gardei rabaños máis alá de Orión...
30.3.07
Mmmmúsica, oh si!
Chégame un requerimento da Raíña Vermella que creo que partiu de mariademallou. O caso é que elaborar unha lista de cancións sempre é complicado, pero coido que desta volta o será aínda máis porque teñen que ter unha asociación sensual/sexual. Déixovos logo aquí o meu top-five de música para prender o lume. Que as desfrutedes.
P.D. Se ao acabar tedes unhas gañas irreflenables de procurar ao Pastor Eléctrico, recordade que é simplemente pola música ;)

1- Romeo & Juliet - Dire Straits -> Para os románticos
2- Love, hate, love - Alice in Chains -> Para indecisos
3- Lover you should have come over - Jeff Buckley -> Para os sensibles
4- Foxy Lady - Jimi Hendrix -> Para os resentidos
5- Last Kiss - Pearl Jam -> Para tod@s

Deixo un bonus track do home que fixo que me namorase dunha guitarra.



Como non sei moi ben quen queda sen facer isto, quen se sinta con ganas de continuar o mmmúsica, que o continúe.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 14:50:00 | 5 comentarios
25.3.07
Quedarse coas ganas e acabar contento
Xa falei algunha vez da saga Final Fantasy, creo que lle adiquei máis horas das que quedaría axeitado dicir, así que non direi nada diso. O que si direi é que xa saíu a nova entrega, o FF XII e eu non xoguei aínda, agardo poder comezar nas vacacións de pascua. Para matar o tempo, adiqueime a volver xogar un pouco a algunhas das edicións antigas. No Nadal volvin xogar o FFVII porque é unha das miñas grandes debilidades, seguro que xa vos decastes. Pois agora tocáballe ao FFV, máis problemas co emulador fixeron imposible que xogara. Así pois, dinlle paso ao FF Tactics, outro dos preferidos. A primeira vez que xoguei, foi despois de acabar por vez primeira o FFVII, alá polo 98. Un amigo meu que ten unha capacidade fóra do común para conseguir cousas de modo inmediato (anque co XII estase pasando), deixárame este xogo que non sei por que razóns non se chegou a estrear en Europa. Foi toda unha aventura poder xogar, ao ser NTSC e a miña TV non, víase en branco e negro. Tiven que mercar un cable RGB novo que adaptaba o NTSC da PlayStation. Solucionados os problemas técnicos, comecei con el. A pesares do inconveniente de estar en inglés, o que retardou bastante o meu avance, a experiencia foi marabillosa. Era un Final Fantasy pero con pegadas dos clásicos coma o Zelda, o Secret of Mana e o Disgaea. A estética era moi chula, cos típicos bonecos cabezóns con gráficos de debuxo.
A historia é de temática medieval, con loitas entre clans pola coroa, os poderes máxicos ocultos e perigosos que desencadean acontecementos que poñen en perigo o mundo, a igrexa (aparece moi ben retratada por certo), as princesas secuestradas, os enganos, etc. O modo de xogo permitía horas case infinitas de xogo, ao principio resultaba bastante máis complicado do que poden resultar os outros Final Fantasy, pero despois tiña unha complicación máis ben escasa. Aínda así non perdía interese.
No grupo tiñas personaxes de dous tipos, as xenéricas e as especiais (que tiñan que ver coa historia e tiñas habilidades propias). Cada personaxe aprendía habilidades cambiando de "oficio" (mago, clérigo, cabaleiro, arqueiro, ladrón, ninja, samurai, alquimista, geomancer, monxe, invocador, oráculo, matemático, sacerdote,bardo, mediador), combinando as artes aprendidas tiñas personaxes máis poderosos. Un dos oficios máis difíciles de descobrir e máis interesantes era o de "mimo". Con esta habilidade podías imitar calquera acción realizada por calquera personaxe durante o combate.

