Por que non terei agregados escritores no canto de fanáticos das series flah online?
Alá, xa estou outra vez cos monólogos. Seica volveu o século XIX? O caso é... que a min gústame o efecto. Nah, que saberei eu. Teño que deixar de ler tanta merda. Voume sacar o carné da biblioteca e alí terei resposta, seguro que acho libros orixinais que me traian a inspiración. Baixaríaos de internet pero non son quen de ler nunha pantalla e a impresora non me funciona. Ademais na biblioteca seguro que atopo xente interesante. Pode ser un bo lugar onde promocionarme socialmente. Si, seguro...
Era un fracasado, aquel home sentaba todos os días na mesma mesa e nunca escribiu nin unha soa liña que pagase a pena. Estaba obsesionado coa calidade dos seus textos, non, en realidade co que estaba obsesionado era co éxito. Se deixase de mirarse o embigo é posible que conseguise facer algo de calidade, mesmo entretido pero parecía máis pendente da recepción do público e sobre todo da opinión que lles merecería a críticos e escritores de prestixio.
Creo que teño que deixar isto, vou mirar se teño correo...
Etiquetas: Ovellas domésticas, Relatos
A verdade é que si. E coa cantidade de cousas que se aprenden vendo filmes e a de xente que se obsesiona (só) cos libros.