gardei rabaños máis alá de Orión...
24.8.08
Incidente 0503 (Extracto)

Xa había máis dunha hora que abandonaran a nave. A preocupación ía en aumento dentro do grupo xa que a orografía non concordaba coa que lle achegaran as computadoras de abordo. Como era posible? A rota estaba ben trazada, a localización era exacta pero o terreo era diferente.

As imaxes coas que contaban mostraban unha xeografía desértica, grandes extensións de area, rocas e pó. Nada daquilo estaba diante deles, a confusión era moi grande, pero o medo era aínda maior. O pequeno aparello que levaba o sarxento na man comezou a emitir un zunido que ía aumentando pouco a pouco, cun xesto da man detivo ao grupo. É posible que haxa vida por aquí- dixo cunha voz moito máis baixa do habitual- detecto construcións preto de aquí.

O grupo despregouse de xeito que dous homes avanzaban por diante, moi abertos, subiron unha pequena costa que, ao chegar arriba, deixaba ver unha corrente de auga que baixaba con grande velocidade por entre uns penedos, atravesalo non sería demasiado complicado. Os zapadores comezaron a montar a ponte pregábel; cando estaba desmontada e pregada ocupaba apenas dous macutos, unha vez colocada poderían atravesar con facilidade.

A tarefa estaba xa case rematada cando o sarxento divisou algo da outra beira, o zunido era máis forte dende que chegaran á corrente. Semellaba un cano enferruxado, caía cara o val. Se cadra atoparan algo.


Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 19:21:00 | 4 comentarios
19.8.08
Biscaia
Contaba que viñan dous homes falando polo camiño. Subían a encosta que ven dende o río, que nesa zona ven manso e crea un dos lugares máis fermosos da comarca, paseniño e de fala animosa paraban aos pouco fitando os paxaros que baixaban dende os cables eléctricos até as leiras sementadas. Xa pola pinta sabía que non eran da zona.

Probabelmente veñan da Casa da Volta. No verán adoita chegar xente por alí, parentes. Serían fillos da Ramona? Emigran de nenos a Arxentina. Non, deberan ser máis vellos.

Quedaron un rato mirando ás casas que se intuían detrás da carballeira.

-Como se chama este sitio?

-Biscaia.

-Seica ese é un pais rico!

-É. O que ten come e o que non, pasa.

Os homes seguiron camiño arriba, case eran as doce e ainda faltaba un treito para a taberna.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:52:00 | 4 comentarios
12.8.08
Adaptando Lovecraft

As adaptacións cinemátográficas sempre me provocaron curiosidade. Ás veces é simplemente polo feito de ver se alguén imaxinaba o libro tal e coma eu a facía ao ler. Co tempo é máis por ver se consigue crear algo propio e interesante a partir dunha obra anterior. A maioría das adaptacións non deixan de ser froito do afán por aproveitar o tirón dun éxito de ventas, pero ás veces sorpréndennos con obras marabillosas que empregan a linguaxe cinematográfica, con todo o seu potencial, para crear algo novo. Aí é donde as palabras "Based on..." collen significado, o certo e que normalmente debería por "Translated of...".

Unha das curiosidades neste mundo é o filme "The Call Of Cthulhu" realizado a partir do relato homónimo de H.P. Lovecraft pola H.P. Lovecraft Historical Society. A produción é do 2005 ainda que a intención é que semelle de 1926. Está rodada en branco e negro e é muda. As técnicas de rodaxe emulan ás do expresionismo alemán e hai unha banda sonora de piano que acompaña a acción. Non faltan as sombras, o cartón-pedra e incluso hai unha escena con candeas e farois.

Chama a atención (por se non chegase co anterior) o feito de que un relato tan complexo, a nivel de foco e modalización narrativa, fose tan ben adaptado xa que non perde a intensidade, desconcerto e tensión do relato orixinal. Cando tiven a oportunidade de ver o filme foi unha sucesión de sorpresas, cando pensaba que non podía superarse, superábase. O momento álxido deste filme con tales pretensións historicistas e de fidelidade co autor é un intertítulo en Noregués que pon de manifesto a incomprensión oral entre dúas personaxes.

