gardei rabaños máis alá de Orión...
25.7.07
Atrapado no outono

Xa ves, 25 de xullo e eu na casa. E iso que saiu o sol, debe ser que Quintana non quere queixas da organización dos fastos e ata falou co sol que seica estaba en Marina D'or. Claro, vacaciones todo el año. Xa é hora de traballar solciño, que parece outono!
Onte nin os fogos vin pola Tv. En troques quedei cos amigos para vermos unha peli que xa vira antes. Polo menos o filme era Snatch, que é dos que paga a pena voltar ver. Saquei dúas conclusións: que é a versión mellorada e con actores con caché de Lock & Stock e que Brad Pitt é máis ca unha icona sexual de raparigas (e raparigos) dende hai máis de 15 anos.
Comentábanme o divertido que debeu de ser facer a dobraxe dos xitanos da película:
"nacravanna neva. color marilloimón". Unha das cousas máis vistosas que ten o filme é a montaxe trepidante, que acelera o ritmo para que detalles importantes para a trama, pero a niveis secundarios, non realenticen o ritmo xeral da acción.
Hoxe tamén pasan no mundo outras cousas, como que Chick Corea actúa no Jazzaldia de Donostia e eu non podo estar. Para consolo, ou envexa, alguén se lembrou de min dende alí e estará desfrutando do xenial pianista americano.
Agora estiven vendo no meu cuarto Atrapado en el tiempo (Por que demo non traducirían o título como: El día de la marmota). Lembreime dela porque levo xa dez días que semella que son o mesmo. Espero poder espertar o venres e ver que xa pasou o día e teño un fermoso día novo por diante.
Por certo, se tiverades que repetir un día unha e outra e outra vez, cal vos gustaría que fose? Non fai falla que contestedes pero pensádeo. Eu non fun capaz de elixir un. En troques, Bill Murray si, terei unha vida máis variada e emocionante ca el? Capítulo 1: Desmitificando estrelas de Hollywood.
Creo que me vou meter na cama. Ogallá mañá sexa venres, pero sospeito que non a ser así.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:07:00 | 4 comentarios
16.7.07
O mellor do mellor
Claro que si! Steven Seagal. De quen ía falar senon. Este home que sempre é o mellor en todo o que se propón, tanto facendo chaves, coma recibindo balas (non lle fan dano), como descubrindo vacinas para a guerra biolóxica, pilotando todo tipo de vehículos, facendo pasteis, etc. Agora o rudo home de Michigan, que foi o primeiro estranxeiro en ter dignidade de mestre aikido en Xapón, saca o seu segundo álbume coa súa banda Thunderbox, Mojo Priest. É un disco de blues, con son do delta, máis que meritorio no que colaboran grandes nomes do xénero como Willie Perkins, Koko Taylor, James Cotton, Hubert Sumline o grande Bo Diddley. O disco contén algún clásico do xénero como Hoochie Coochie Man (popularizada por Clapton nos últimos tempos) e tamén temas propios. Fixádevos na expresión da carátula do álbume, non ten desperdicio.
Parece ser que de pequeno, Steven Seagal non só lle colleu o chiste ás artes marciais coas que adquiriu popularidade no mundo do cinema de acción, senón que tamén llo colleu á guitarra, que leva tocando dende os 10 anos.
Hei de recoñecer que ao principio, a escolla do disco era produto dese gosto meu por incorporar toques exóticos á banda sonora da miña vida, pero tras unha primeira escoita satisfactoria, a segunda fíxome ver que parece ser que por fin "O Mellor" fixo algo artistacamente aceptable e incluso bastante bo. Non é un grande guitarrista, pero domina de xeito aceptable o rexistro blues e posúe unha voz que ainda que non brillante, si é capaz de manter o tipo coa melodía e aportar un punto de melancolía á canción.
Pois iso, O Mellor non é o mellor bluesman do mundo, pero non deixa de nos sorprender. Non digades nada chungo del nos comentarios, porque pode atoparvos e facervos moito dano!

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 10:34:00 | 9 comentarios
3.7.07
Colle o mando

Xa hai ben tempo que non falo por aqui de anime. Xa lle ía tocando. Posto que pasou tanto tempo dende a última vez, pois hoxe, por partida dobre. A primeira é unha recomendación e a segunda unha advertencia.
A recomendación é Basilisk: The Kouga Ninja Scrolls, un anime de Fumitomo Kizaki baseado no manga de Masaki Segawa. Ten 24 episodios e é do máis entretido e interesante que vin ultimamente. A historia narra a loita entre dous clans de ninjas. Cada clan defende a un dos fillos do shogun Tokugawa e así o clan gañador será herdeiro do Xapón. O anime non se estreou por estes lares pero circulan pola rede versións subtituladas en español e portugués.
É unha boa forma de pasar esas horas mortas no verán. Iso si, non vos pasedes porque todo é malo en grandes doses. Vale de exemplo esta curta arxentina que atopei por casualidade. Coidado co anime que ten unha capacidade moi forte de atracción. Non cheguedes ao punto destes arxentinos. Logo non digades que non aviso.
Xa me contaredes.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:50:00 | 4 comentarios