A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos... son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.
Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.
- Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de "Malditos! No respetan ni lo más sagrado", "Me ponen en una situación muy delicada" ou "Es hora de repartir algunos regalos".
- Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.
- Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.
- Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.
Etiquetas: Cinema, Ovellas domésticas
dios, Grandísimo!!! Este é o Gran post Épico! hahaha. É que non sei cal delas me gusta máis.
Creo q tes que escribirlles aos teus amigos Sórdidos e falar con eles de estes posibles guións. Eu ofrézome voluntaria como man de obra no claymation :P.
Boísimo, en serio. hahahaa