gardei rabaños máis alá de Orión...
15.2.07
O novo Auster
Recentemente vinme nunha situación ben curiosa. Non é que sexa nada do outro mundo, xa que no fondo non deixa de ser unha mudanza dos hábitos. O caso é que fun mercar a nova novela de Auster, e topei coa sorpresa de que había unha traducción ao galego. Xa sei que "Brooklyn Follies" tamén fora editada por Galaxia, pero eu tiña o exemplar de Anagrama. Nun primeiro momento foi unha situación estraña, lería por primeira vez a Auster nunha lingua diferente, aínda que non é coma cando lle muda a voz a unha personaxe da TV, para min facíase raro. Acostumado á forma de expresarse nas versións en castelán, resultábame curioso ver formas novas na escrita. No fondo, isto non é relevante, xa que as expresións dos orixinais son diferentes á forza. A novidade polo tanto foi dobre, novo libro e nova lingua. A experiencia foi positiva, gostei de poder desfrutar dun dos meus autores favoritos no meu idioma.Isto é algo que dende hai pouco comeza a ser posible. Non fai moito era imposible ter traduccións ao galego de algo posterior aos 80, e aínda menos que as traduccións apareceran ao mesmo tempo que as españolas. Como é obvio que non podemos ler a todos os autores no orixinal, é preciso ter boas traduccións no idioma de cada un. Isto comeza agora a ser unha realidade. Lía estes días atras en blogs amigos, comentarios ao respecto. O caso que citaba Mario de Houellebecq (A posibilidade dunha illa), é particularmente revelador. Temíase dende alguns sectores editoriais, que a competencia coas versións españolas non sería posible. Casos coma este demostran o contrario. Penso eu que o lector galego, opta polas traducións na súa lingua, sobre todo se é lector de literatura galega. É un xeito de potenciar e normalizar o sistema literario galego. Toda literatura precisa de traduccións, non é posible que estea aillada do resto da producción, aínda que teña particularidades. Paréceme un avance moi positivo tanto para o sector editorial galego coma para o propio sistema literario.
Cabe destacar o grande traballo de Rinoceronte, que está a realizar grandes traduccións de libros moi interesantes. O tema das traduccións gaña especial importancia no medio editorial se temos en conta que no sistema estatal, o volume de venda das traduccións é moi superior (como cabe agardar) ao da producción propia.
Agora, o que se me fará estraño non será ler a Auster en Galego, senón ler a Houellebecq en español. Etiquetas: Literatura
publicado por O pastor eléctrico ás 22:26:00
|
-
Xa sei que é moi doado falar a touro pasado, pero o da rendibilidade das traducións en galego caía de caixón, máis que nada porque no resto dos idiomas tamén se vende máis traducido. E tras moitos tímidos intentos, alén de traducións máis ou menos inútiles (moitos dos clásicos, o quixote, etc...) tivo que ser unha editora independente a que sacudise o mercado do libro en galego. Benvidos Auster, Houllebecq, Amis, Baricco... aver cando me traen a seguinte de Welsh, e máis literatura de muller, asignatura pendente de Rinoceronte, ao meu ver.
-
peréceme estupendo... eu, que son moi maniático quixera poder lelo todo na língua orixinal, pero polo momento só podo facelo cos que teñen tal edición orixinal en castelán, galego ou inglés, e non teño previsión de aprender novos idiomas nun futuro próximo... así que de ler traducido que sexa no idioma próprio, como é lóxico.
-
-
bidibidi bem-vindo ao meu blog Pastor eléctrico! Eu também som fã da gente de Rinoceronte, em este post do passado dezembro coloquei um vídeo do programa de literatura do Manolo Romón na TVG que encontrei por casualidade no youtube http://modernodemerda.blogspot.com/2006/12/track-10-minha-editorial-favorita.html até o de agora estou com o de Paasilina e com o do "condutor de autobus" por ser livros que nem estavam em galego nem em português. Todo um fito no nosso país o desta editora. É precisso que todos apoiemos estas iniciativas. Um abraço e coide bem das ovelhas (sobre todo das negras).
-
Iso de que as traducións ao galego non tiña futuro é un exemplo mais de como nos temos a nós mesmos a menos, e como nos ven dende fóra. É obvio que moita xente le (lemos) sobre todo tradución (a cantos frikis da literatura española coñecedes?)e que, postos a escoller entre a versión galega e a española, imos escoller ler en galego. O seguinte paso será que teñamos edicións de textos técnicos en galego, pero témome que para iso aínd ten que chover...
P.D: que foto mais chula escolliches para este post, é moi chadleriana (ou rollo Jessica Fletcher):p
-
Dende logo é algo de agradecer, e absolutamente necesario para que o nosa literatura e lingua se normalicen. Ademais, isto ofrece outra avantaxe, xa que as traducións polas que un sistema literario aposta responden a unha serie de necesidades, pola demanda dos lectores ou por tratarse de literaturas estranxeiras que comparten características, preocupacións ou que interactúan coa literatura que as traduce. Semellaba que até o de agora eramos unha illa do que non saía nen entraba nada que non viñese tamizado pola cultura española. Agora temos tamén un poder de decisión, do que editoriais como Rinoceronte está a facer uso fantástico.
-
Levo un anaco retorcendo os miolos para lembrar o nome dunha pequena editorial da que tiven noticia este verán que seica fai traducción do ruso e do alemán ao galego pero non hai xeito, a ver se mañá dou co nome.
Polo demáis, que dicir que non dixeran xa os demáis, iniciativas como as de Rinoceronte non fan senón enriquecer o panorama cultural ao tempo que derruban os falsos mitos sobre a inviabilidade das traduccións ao galego. Espero que lle prougan esas lecturas ;)
-
Si Mario, eu tamén agardo o novo de Welsh con impaciencia.
Bueno Moucho, non es o único. Eu tamén querería saber máis idiomas, pero creo que polo de agora non se me arranxa.
Benvido ti tamén gustavo harvey (ou prefire que se lle chame Moderno?)Moitas gracias polo link e pola visita.
A foto mola, eh Raiña? Respostando á túa pregunta; non, non coñezo ningún friki da literatura española.
Rapaza, coido eu tamén que estas traduccións son unha fonte boísima de intercambio cultural entre diferentes sistemas literarios.
Pois si Arale, parece que todos adoramos a Rinoceronte. Non fai falla que acabes con dor de testa por recordares o nome, pero se algún día te lembras del, faimo saber.
Xa sei que é moi doado falar a touro pasado, pero o da rendibilidade das traducións en galego caía de caixón, máis que nada porque no resto dos idiomas tamén se vende máis traducido. E tras moitos tímidos intentos, alén de traducións máis ou menos inútiles (moitos dos clásicos, o quixote, etc...) tivo que ser unha editora independente a que sacudise o mercado do libro en galego. Benvidos Auster, Houllebecq, Amis, Baricco... aver cando me traen a seguinte de Welsh, e máis literatura de muller, asignatura pendente de Rinoceronte, ao meu ver.