gardei rabaños máis alá de Orión...
25.10.08
Ruleta Rusa
Tremíanme as pernas no momento de entrar. A humidade fría da mañá percorríame o corpo instalándose nos meus ósos. Procurei que os dentes non castanexasen por non dar á escena un ar tópico e lixeiramente patético. En momentos así hai que ser digno, iso é o que aprendin en Hollywood.

Dispúxeno todo, podía sentir de antemán a sensación de frío na testa, perforándome as tempas, escorrendo pola caluga e aloxándose entre os pés. O sumidoiro daría boa conta do fluído, se cadra un zoom cenital quedaría ben.

Está todo disposto. Pouso o dedo, non sen medo, na panca metálica. Non queda outra, pecho os ollos e déixome nas mans do azar. Nun segundo unha calor terríbel apodérase de min, reconfórtame, estou en paz.

Xa está feito. Saio do cuarto de baño, collo o abrigo e pérdome na mesta néboa do outono compostelán. Agora é el o que ten que tentar á sorte.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:05:00 |


2 Comentarios:


  • At 6:17:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    Quédame a dúbida de se nesa recámara ía ou non a bala...

     
  • At 12:07:00 da manhã, Blogger Nela

    Agabillada nun niño de mantas baleiras estaba eu. Concentrada, esforzándome en desenrolar os meus poderes de meiga para ser quen de crear da nada máis fría un punto de calor, que se estendese polo teu ventre até os pés e así puideses por fin e definitivamente saír a camiñar entre a néboa do outono Compostelán con esa ollada de heroe digno que seica aprendiches en Holliwood. :) Teslle gañados moitos pulsos ao azar. Esta vez non vai ser menos.