gardei rabaños máis alá de Orión...
26.2.08
Edinburgo máis alá de Leith
Irvine Welsh tenos acostumados ao aroma do vello porto, cos seus pubs, fish&chips e demais tugurios onde as súas personaxes se refuxian do día a día gris e sen perspectivas que a vida en Edinburgo oferta á clase media.
Nesta ocasión, Secretos de alcoba de los grandes chefs (Anagrama), lévanos un pouco máis alá de Leith, paseándonos polo centro da cidade, aquel que xa Spud pisara en Porno (Anagrama) nas súas visitas á biblioteca. Mais tamén nos leva aos Estados Unidos, tanto por medio da política de Bush como por un dos protagonistas, Danny Skikinner, quen viaxa a San Francisco, cidade que nos ofrece o contrapunto ao gris e húmido frio escocés.
Esta é unha novela que non só se aparta un pouco da narrativa á que nos tiña acostumados Welsh no que se refire á espacialidade, xa que tamén aporta unha faceta fantástica que podiamos entrever en certas pasaxes de Escoria (Anagrama), pero que agora toman máis forza no desenvolvemento da trama.
Así e todo, Leith segue a estar presente, como tamén están os outros temas e motivos característicos do autor escocés. O alcol, as drogas e o fútbol aparecen como principais ocupacións e vías de escape dunha poboación que se evade así dos problemas sociais e políticos que os oprimen.
Así mesmo, tamén temos unha dose abundante de episodios alcólicos e enfrontamentos futboleros e esa grande descrición dos diferentes grupos sociais escoceses á que xa nos tiña acostumados. Non podían faltar ademais os detalles máis escatolóxicos e crus de carácter sexual, así coma a verborrea desmesurada e irreverente das personaxes e a plasmación das xergas edinburguesas.
Estamos pois ante unha nova mostra do grande talento para a narración deste escocés saído do punk (tema moi presente neste libro), que consegue situar ao lector moi próximo á acción, a pesares do desagradable que esta pode ser por momentos.



Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:13:00 | 5 comentarios
5.2.08
Cae a noite nos peiraos

Caía a chuvia intensamente sobre a cidade baleira. Os grises edificios, enormes e con aspecto descoidado, semellaban rochas batidas polo anoxado mar dos trebóns. Alí, na pequena calexa que formaban os dous edificios, baixo a maraña de cables había unha figura de aparencia fráxil e misteriosa. As pequenas mans daquela sombra xogueteaban dun xeito distraído cuns pequenos obxectos. Na distancia non se apreciaba mais nada.

Seguin camiñando de xeito áxil pegado aos muros de cemento que me gorecían da fría e contaminada chuvia que asolaba a cidade aquela noite. Xa me atopaba demasiado mal como para cargar cun arrefriado. Non conseguía deixar de pensar en que toda a xente que pasaba miraba para min e sabía cara onde me dirixía.

Ao achegarme máis distinguin ao vello Joebs naquela figura escura e inqueda que divisara na distancia. Joebs fora en tempo un dos mellores piratas da zona. Era capaz de se colar nos sistemas de tódalas grandes empresas e financeiras, as barreiras da internet non eran quen de frear as súas habilidades e o seu instinto. Traballara durante anos para as organizacións de Hizaichi. Ao final, co avance da rede e a aparición da comunicación ciberespacial holográfica, as súas habilidades perderon enteiros e foi perdendo presenza en favor dos novos piratas, que ademais da cabeza precisaban os implantes e a axilidade propia dos asaltantes de dilixencias.

Joebs tratara de afacerse ao novo modo en que as cousas funcionaban, pero hai cambios que non son fáciles de asumir. Sometérase a unha cirurxía para se por implantes no brazo. A misión deses implantes sería dotar ao seu brazo dereito de mecanismos para penetrar na rede saltando controis de seguridade mediante un código universal e tamén de pequenos artefactos de sabotaxe entre as unllas. A operación non saiu tan ben como contaba e o seu brazo en vez de ir para mellor, converteuse nun problema máis para el. Agora ese brazo apenas tiña movilidade, e precisaba numerosas substancias para poder calmar a dor.

Agora estaba fóra do mundo, déranlle a patada como quen se desfai dunha tostadora na que non cabe un novo formato de pan. Sen embargo, alí na sombra, era a única esperanza que me quedaba. Necesitaba das súas drogas para seguir vivo. A dor producida pola abstinencia estaba a acabar comigo.

Por fin cheguei onda el. A imaxe sería desagradable para calquera que non estivese acostumado. A súa cara semellaba non ter pel case e os seu ollos estaban completamente brancos. O efecto dos inxectables fixera estragos nel. Eu non me podía permitir sobrebrecollerme, así que o trato foi unha xestión máis. Os saúdos e as formalidades para as altas esferas.

Cando voltaba para o meu cuarto, pensaba que era inevitable. Algún día mudaría a tecnoloxía e eu ficaría no mesmo punto que o pobre Joebs. Con todo xa me voltaba sentir grande e talentoso. Polo de agora...

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:25:00 | 10 comentarios