gardei rabaños máis alá de Orión...
17.5.08
Poesía contra a ignorancia

DEITADO FRENTE Ó MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...


-----

Celso Emilio Ferreiro

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:16:00 |


7 Comentarios:


  • At 1:03:00 p.m., Anonymous Anónimo

    Eu non son un lector de poesía. Mais descubrin este poema coa musicación que lhe fixo García de Dios ke te crew.
    POderosa letra e Poderoso hip-hop

     
  • At 3:27:00 p.m., Blogger Gueceteiro

    Este comentário foi removido pelo autor.

     
  • At 7:05:00 p.m., Blogger Gueceteiro

    Nesta dia das Letras Galegas un bo poema reivindicando a lingua nunca ven mal

     
  • At 3:47:00 p.m., Blogger A Raíña Vermella

    Este ano o día das letras pasoume case desapercibido, grazas por recordarmo;)

     
  • At 12:33:00 a.m., Blogger the robot

    Uhm... Ferreiro e as letras galegas...

    Isto lémbrame que teño un post pendente.

    E ti unha cea. Xa che contarán.

     
  • At 11:25:00 a.m., Blogger Carvalhais

    Já tes um novo blogue que engadir à tua listagem de blogues amigos xD

    Saúdos

    Ahm parabéns polo de galego!

     
  • At 1:48:00 p.m., Blogger Clara Flor

    Moito lle gustaba a Paz este poema. Forza!