gardei rabaños máis alá de Orión...
12.5.07
Diario de rodaxe
Como dixen no post anterior, andiven ausente deste noso mundo paralelo algún tempo e quedaba pendente a explicación do motivo. Pois o motivo foi a primeira experiencia no audiovisual do Pastor eléctrico. Durante a fin de semana anterior participei na rodaxe dunha curtametraxe na cidade da murallas (logo será coñecida como a Cidade do Pastor, senón tempo ao tempo) como axudante de dirección. Levaba xa tempo detrás da oportunidade de poder poñerme do outro lado das cámaras e foi do mellor xeito posible.
A experiencia non puido ser mellor, ademais de pasalo en grande tiven oportunidade de aprender de profesionais con moita experiencia e cun espírito de traballo envexables. O mellor, á parte do bo ambiente e o espirito de traballo en grupo (admiráble cando non hai cartos polo medio), foi o poder aprender as técnicas e os trucos dos que saben. Desfrutei moito coas explicacións que Luís Bellido (director de fotografía) me daba mentres montaba en tempos de récord toda sorte de iluminacións cos poucos medios que tiñamos (2 focos de 500 wts) e calquera cousa que collese polo camiño (unha caixa de cartón, un folio, un póster, unha tea...).
A fin de semana foi moi intensa (12h de rodaxe o sábado e 8 o domingo) pero todo o traballo anterior mantívome tamén moi atarefado. De todos xeitos, eu case non notei o cansanzo até o luns pola mañá (xa en Compostela) cando cáse non fun quen de me erguer á hora de costume. Iso creo que pon de manifesto de xeito claro o ben que o pasei na rodaxe.
Tamén xurdiron complicacións de última hora que fomos capaces de sacar adiante de xeito máis ou menos óptimo e en contra do reloxo (esta parte quedaría moi ben nunha entrevista en "Versión Española"). Para variar, a policía local de Lugo tivo que facer a súa aparición estelar e inoportuna, pasando polos autoritarios collóns que a cidadanía lles outorga o permiso de rodaxe que unha semana atrás firmara o seu inspector xefe. O caso é que entre que Touriño visitaba a cidade e algunha dama da
beautiful people de Lugo non podía perder 40 seg. da súa vida agardando a que rematase unha toma, a autoridade retirounos o permiso para gravar. Deste xeito tivemos moitos problemas para rematar unha escena na rúa San Pedro en Lugo. Unha hora máis tarde e cando xa remataramos de gravar, o alcalde que pasaba por alí ao ser informado da noticia, outorgábanos de novo a autorización, mais xa non valeu de nada.
Tamén atopamos numerosos atrancos máis por parte da Policía Local e da concellaría de Xuventude, pero iso da para outra historia.

Apesares destes atrancos e doutros problemas menores (como a pesadez que me produxo a pizza do sábado), logramos rematar a tempo e coido que o resultado non é tan malo como nun principio podiamos presaxiar. Aínda non vin como quedará a versión definitiva así que non podo dicir se, na miña opinión, quedou ben ou mal.
Agradecer tamén dende aquí o seu esforzo e traballo aos actores: Gibert, Ana e María; ás rapzas da artística: Paula, Patricia e Alba; aos de producción: Anita, Adrián, Andrés e Fran; a Mar e Marta por cedernos as súas casas, a Santi, María e Luís e a Marcos,
Luís, Mary, Lidia, Álvaro, Usúe e David pola axuda, dedicación e paciencia. A tod@s gracias por facer realidade esta primeira parada do Pastor no apaixonante mundo cinematográfico.
E gracias a todos vos por ler este folleto.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 17:33:00 |


3 Comentarios:


  • At 4:42:00 da manhã, Blogger Mario

    Que ben!!! Xa sabes como me penso aproveitar das túas novas cualidades artísticas. Polo momento estou desexando botarlle un ollo á curta.

     
  • At 3:34:00 da tarde, Blogger A Raíña Vermella

    A ver se vemos a Magna Obra nas Ovellas en breve;) Facer algo relacionado co cinema é unha das miñas (múltiples) vocacións frustradas, de feito é a arte que mais me gusta.

     
  • At 9:53:00 da tarde, Blogger O pastor eléctrico

    Gracias aos dous pola interese, dicirvos que a curta non estará finalizada até mediado xuño. Teredes aviso.