A casa semellaba agradábel, se cadra un chisco pequena (no sentido vertical do termo) mais gostaba dese ar de casa-de-bonecas. A pequena mesiña de noite cor azul pastel, coas pequenas cadeiras forradas de veludo vermello ao carón desa fiestra ras do chan que a penas lle alcanzaba os xeonllos, formaba un recuncho que algúns catalogarían como riquiño ou mesmo encantador, isto último os máis cursis. Ese conxunto traíalle á memoria a merenda no teito de Mary Poppins ou tal vez fose o té de Alicia co Sombreireiro?
As pareces mudaban de cor segundo a estancia. O verde lima do baño da segunda planta era o seu preferido, e iso que o teito era tan baixo que tivo que deixar de peitear o tupé. A hora da ducha resultaba especialmente incómoda, tiña unha dor forte na caluga de abaixar a testa xa que non estaba pensada para alguén da súa estatura, nin sequera para unha persoa de talla normal. O Cola Cao e mailo nitróxeno fixeron que as casas de antes de 1960 perderan adeptos entre as camadas máis novas.
A planta baixa tiña, na súa opinión, altibaixos estéticos fortemente marcados. Por unha banda había un pequeno gabinete cun fermoso escritorio de piñeiro e unha cadeira de madeira e vimbio que no canto de catro patas tiña unha base circular, feita de madeira rechea posibelmente de chumbo a xulgar polo peso do conxunto. Pensou que outra posibilidade era que o carpinteiro errase as medidas de madeira precisas para a confección dunha cadeira, el non sabía absolutamente nada de carpintería. A outra parte era un auténtico museo do kitsch. Dúas pezas sobresaían por riba do resto. a primeira era un tapiz de esparto que representaba de xeito bastante fidedigno unha timba de toureiros e folclóricas ante a atenta mirada dunha rea de touros e cabestros. A outra, unha consola cun xigantesco espello e dous candeeiros dos de lámpadas franqueando unha escultura de cerámica dunha muller negra tapada cunha túnica de pel de tigre (que lle deixaba un peito á vista) de pé sobre un maxestoso exemplar de antílope. Había outras pezas menos impresionantes compostas por murais feitos con fotos antigas de parentes e soldados, fotos máis recentes nas que ademais de sair os individuos cos ollos roxos, tiñan a data e hora na que fora tomada sobreimpresas en Arial 17pts. cor marela e uns cantos espellos lacados con todo tipo de motivos e artificios variados, dignos dos ebanistas máis barrocos dunha época na que a madeira debía ser un material case imposible de traballar. Tamén había espazo para unha pequena homenaxe a Mondo Lirondo, xa que pendurado nunha das paredes do salón había un diploma enmarcado que acreditaba a alguén como bordadora e patronista "cum laude".
Moita xente di que as vacacións serven para desconectar e que é ese o motivo principal polo cal van de veraneo. Neste caso, a expresión cobraba un novo sentido e mesmo era anulada, posto que no andar superior non había máis ca un enchufe e no inferior, dous. Ademais, o teléfono tiña pinta de funcionar con fichas. Lembraba ter visto unha na casa da súa avoa cando era neno pero agora vai ti saber por onde andaba.
A veciñanza era agradábel, o que mellor podía definila era diversidade. Confesoume abraiado que era como vivir en Brooklyn, con esa mestura de acentos e cores de pel. Eu maticei o de "cores" por "tons", posto que dependía de se chegaran antes ca ti ou tiñan solarium de balde co abono do ximnasio. Mágoa os taxis que eran grises, rachaban un pouco a maxia.
Con todo, descansar sempre presta e o meu amigo é, de todos xeitos, un pouco rosmón.
Etiquetas: Relatos
So podo dizer, impresionte. Formoso relato, si senhor.
Um abraço meu.