gardei rabaños máis alá de Orión...
30.12.06
Tempo libre
Bonito título, tería que ser unha soa palabra e de seguro,a súa sonoridade sería perfecta. Penso que se algo nos da liberdade, ese algo, ten que ser por forza, o tempo libre. Permítenos adicarnos a cousas que realmente nos interesen, enriquezan ou entreteñan. O meu ser, que está composto por un tercio xogocínia (unha ludopartícula bastante común), anda estes días explorando o Ciberespazo na procura de entretemento para as (poucas) horas de ocio. Logo de percorrer largos camiños de bits, achei ao fin algo que me cautivou. Ese algo é Ryzom. Ryzom é un MMORPG (Massively Multyplayer Online Role-Playing Game), é dicir, un xogo de rol en rede. O feito de que esa rede sexa internet (e non unha rede local), fai que o número de xogadores sexa enorme e a orixe de cada un deles, moi diferente.
O motor do xogo foi creado por Nevrax e ten unha licenza GPL (General Public Lisence) Pero recentemente foi mercada por Gameforce e non sei se seguirá a ser así.
Non tiven tempo de xogar moito, de todas formas, non pretendía contar aquí a trama do xogo. Ryzom é un bo exemplo de MMORPG, que é do que pretendía falar. Esta clase de xogo é un formato moi extendido, e fai reflexionar sobre o tipo de xogo que está en boga nestes tempos. Os xogos ocupan un oco no entretemento moi importante, incluso apartando outras ocupacións con máis antigüidade. O caso é que hai dous tipos básicos de xogos: os colectivos e os individuais. Dos individuais xa falarei noutro momento. O que me parece interesante destes xogos en liña é que son, dalgunha forma, de todos. Todos xogamos a mesma partida é, ao mesmo tempo, a nosa própia. É por iso que deberían seguir sendo libres, xogar é outra forma de se expresar, e xa teño falado aquí da importancia da liberdade de expresión na rede, xa que semella que o Ciberespazo é un dos poucos reductos onde aínda é válida.
Anímovos a participar e se tedes suxerencias doutros MMORPG, non dubidedes en compartilas.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 00:31:00 | 7 comentarios
25.12.06
Unha nova compañeira

O pastor eléctrico está de noraboa. Dende fai uns días goza da compaña de Lía, unha Border que vai ser de grande axuda para gardar as ovellas. É un alivio á hora de recollelas xa que é unha experta pastora, a súa raza leva moito tempo adicándose a gardar ovellas. Eu aínda son novo nisto, así que a tarefa será un pouco máis doada coa súa axuda e sobre todo, coa súa compaña. Moitas gracias Lía.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:19:00 | 6 comentarios
23.12.06
Fronteiras electrónicas
Este ano que remata, foi entre outras cousas, o 10 aniversario da Declaración de Independencia do Ciberespazo. O seu autor foi John Perry Barlow, cofundador da Electronic Frontier Foundation no ano 1990, unha organización sen ánimo de lucro que defende “as liberdades civís e a libre expresión” neste mundo dixital. A declaración de Barlow constitúe un feito moi importante no desenvolvemento da cultura electrónica. Defende a liberdade de expresión e de difusión de ideas e tamen despoxa aos poderes gubernamentais do mundo físico da capacidade de dirixir e controlar aos moradores do Ciberespazo. Supón unha defensa de todo aquilo polo que se loitou no mundo mais non se conseguiu na maior parte dos casos. A liberdade de expresión, o intercambio e difusión de ideas, a posibilidade de mellorar entre todos teorías, programas, etc. é demasiado valiosa para que nos arrisquemos a perdela por mor da intromisión dos gobernos do mundo (sobre todo o dos USA) que como ben di Barlow na súa declaración, non foron invitados a esta reunión e non son ben recibidos.

Non pretendo con isto xerar polémica política, senón facer ver que temos ante nos algo marabilloso que debemos aproveitar. Neste mundo electrónico, temos a liberdade para traballar, discutir, intercambiar, expresarnos, etc. libremente e sen ter que rendir contas nada máis que ante nós mesmos.

Barlow é natural de Wyoming (USA). É poeta, ensaísta, rancheiro, letrista (escribiu para os Grateful Dead) e político. Nun tempo chegou mesmo a ser presidente dunha sección do Partido Republicano de Wyoming, pero as políticas de W. Bush conseguiron que se pasara ao Partido Demócrata. Na actualidade é vicepresidente da xunta directiva da EFF, membro do Berkman Center for Internet and Society na Escola de Leis de Harvard e é membro tamén da Academia Internacional das Ciencias e as Artes Dixitais, onde están tamén, entre outros Matt Groening, Scott Adams, David Bowie, Beck, Björk, F.F. Coppola, David Lynch e Richard Stallman. Tamén é asesor da ONG Clear Path International.

