gardei rabaños máis alá de Orión...
26.4.07
Ponte
Por fin! Chega coa ponte un merecido descanso para O pastor, que leva un par de semanas que non da feito. Nestas dúas últimas semanas pasei case que todo o tempo ocupado mais non creades por iso que non tiven tempo para seguir enfrikándome, unha cousa é estar ocupado e outra ben distinta metamorfosearse. Hai que ter medida para todo.
O caso é que dende a blogosmorga compostelana non tiven moito tempo para subir partes ás Ovellas, por iso teño pendentes moitas cousas. Na dita blogosmorga foi un pracer coñecer a tod@s os blogueir@s que se presentaron. Xa a altas horas da noite, foi un alivio descubrir que eu non era o único que reproducía sketchs de La hora chanante, cousa reconfortante, xa tiña pensado comezar a medicarme.
Tras esa noite, por unha cousa ou outra, non volvín escribir. Non pensedes que foi a consecuencia dela, simplemente coincidencia, mellor dito, mala concidencia de datas. Nunca vos pasou que nun espazo curto de tempo se vos xuntase todo o que non se vos xuntou en dous meses? Iso foi máis ou menos o que pasou, agardo que a partires de agora retome a actividade blogueira de xeito normal.
Como dicía un pouco máis arriba, tiven algo de tempo para min, tempo que gastei basicamente en mirar a TV mentres comía/ceaba e en seguir co sano tratamento de un anime cada 48 horas (é un tratamento moi recomendable, probádeo) Mirando a TV á hora de comer descubrín varias cousas:

- Que Padre de Familia mola pero queremos capítulos novos.
- Que Futurama reclama tempadas novas, señor Groening tome nota por favor.
- Que non debes cambiar a Tele5 en ningún momento.
- Que sigo a ser fan de Friends e que Joey é unha pataca.

Por certo, no primeiro e último capítulo de Joey que vin decateime de que Oleguer ademais de ser futbolista (e patriota) é actor.



Como vedes, preciso urxentemente a ponte que chega agora. Que a desfrutedes tod@s @s que poidades. Eu prometo voltar con enerxías anovadas.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 19:18:00 | 5 comentarios
14.4.07
A conquista do oeste
De seguro que a maioría de vos víchedes algunha vez ese capíulo de MacGyver no que ía a Euskadi rescatar unha ianqui secuestrada. Eu a primeira vez en que o vin pensei que era unha dobraxe de coña, mais estaba errado. Os americanos moléstanse bastante pouco en se documentar á hora de facer cinema (TV neste caso). Pois a pesares do impacto que me causou este episodio no seu momento, o youtube conseguiu que este MacGyver quedara en anécdota.
Mirade vos se non me credes.



Queda aberto o concurso "Saca o mellor erro sobre os vascos"

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:14:00 | 10 comentarios
9.4.07
Máis canons
Lía uns días atrás en El Pais unha entrevista a Carl Goodman, subdirector do Museum of the moving image (Astoria, N.Y.). Nela falaban dos videoxogos coma forma de arte, incidindo en que, coma no caso do cinema, hai casos nos que teñen un compoñente artístico máis forte que o do entretemento, que é a función básica dos videoxogos. Abordaba tamén o feito de que os videoxogos xuntan moitas características diferentes como tecnoloxía, deseño, arte, mercado... Son polo tanto un producto moi elaborado e complexo, que aínda que coma fin último ten o entretemento, é moito máis o que poden ofrecer.
Falaba tamén do borroso dos límites entre o virtual e o real. Consideraba Goodman que o mundo real estaba máis relacionado do que parece co virtual, xa que é unha experiencia en liña coa realidade e que as experiencias veñen de volta ao mundo real contigo.
Nese sentido, coido que é interesante ver o xeito en que nos conportamos neses mundos virtuais, no que levamos a cabo actitudes e habilidades que no mundo real nos son alleas, é ao meu entender un campo de investigación moi interasante e aínda por descubrir.
Ao final da entrevista viña o máis interesante: o primeiro canon dos videoxogos eleborado na Game Developers Conference (03-2007 San Francisco).
  • Spacewar!
  • Star Raiders
  • Zork I
  • SimCity
  • Civilization I/II
  • Tetris
  • Super Mario 3
  • Doom
  • Sensible World of Soccer
  • Warcraft (Series)
Eu boto en falla algun Final Fantasy, pero destes quedo co Warcraft. Con cal quedades vos?

