gardei rabaños máis alá de Orión...
2.7.08
A poesía da violencia (0001)
O cinema oriental sempre produxo en occidente moita impresión a nivel visual, xa nos 50, Kurosawa irrompía no panorama europeo causando sensación non só polas novidosas formas narrativas (que deron nome propio a unha técnica de narración) senón pola factura visual; por primeira vez unha cámara enfocaba directamente ao sol. Os filmes de recreación histórica do Xapón medieval e a súa ritualización do combate e a honra, así coma os filmes de Kung-fu e samuráis son tomadas e adaptadas posteriormente por directores coma Kitano, Ang Lee ou Chan-wook.

As formas narrativas e a estética dos filmes do coreano Park Chan-wook supoñen un paso adiante nesta tradición que se podería definir como de vangarda. Digo isto porque sempre foi un estilo de cinema con fondo puso tradicional e ao mesmo tempo vangardista (sobre todo nos modos). A estética da violencia acada con Chan-wook un novo estadío. Os planos e xogos de cámara crean efectos extraordinarios ao tempo que impactantes, fermosos ou desagradables. A montaxe é trepidante e non hai nada no apartado artístico que sexa deixado ao azar. Os decorados, vestiario, caracterizacións, etc. está coidadísimos coa fin de producir un impacto estético continuo. Até as armas adquiren ese valor.



Park Chan-wook deuse a coñecer en Europa co filme Join Security Area, un thriller crítico coas políticas exteriores de intervención norteamericanas. De todos xeitos, a fama e o recoñecimento masivo viñéronlle dadas a partires dos tres filme coñecidos como A triloxía da vinganza. O primeiro dos filmes desta triloxía é Sympathy for Mr. Vengeance, no que hai un punto de vista un pouco máis sociolóxico que nas outras, a violencia é desencadeada por mor das inxustizas sociais nun país metido de cheo no capitalismo. A segunda, e máis coñecida e premiada, é a estremecedora Oldboy. Aquí comézanse a ver as artes visuais de Chan-wook xa dende os títulos de crédito. É un filme de grande factura estética e cun trasfondo filosófico e narrativo complexo. Hai que dicir aquí que Park Chan-wook estudou filosofía e foi crítico de arte antes de adicarse ao cinema. Aquí o escenario é un mundo de a cabalo entre a realidade e o soño, no que as preguntas son máis importantes que as respostas e no que o espectador asiste ao desenvolvemento dunha serie de acontecementos violentos coa fin de obter a vinganza necesaria para a salvación do individuo. A redención pasa pola dor. Está en relación con multitude de referentes, dende o mito edípico até a Caverna de Platón. A triloxía péchase con Sympathy for Lady Vengeance, a máis lírica das tres e na que asistimos á elaboración da vinganza por parte da protagonista. A felicidade aparente é o punto de partida para a masacre e a dor.



O seu derradeiro filme I'm a Cyborg, But That's OK cambia un pouco o ton respecto da violencia. Aínda así non desaparecen os planos recreándose en mutilacións (sen chegar ao extremo do martelo de Oldboy). A factura visual desta película é impactante e diferente a case calquera outra que poidamos ver. O argumento xa non xira en torna ás vinganzas nin a redención a través da violencia senón que nos sitúa no mundo dunha rapaza desequilibrada que nos sumerxe nun espazo a medio camiño entre o real e o ficticio. Unha boa amiga definiuna como Amélie en friki, creo que é a mellor definición que se lle podería dar.


Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:01:00 | 4 comentarios