Entre as personaxes ocultas, estaba Beowulf, un misterioso guerreiro que abría a posibilidade de ir até unha illa do norte na que eliminar un dragón. Outra curiosidade do xogo era a posibilidade de obter a Cloud.
Asi que mentras non podo xogar ao FFXII seguirei co Tactics, igual descubro algo que non sabía.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:18:00 | 9 comentarios
18.3.07
Mi propio modulo lunar, con casinos... y furcias
Ser unha máquina ten que ter as súas vantaxes, iso é algo que sempre pensei, si non é un pensamento habitual, mais ás veces a miña cabeza non dá para máis. Certamente non debo de ser o único. Comentábame un amigo que no antroido foran disfrazados das personaxes de Futurama e que case chegan ás mans por ser Bender. Quen non quereria ser un androide tan especial, bebedor, cleptómano, festeiro, ludópata, cínico, manipulador, etc. Pois si, ten unha forma de ser que seica atrae a todo o mundo.
Non é único o caso do grande Bender, xa hai moito tempo que o home intenta semellarse ás máquinas, polo menos naqueles aspectos característicos, como a forza, a resistencia, a potencia... e tamén non apéndices extensibles, prénsiles, etc. Xa na literatura, Marie W.Shelley ideara o primeirizo home-máquina, ainda que distaba un pouco do que asociamos agora cun cyborg, é moi posible que fóse o primeiro da historia. O cyberpunk popularizou xa na década dos oitenta do pasado século estes homes-máquina, e o cinema presentounos ao grande público sempre coma entes desumanizados, demasiado robóticos, que empregaban a forza cada vez que tiñan a ocasión.
Esa deshumanización é tema central de toda a literatura cyberpunk, aínda que xa aparecera na literatura de ciencia-ficción anterior, na obra de K.Dick é recorrente por exemplo. Toda esta estética está presente no traballo de xente como Stelarc.
Stelarc é un performancer australiano de orixes chipriotas (STELius ARCadiou) que leva dende os 70 traballando sobre estas bases do corpo modificado por medios mecánicos. Nas súas representacións, traballa con brazos mecánicos, soportes de oito patas, etc. Son tremendamente curiosas, e ademáis ten moito éxito, é raro ver unha actuación súa da que non se vendesen todas as entradas.
Este mércores día 21, actúa en Santiago de Compostela Marcel.lí Antúnez na Sala Nasa. Marcel.lí foi fundador de La fura dels baus mais abandonou o proxecto por diferenzas creativas. Seu espectáculo incorpora ademais dos elementos mecánicos os elementos virtuais, nos que o público é un factor moi importante. A interacción entre o espectador e o performer chega aquí a novos niveis. Se tedes ocasión de asistir, non o dubidedes. Se non, sempre poderedes montar a vosa "propia performance, con casinos... y furcias".





