Este ano que remata, foi entre outras cousas, o 10 aniversario da Declaración de Independencia do Ciberespazo. O seu autor foi John Perry Barlow, cofundador da Electronic Frontier Foundation no ano 1990, unha organización sen ánimo de lucro que defende “as liberdades civís e a libre expresión” neste mundo dixital. A declaración de Barlow constitúe un feito moi importante no desenvolvemento da cultura electrónica. Defende a liberdade de expresión e de difusión de ideas e tamen despoxa aos poderes gubernamentais do mundo físico da capacidade de dirixir e controlar aos moradores do Ciberespazo. Supón unha defensa de todo aquilo polo que se loitou no mundo mais non se conseguiu na maior parte dos casos. A liberdade de expresión, o intercambio e difusión de ideas, a posibilidade de mellorar entre todos teorías, programas, etc. é demasiado valiosa para que nos arrisquemos a perdela por mor da intromisión dos gobernos do mundo (sobre todo o dos USA) que como ben di Barlow na súa declaración, non foron invitados a esta reunión e non son ben recibidos. Non pretendo con isto xerar polémica política, senón facer ver que temos ante nos algo marabilloso que debemos aproveitar. Neste mundo electrónico, temos a liberdade para traballar, discutir, intercambiar, expresarnos, etc. libremente e sen ter que rendir contas nada máis que ante nós mesmos.
Barlow é natural de Wyoming (USA). É poeta, ensaísta, rancheiro, letrista (escribiu para os Grateful Dead) e político. Nun tempo chegou mesmo a ser presidente dunha sección do Partido Republicano de Wyoming, pero as políticas de W. Bush conseguiron que se pasara ao Partido Demócrata. Na actualidade é vicepresidente da xunta directiva da EFF, membro do Berkman Center for Internet and Society na Escola de Leis de Harvard e é membro tamén da Academia Internacional das Ciencias e as Artes Dixitais, onde están tamén, entre outros Matt Groening, Scott Adams, David Bowie, Beck, Björk, F.F. Coppola, David Lynch e Richard Stallman. Tamén é asesor da ONG Clear Path International.
Bruce Sterling recolleu as súas actividades no libro The Hacker Crackdown: Law and Disorder on the Electronic Frontier (1992).
Etiquetas: Ciberespazo


Os novos territorios descubertos foron tradicionalmente unha boa desculpa para fantasear coa posibilidade de sermos libres, de abrir espazos á marxe dos poderes vixentes. Ese era o espírito dos colonos do oeste americano, dos inventores do aeroplano ou dos pintores impresionistas. Co tempo, os lugares virxinais rematan por viciarse, por amosar que as cadeas que nos quitamos son substituídas por outras distintas. Entón, o ciclo comeza de novo: temos que volver facernos á mar.