gardei rabaños máis alá de Orión...
19.11.08
Deixa en pausa que vamos comer

Cando un ten moito tempo libre, ou anda demasiado ocioso, ou está recluído na casa, ou simplemente é un gamer empedernido (algún día deberiamos levar á academia galega unha proposta de galeguización de termos referidos aos frikismos variados), pode pasar que lle veña a nostalxia e descargue un emulador. Recoñezo que eu mesmo caín varias veces nesa espiral de vicio melancólico.

Pasei moito tempo xogando grandes títulos dos 80 e 90. Algúns xa os desfrutara no seu tempo, pero a inmensa maioría eran novos para min. É toda unha experiencia ver en que consistían aqueles xogos que só coñecía polas tapas das caixas que viñan na Hobby Consolas. Aquelas portadas debuxadas a aerógrafo que ocultaban o escaso atractivo gráfico real ou simplemente buscaban público adolescente mediante heroínas de grandes capacidades e réplicas de Rambo e Conan. A maioría das veces, probar eses xogos, é unha decepción. Sobre todo aqueles primeiros intentos de xogos de acción ou shooters, que eran coma unha peli de A3: argumento pretensioso, grandes anuncios, moito presuposto e un resultado para soterrar e evitar pronunciar o seu título en presencia de calquera ser humano.

Pero os emuladores teñen un erro no seu intento de recuperar sensacións de infancia. Algúns superficiais, coma o feito de que a pantalla do ordenador vai acender moito antes que a da vella TV na que tiñas o Spectrum ou o pequenos detalles coma que a ninguén se lle ocorreu facer un adaptador para o mando da Super NES. O grande defecto é que os emuladores permiten a opción de Gardar Partida.

Se ben os gráficos dos xogos de 8 e 16 bits non eran especialmente realistas, o sistema de xogo de -tes que facer todo seguido e se perdes todas as vidas acabou- achégase máis á realidade que andar gardando a partida antes de afrontar algunha fase complicada. Falando con agurdión decateime do pouco interesante que sería a vida con esa opción. Teño exame final de carreira, gardo partida por se acaso.

Lembro tamén pasar tardes enteiras xogando ao Sonic, ao Alex Kidd, ao Rocket Knight... Superando unha fase tras outra, intercambiando o mando cos meus irmáns e notando a tensión cando máis se achegaba o momento de eliminar ao xefe final e poder contemplar o remate do xogo. Ás veces este consistía só nunha listaxe de créditos cunha música tan cutre que daba gana de queimar con todo.

Os emuladores permitíronme tamén rematar La Abadía del Crimen, o xogo baseado no libro de Eco O nome da rosa. Un xogo tan complicado e longo que pensei que non tería créditos ao final porque ningún dos programadores pensaría que alguén sería capaz de rematalo. Iso si, non obtiven nen a metade de satisfacción que a primeira vez que vin a Alex comer a súa derradeira e xigante hamburguesa.

Levo tempo pensando en vender a Master System, pero non acabo de decidirme. Igual ten todo isto algo que ver.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:41:00 |


3 Comentarios:


  • At 1:39:00 da manhã, Blogger Mario

    A min o que me mata é a inmensiadade de opcións. Cando eras cativo tiñas que agardar meses ou un ano para ter un xogo novo e aí adicábaste a queimalo, a rexogalo, a batir os records, a pasalo en modo mania... Era o que había e ía pasar moito tempo antes de que houbese outro. Agora vexo todos os xogos da Megadrive nun cd e xa non che teño tantas ganas de xogalos. Se comezo un e non me atrae paso para outro e así sucesivamente.

    Non vendas a Master, eu aínda teño un MSX de cartuchos e casette que funciona, unha xoia.

     
  • At 5:18:00 da tarde, Blogger Agurdión

    Vendo as fotos das portadas dos exemplos, a de Golden Axe e a de Altered Beast (e en particular a graciosa pose da guerreira lucindo ben as pernas), decateime estupidamente da forma en que os oitenta estetizaron o mundo bárbaro e pagano dunha remota idade media. Xa sei que non é ningún descubrimento, pero ás veces un tamén necesita decatarse das cousas evidentes. É curioso que a través desta tendencia se mantén un prototipo de erotismo aínda hoxe explotado, e que podería ter como nai iconográfica a Atena Palas de Klimt.

    Sobre a Master: eu vendina cedo despois de deixar de xogar con ela. Vendina noviña, cunha ducia de xogos, por dez mil pelas. Dixéronme que fora un roubo. Hoxe non a tivera vendido.

     
  • At 4:59:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    A min encántame a testosterona gay que desprende este rollo bárbaro... E agora que dicides o de Royo, tamén me lembra ás ilustracións da Dragonlance de Larry Elmore. Pouco sutís, pero efectivas. En canto aos videoxogos... fun unha pobre nena orfa de mascotas e de videoconsola, supoño que meus pais pensaban que se che secaba o cerebro. Pobres!