Etiquetas: , ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:52:00 | 4 comentarios
15.3.07
Manual para a pedantería profesional
Falar de libros que non se leu, está claro que quen máis e quen menos fixo algunha vez isto (podería aplicarse a outros eidos, coma o cinema). Disto trata un libro escrito polo profesor de literatura e psicanalista francés Pierre Bayard. O título é Comment parler des livres que l'on n'a pas lus?, que ven ser Como falar de libros que non liches?
Esta práctica resulta máis corrente do que semella, xa que como o propio autor sinala, é imposible ler todo: os clásicos de tódolos sistemas, as novidades, as propostas menos convencionais, os Best Sellers... No caso destes últimos, o caso faise máis notable, xa que todo o mundo fala deles con "coñecemento de causa" pero non todo o mundo os leu, aínda que como si que o fixo moita xente, semella que non se nota. Créase unha opinión sobre eles que é inherente a toda a poboación, un feito realmente curioso. Pasa tamén cos grandes clásicos canónicos. Se o pedante de profesión despreza os best sellers sen lelos, non sempre leu aqueles que cita e que pon como referencia sempre que pode.
Comentábame un amigo onte que existe a outra vertente, que é a de aquel que si que os leu pero négao por non axustarse ao que deberan ser as súas lecturas, ou mesmo os autores que negan ter lido nada posterior á súa xeración, nun alarde claramente esnob e lixeiramente patético na miña opinión (espero non recibir moitas pedras por isto...)
O caso é que o pedante si que é unha persoa entregada ao seu traballo, adícase a el as 24 horas do día, case nin durme, é capaz de estar ás 3 da mañá no medio da pista dunha disco rodeado/a de xente e aínda así falar de Tolstoi ou da necesidade de recuperar o teatro isabelino. Por sorte a esas horas hai remedios moi bos, como desviar a vista cara os diferentes corpos que te rodean ou se cadra ir pedir unha cervexa máis. Incluso 3 copas, non hai 3 malo. Se os funcionarios traballaran tanto como os pedantes, este país e o do lado andarían moito mellor.
O dito, este libro é un manual imprescindible para a profesión, é ao pedante o que Star Wars ao friki. Por se alguén está interesado e non sabe francés, seica Anagrama vai publicalo en español en breve. Eu xa teño ganas de botarlle unha ollada, ou se cadra non, pero farei como que si que o lin.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 19:17:00 | 8 comentarios
7.3.07
Iwo Jima
Por fin, o asunto chegou a súa fin. Fun ver "Cartas dende Iwo Jima" o pasado luns. O filme é dunha factura tremendamente sobria e conseguida. Completa (e fecha o círculo en certa medida) ao outro filme, pero tómase de forma ben diferente. Se na primeira entrega, a do bando americano, a historia xiraba ao redor do uso dunha fotografía como medio propagandístico por riba dos soldados, agora céntrase na realidade dos xaponeses, convertidos en soldados para defender o seu país. Gardan certa semellanza na mensaxe, xa que reflicten o desinterese dos respectivos gobernos pola vida dos seus soldados (con casos excepcionais). O importante era vencer a guerra, pero nesa abstracción, esquecíanse de que se perderían milleiros de vidas.
No filme non nos presentan aos xaponeses como os "bos" ou os "malos" da película, intenta representar unha situación, a súa convivencia e o sentimento do pobo xaponés, obrigado a tremendos sacrificios por culpa de intereses políticos.
Pódese observar tamén como dalgún xeito, a 2ª GM servíu como punto de inflexión na vida no xapón. A mestura de elementos moi tradicionais con outro modernos. Se ven naquela altura Xapón non era a potencia tecnolóxica que é hoxe en día, si que comezaba a cambiar progresivamente cara unha modernidade próxima á occidental. Vémos isto na propia forma de encarar o conflicto, os xaponeses confinados na illa sabían da imposibilidade de salvar a vida de non vencer aos americanos, cousa que se lles antollaba case imposible. Aínda así, antepuñan o sagrado deber da defensa da patria, á "cobardía", manifestada nunha rendición ou captura. Certo é que non todos os soldados eran iguais.
De todos xeitos, e deixando o argumento de lado, o feito máis chamativo é que o filme non está dobrado. Foi unha grata sorpresa. Se xa de por sí, os filmes perden moito na dobraxe, neste en concreto, perdería o significado total. É imposible representar nun idioma occidental unha ideosincrasia tan diferente como era (e posiblemente aínda o sexa) a xaponesa. Non tería significado algún ver aos soldados xaponeses berrar "Banzai" e a contunuación dicir "vamos a por ellos, muchachos". Ou que os americanos falasen un español con acento ianqui cando aparecen. Salvando os convencionalismos do cinema americano, non se poden expresar moitas das expresións xaponesas, xa que van acorde cunha xestualidade diferente da occidental.
Debería servir coma comezo para deixar de dobrar o cinema, senón todo, polo menos aquel que perde significado na dobraxe, chegando a modificar a idea substancial do filme.


Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:41:00 | 9 comentarios
3.3.07
Estado: Ausente
Levaba xa uns días desaparecido destes mundos virtuais. Nestes días, volvín sofrer a chuvia que a todo ser medio mecánico ou eléctrico lle senta tan mal. Así é que estiven un pouco apartado das cousas de aquí e tamén do resto do mundo.
Foi en certa medida unha semana de reflexión. Tiven tempo para pensar en facer moitas cousas, pero non fixen case nada, é o que teñen os fallos no sistema.
Entre outas cousas, tiña pensado ir ver Cartas desde Iwo Jima. Por qué esta en concreto? Pois porque fun ver Banderas de nuestros padres e produciume un certo sentimento de que podería estar mellor se non fose tan americana. O de americana non so polo punto de vista dos feitos, senón polo tratamento e a posta en escea (por momentos parecía Salvar al soldado Ryan). É un sentimento que me provoca a miúdo o cinema de Clint Eastwood. Recoñezo que é un dos directores dos que gosto, algunhas das súas películas parecéronme magníficas, ademais de que como actor marcoume profundamente, Harry el sucio e sobre todo as súas aparicións nos filmes de Sergio Leone; pero é que por riba de todo, segue a ser amaricano (e como apuntou un amigo: vello) e iso ás veces é perxudicial para o resultado final.
Finalmente non fun, e polo tanto, sigo nas mesmas. Agardo poder ir ao longo desta semana e así poderme facer unha idea máis concreta sobre este novo traballo de Eastwood compretando o círculo. Teño moita intriga por saber se neste filme, o punto de vista non é o único xaponés.
Tamén houbo tempo para sorpresas inesperadas (sorpresa e inesperada semella non quedar moi ben xuntas, pero queda así). Catro meses despois do meu cumpreanos, recibín un agasallo! Fíxome moita ilusión, e fixo que sorpresa e inesperada si que cobraran sentido postas xuntas.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:49:00 | 9 comentarios