Se tedes curiosidade visitade o sitio web do filme. Hai moita información, escenas e demais cousas propias de tales lugares.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 22:22:00 | 3 comentarios
2.8.08
Vacacións

A casa semellaba agradábel, se cadra un chisco pequena (no sentido vertical do termo) mais gostaba dese ar de casa-de-bonecas. A pequena mesiña de noite cor azul pastel, coas pequenas cadeiras forradas de veludo vermello ao carón desa fiestra ras do chan que a penas lle alcanzaba os xeonllos, formaba un recuncho que algúns catalogarían como riquiño ou mesmo encantador, isto último os máis cursis. Ese conxunto traíalle á memoria a merenda no teito de Mary Poppins ou tal vez fose o té de Alicia co Sombreireiro?

As pareces mudaban de cor segundo a estancia. O verde lima do baño da segunda planta era o seu preferido, e iso que o teito era tan baixo que tivo que deixar de peitear o tupé. A hora da ducha resultaba especialmente incómoda, tiña unha dor forte na caluga de abaixar a testa xa que non estaba pensada para alguén da súa estatura, nin sequera para unha persoa de talla normal. O Cola Cao e mailo nitróxeno fixeron que as casas de antes de 1960 perderan adeptos entre as camadas máis novas.

A planta baixa tiña, na súa opinión, altibaixos estéticos fortemente marcados. Por unha banda había un pequeno gabinete cun fermoso escritorio de piñeiro e unha cadeira de madeira e vimbio que no canto de catro patas tiña unha base circular, feita de madeira rechea posibelmente de chumbo a xulgar polo peso do conxunto. Pensou que outra posibilidade era que o carpinteiro errase as medidas de madeira precisas para a confección dunha cadeira, el non sabía absolutamente nada de carpintería. A outra parte era un auténtico museo do kitsch. Dúas pezas sobresaían por riba do resto. a primeira era un tapiz de esparto que representaba de xeito bastante fidedigno unha timba de toureiros e folclóricas ante a atenta mirada dunha rea de touros e cabestros. A outra, unha consola cun xigantesco espello e dous candeeiros dos de lámpadas franqueando unha escultura de cerámica dunha muller negra tapada cunha túnica de pel de tigre (que lle deixaba un peito á vista) de pé sobre un maxestoso exemplar de antílope. Había outras pezas menos impresionantes compostas por murais feitos con fotos antigas de parentes e soldados, fotos máis recentes nas que ademais de sair os individuos cos ollos roxos, tiñan a data e hora na que fora tomada sobreimpresas en Arial 17pts. cor marela e uns cantos espellos lacados con todo tipo de motivos e artificios variados, dignos dos ebanistas máis barrocos dunha época na que a madeira debía ser un material case imposible de traballar. Tamén había espazo para unha pequena homenaxe a Mondo Lirondo, xa que pendurado nunha das paredes do salón había un diploma enmarcado que acreditaba a alguén como bordadora e patronista "cum laude".

Moita xente di que as vacacións serven para desconectar e que é ese o motivo principal polo cal van de veraneo. Neste caso, a expresión cobraba un novo sentido e mesmo era anulada, posto que no andar superior non había máis ca un enchufe e no inferior, dous. Ademais, o teléfono tiña pinta de funcionar con fichas. Lembraba ter visto unha na casa da súa avoa cando era neno pero agora vai ti saber por onde andaba.

A veciñanza era agradábel, o que mellor podía definila era diversidade. Confesoume abraiado que era como vivir en Brooklyn, con esa mestura de acentos e cores de pel. Eu maticei o de "cores" por "tons", posto que dependía de se chegaran antes ca ti ou tiñan solarium de balde co abono do ximnasio. Mágoa os taxis que eran grises, rachaban un pouco a maxia.

Con todo, descansar sempre presta e o meu amigo é, de todos xeitos, un pouco rosmón.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:43:00 | 5 comentarios