Hai cousas de Godard que non entendo, a primeira (e principal) é que teña tantos seguidores e tanta sona. Moitos falan del coma unha das grandes influencias de Tarantino máis eu non acho que tal cousa sexa moi certa. É posíbel que Tarantino se sentise fascinado por eses aspectos diferenciais na narración da Nouvelle Vague, sobre todo acostumado como estaba ao americano e á serie B xaponesa. Está claro que pode haber puntos en común, mais semella que directores coma Sam Peckinpah deixaron moita máis pegada no de Tennessee tanto nos temas coma no visual. O tratamento da violencia que podemos ver en Godard está a anos luz da crueza de Peckinpah.
O meu gosto persoal tamén me fai recear moito do uso da cámara. Por que fai sempre planos aéreos de persecucións de coches que semellan micromachines? Adoito prometerme que nunca verei un filme máis de Jean-Luc Godard cada vez que remato un, pero xa recaín en máis dunha ocasión. Será que realmente hai algo no seu cinema que me fascina? Non o sei. A derradeira experiencia foi Alphaville.
Gustoume moito a escuridade do filme, a presenza de elementos do film noir, o misterio da trama... O argumento é moi bo, pero da a sensación de non estar aproveitado todo o seu potencial. O filme é lento e non afonda na problemática derivada da informatización da sociedade. Cae nos clixés totalitaristas e ten puntos moi febles. Por momentos semella arrincar pero acaba caendo outra vez no tedio. A voz en off gutural aporta un punto de sordidez ao resultado final. É interesante o tratamento da problemática da linguaxe, a presenza de textos de Éluard e as referencias estéticas aos filmes de espías. Como anécdota dicir que o director pensou en Roland Barthes para interpretar ao profesor Von Braun, inventor do ordenador Alpha 60 (o malo-malísimo, vamos).
Por se iso fóse pouco, agora vou ver Bande à part. Está claro que non aprendo.
Etiquetas: Cinema
Unha nova e interesante lección.