Se hai un tópico para o cinema oriental (á parte de "es raro, no lo entiendo") é o da violencia. Moitas veces os tópicos son simplemente iso, tópicos, pero hai ocasións en que teñen un pouso de verdade ou polo menos, de aproximación a esta. É ben certo que os filmes orientais - refírome aqui aos coreanos e xaponeses principalmente- adoitan ter unha carga importante de violencia, mais non é unha simple plasmación dela senón unha representación dalgo tan propio (e tópico tamén) destas sociedades; as tradicións e a espiritualidade.
É por iso que moitas veces non somos quen de compreder moitas das cousas que acontecen nestas producións nun primeiro visionado ou sen ter referencias explícitas sobre certos mecanismos culturais. A maior inxustiza que se pode cometer contra estes filmes é a dobraxe. Xa falei algunha vez disto, pero é que penso que nestes casos non só se bota por terra o traballo dos actores, senón que perde o sentido completamente. Ves xente xesticulando dun xeito estraño e movendo a boca coma se berrasen mais poden estar a falar nun ton normal ou mesmo amistoso.
A violencia que está tan presente no cinema oriental (seguirei chamándolle así por economía lingüística), adoita ser consecuencia dunha profunda reflexión sobre algún aspecto social levado á transcendencia espiritual dunha cultura na que a tradición e a globalización van da man. A alta tecnoloxía e os sistemas sociais máis antigos van da man, tinguidos, iso si, dunha espiritualidade profunda.
Esta violencia pode ser consecuencia de moitas cousas pero se hai un motivo que a pode desencadear por riba dos outros é a vinganza. Non é moitas veces unha vendetta por cuestións de poder ou cartos (que ao fin veñen sendo a mesma cousa) senón unha sorte de arranxo metafísico para devolver a orde pechando un mal desencadeado por algunha entidade, en moitos casos unha persoa ou persoas.
Hai moitos xeitos de entender o cinema, nos distintos e múltiples aspectos que este ten, e cada un ten os seus gustos, pero é que cando o aspecto visual e o narrativo acadan un nivel de orixinalidade tal - sempre tomando como referencia os produtos occidentais- neste tipo de filmes que eu fico prendido deles.
Etiquetas: Cinema
se nos resulta chocante a violencia no cinema oriental é porque a nosa concepción do que é violencia e toda a carga moral que isto ten é radicalmente diferente neles, non?