P.D. Este canon si que é de coña, p... SGAE

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:51:00 | 13 comentarios
5.4.07
Unha mala noite
Cando acordou, aínda a luz do día non enchía o cuarto. Non se atopaba ben, tiña unha resaca das dos grandes acontecementos, lembraba as copas, a inxesta continua, os azos que lle daba o alcol e que facía que a súa fose unha marcha case guiada, mecánica. Non precisaba pensar onde ir, sempre chegaba ao sitio idóneo.
Saíu do cuarto, con ganas de botar fóra todo o que metera no corpo, sempre pasa o mesmo, o día seguinte é un inferno, seu estómago quería saír, brincar fóra del. Proseguía seu camiño con ar de procesión, seu paso lento ía acompañado dun lixeiro arrastrar dos pés, un camiñar entre vacilante e inseguro, cansado e torpe. Pola súa cabeza sucedíanse imaxes rapidamente, pero non era quen de as reter un intre, secuencias pasadas cecais, non importaba, tiña que ir ao baño, eso era o importante, era o obxectivo inmediato. Cando se mirou no espello, un lixeiro calafrío percorreulle o corpo subindo dende os pés. Non recoñecía a quen vía, notábase cambiado, non era algo evidente pero sabía que algo era diferente, sempre tivera ese ton de pel? Acaso enfermara? Tiña que ir ao médico, xa debera ter ido fai ben tempo, debería cambiar de hábitos, non tiña bo aspecto. Seguiu esculcando a imaxe á pescuda dalgún síntoma máis, era certo que enfermara? Á parte do ton da pel non viu nada máis, o cabelo era unha maraña escuro, con pinceladas brancas, nos últimos tempos as canas proliferáranlle, non se decatara de que seu cabelo era xa case máis branco que negro.
Abriu a billa e deixou correr a auga, o cano emitiu un ruído profundo e metálico e un líquido de ton marrón saíu cara a pileta. O servizo de augas é cada ano máis defectuoso, agardou a que clarexara un pouco e mollou a cara axudado das mans, sentiuse mellor, botou auga pola caluga, respirou fondo, colleu aire, unha ducha era o que lle facía falla. Repetiu a operación coa billa da ducha, a auga tamén tiña unha cor noxenta. A auga caíalle por todo o corpo, comezaba a facer efecto, sentía como melloraba pouco a pouco, a cabeza ía despexando, notaba como renovaba por momentos.
Ao saír da ducha xa era outra persoa, notábase mellor, pero non era capaz de ordenar seus pensamentos, que eran todas aquelas cousas que lle pasaban pola cabeza? Que fixera onte exactamente? Non era quen de lembrar o día anterior, se cadra tiña que pensar en deixar o alcol, estaba acabando coa memoria.
Dirixiuse ao salón e prendeu a TV para apartar eses pensamentos e entreterse un anaco namentres non lle chegaba a fame. O aparello non funcionaba, merda de trasto! Non había sinal, unha pantalla a puntiños diminutos brancos e negros. Era para iso que gastaba os cartos no satélite? Pechou os ollos e volveu a maldicir o televisor, non mercaría un novo, como estivese avariado non pensaba mercar un novo, non tiña nin dous anos e xa non funcionaba? Pechou os ollos e aspirou. Foi cara a cociña e abriu a neveira, estaba case valeira, un cartón de leite emitía un cheiro nauseabundo, apartou a cara. Abriu a porta onde tiña o pan, comería unha torrada. O pan estaba duro coma un croio. Tería que saír e mercar algo.
Cando saíu, invadiuno unha sensación estraña, era seu barrio, mais estaba lixeiramente cambiado, a casa do lado tiña outra cor, e as farolas eran diferentes, tiñan un aspecto diferente. Notou que os coches aparcados alí diante eran raros, que era todo aquilo? Non coñecía eses modelos, nin recoñecía o edificio de nove alturas que tiña diante dos ollos. Comezou a sentirse mal, as pernas treméronlle lixeiramente e precisou coller aire. Non podía ser. Onde se atopaba, que era todo iso? Entrou na panadería onde ía mercar todos os días, alí estaba o dependente coma sempre. Menos mal.
- Bos días
- Ola, vostede coñéceme?
- Coñezo, vén todos os días por aquí. Bueno, non sei como se chama, mais á forza de nos ver sempre...
- Logo eu sempre veño por aquí?
- Pois si, aínda veu onte - o dependente ficaba estrañado - atópase ben?
- Si, bueno... non exactamente. É igual.
Colleu o pan e saíu á rúa a toda présa. Que estaba a pasar? Lembraba que saíra de copas máis non lembraba como chegara á casa agora que o pensaba. Que fora o que lle ocorrera? Que sucedía? Seguía percibindo pequenas diferencias en todo o que o rodeaba, cousas que non coñecía, cousas que non estaban, cousas cambiadas... Era unha tolería, non tiña sentido, que ocorría con todo?
Ollou para os xornais do quiosco, non conseguía ubicar as novas, quen era aquela xente? Foi entón cando se decatou da data dos xornais, 5 de abril de 2017.
Non era posible.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:51:00 | 10 comentarios
1.4.07
Non me jodas Loló

A noite do 31 Compostela voltou aos 70. Led Zeppelin voltou aos escenarios a través de Letz Zep, unha formción británica que imita ao xenial grupo de Jimmy Page.
Non é simplemente versionear os temas, senón que o directo deste grupo é sinxelamente xenial. Está todo coidado ao detalle: a indumentaria (pelucas e vestiario perfecto), os xestos, as poses que están logradísimas e, por suposto, a música. Escoitar Letz Zep é case coma ouvir aos Zeppelin. A parte instrumental é perfecta, mencion especial ao guitarrista e o batería, que reproduciu o famoso solo de Bonham en Moby Dick coas palmas das mans. Até o John Paul Jones de Letz Zep quedaba sempre en segundo plano, pero aportaba a mesma forza rítmica. Por se isto fóse pouco, a voz semellábase dun xeito incrible á de Robert Plant. O show é dos que pagan a pena, como mostra, dicir que a Sala Capitol presentaba un aspecto mágnifico próximo ao cheo total (en coruño: abarrotado, nEno).
Eu vira notras ocasións versions, pero nunca levadas a estre extremo, un chegaba a sentir que estaba nun concerto de Led Zeppelin. Precisamente isto foi sempre un dos desexos deste blogueiro, que resultou imposible por mor da maldita linealidade temporal, que se lle vai facer. Polo menos atopei un substituto decente, non como a sacarina ao azucre, máis ben coma un emulador á PlayStation.

Non achei un vídeo deles de moita calidade, pero podedes botarlle un ollo a este, faise un unha idea do que son.



E este vai de agasallo.




Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 22:45:00 | 10 comentarios