A comida rematada e as bolsas preparadas! Podemos saír. Apuramos o paso para non coller auga, o tempo é inestable nesta zona do planeta. O punto de partida era unha construción rexa, escavada na aba da lomba situada na marxe norte da cidade. Ao chegar comezaban a caer finísimas gotas que adiantaban o que podía deparar a climatoloxía na fin de semana.
Dentro do edificio a xente rebulía dun lado para o outro, cargados con pesados bolsos. Nunha esquina un grupo de soldados fumaban distraidamente. Fumaban? Se cadra non, é un edificio público non é permitido fumar neles. Digamos entón, un grupo de soldados nunha esquina, lían o Marca e discutían enerxicamente, é probable que se tratase da xogada polémica de onte.
O transporte agardaba por nos na parte inferior do complexo, alineado xunto a outros de diferentes cores e tamaños, pero coa mesma función, o transporte de persoas e pequenas mercadorías. O noso era unha vella máquina de cor grisácea, con desconchóns que falaban ás claras das moitas aventuras polas que pasara. Quizais estivera máis ao leste, nos territorios fronteirizos.
Dentro daqueles ferros oxidados, a atmosfera resultaba desagradable, un ambiente mesto de pó, humidade e suor rancia. No asento da dereita, unha vella rosmaba de seguido polo baixo. Non sei se pregaba polo bo descorrer da viaxe ou simplesmente botaba merda sobre algo ou alguén.
Polo fío musical soaba Tommy the Cat antes de me quedar durmido. O sono apoderouse de min. Comecei a soñar de seguida e viñeron á miña mente multitude de lugares onde querería rematar a viaxe. É certo, non tiñamos destino fixo, se non acordaba a tempo acabariamos nun lugar tan remoto como desaconsellable.
Trrr, trrrr. Un zunido insoportable devolveume entón ao mundo da consciencia. O móbil recordábame que hoxe tiña moito que facer ou tal vez que lembrase mercar baterias cando fixera a compra. Nese momento, xa de volta ao mundo real ou polo menos fóra do mundo dos soños, divisei pola fiestra lateral unha sorte de construción anacrónica. Pare! Baixemonos aquí. Aquelas pedras lembráronme unha vella lenda que escoitaba de pequeno e pareceume interesante investigar o lugar de preto durante uns días. Comezaba a fin de semana.
Igual non aconteceu desa maneira, pero é que teño o pésimo costume de marearme nos vehículos de transporte colectivo terrestre e as biodraminas fan un efecto curioso no meu organismo.
Etiquetas: Ovellas domésticas, Relatos
Penso que non foi pola biodramina. Se cadra Tommy the cat tivo algo que ver. Ao mellor tes o poder do móbil (para ben ou para mal) infravalorado. Ou foi a vella que che botou un mal de ollo… Isto último habría que consultarllo á Raíña :-P. Eu acabo de inxerir a pastilla (curiosamente mentres escoitaba Tommy the cat ¿Seica nos persegue o azar últimamente?) que miña nai quería que tomase onte. Non era azul ni vermella e estou case segura de que miña nai non era un negro enorme… Pero estaría ben que levase a esa sorte de construcción anacrónica tamén.