Bruce Sterling recolleu as súas actividades no libro The Hacker Crackdown: Law and Disorder on the Electronic Frontier (1992).

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:12:00 | 5 comentarios
13.12.06
Bonecas rusas
Nesta viaxe polo ciberespazo que comecei hai pouco, atopei unha cousa ben curiosa, un mundo dentro de outro mundo. Chámase Second Life e é un auténtico mundo paralelo. O usuario ten que crear unha personaxe á que lle pode ir modificando a aparencia. Unha vez que esteas dentro dese mundo virtual, que á súa vez está dentro deste outro mundo virtual que é o ciberespazo, podes levar a vida que ti elixas. Podes traballar no que queiras, hai quen dirixe un casino, quen traballa nel, quen fabrica cousas, etc. A elección é túa. Existe unha moeda propia pero ten equivalencia co dólar americano, polo que serve para facer negocio. Podes mercar cousas ou deseñalas, podes vender o teu cibercorpo a outros usuarios, traballar para eles ou mesmo pedir esmola.

A capacidade de interacción é enorme e funciona como unha mestura de todo, fúndese o chat (na súa versión máis típica), co deseño gráfico 3D, mediante o cal podes crear toda sorte de obxectos que podes intercambiar logo por outros e mesmo por linden dollars (a moeda oficial de Second Life) e co entretemento dos videoxogos. Cabe a posibilidade de participar sen gastar cartos, pero hai un grande negocio por detrás. O mundo Second Life é un arquipélago enorme que non deixa de medrar e existe a posibilidade de mercar terreos (iso non cambia en ningún mundo) á empresa xestora por grandes sumas. Xa hai empresas que pagan por se anunciar e a banda inglesa Duran Duran ofreceu unha xira virtual.

A parte máis interesante do asunto é que non só é un mundo virtual dentro de outro, xa que dentro de Second Life hai máis mundos. Existe un grande salón adicado ás proxección audiovisuais, nas que os usuarios mostran o seu traballo ou o de outros, un parque de atraccións onde podes montar nas máis tradicionais como pode ser a noria ou noutras moito máis orixinais e se cadra, inviables neutros mundos, tamén hai un campus virtual no que se imparten aulas de diferentes materias e conferencias de todo tipo.

Como vedes, si que existen mundos paralelos, o problema é que teñen o mal costume de preservar os vicios e defectos dos outros que xa coñeciamos.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:17:00 | 9 comentarios
10.12.06
Gardando ovellas
Por fin atopei as primeiras ovellas. Levo tras delas cousa dun mes, o malo (e o fermoso) do asunto é que ainda quedan moitas perdidas, é posible que moitas non aparezan nunca e outras nin sequera foron creadas. O caso é que coidar delas é a miña obriga e polo tanto teño que seguir na súa procura. O meu obxectivo e poder devolver esas ovellas á súa orixe. Son un rastrexador, un cowboy, un cazador de bonificacións; buscarei sen descanso namentres me cheguen os folgos, mentras os implantes cerebrais resistan o esforzo ao que se verán sometidos nesa tarefa que teño encomendada. Non teño ningunha dúbida, non poderei parar ata reunir todas e cada unha delas, é unha obriga e unha necesidade.

O ciberespazo é un lugar enorme para se perder, eu mesmo aínda non estou seguro de onde é que me atopo nestes intres. A mente é igualmente vasta, nela as ideas nacen e pérdense coma as ovellas, coma elas son eléctricas e as veces, coma elas; irracionais. Non teñades medo, coma elas tamén, case sempre; son mansas.

Na miña viaxe através do xeo, tratarei de dar parte aquí das incidencias, contratempos e resultados da miña busca. A tarefa de reunir tantas ovellas pode ser fastía mais non deixa de ser unha viaxe, e eu sempre gostei de viaxar. Non vos preocupedes se non dou sinais de vida durante algún tempo, estarei ben nalgun lugar. Como vos dixen antes, o ciberespazo é un lugar moi amplo, pero nunca me asustaron os desafíos. Terei sempre preparada a miña Ono-Sendai para navegar na procura do resto das ovellas.

Por certo, non me presentei. Eu nun tempo fun *********. Pero agora son coñecido co nome de O Pastor Eléctrico.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:20:00 | 4 comentarios