gardei rabaños máis alá de Orión...
28.3.09
Alphaville
Normalmente acabamos reducindo todas as nosas inclinacións a dicotomías, condensamos en pares sinxelos (e prototípicos) a maioría dos nosos gustos, afeccións... Celta ou Deportivo, cans ou gatos, OSDA ou Star Wars, o libro ou a peli, Sega ou Nintendo, Los 40 Latinos ou a TV apagada, Celtics ou Lakers, Heavy ou Moderno, Pepsi ou Cocacola, Truffaut ou Godard... Neste caso, eu fico con Truffaut.



Hai cousas de Godard que non entendo, a primeira (e principal) é que teña tantos seguidores e tanta sona. Moitos falan del coma unha das grandes influencias de Tarantino máis eu non acho que tal cousa sexa moi certa. É posíbel que Tarantino se sentise fascinado por eses aspectos diferenciais na narración da Nouvelle Vague, sobre todo acostumado como estaba ao americano e á serie B xaponesa. Está claro que pode haber puntos en común, mais semella que directores coma Sam Peckinpah deixaron moita máis pegada no de Tennessee tanto nos temas coma no visual. O tratamento da violencia que podemos ver en Godard está a anos luz da crueza de Peckinpah.



O meu gosto persoal tamén me fai recear moito do uso da cámara. Por que fai sempre planos aéreos de persecucións de coches que semellan micromachines? Adoito prometerme que nunca verei un filme máis de Jean-Luc Godard cada vez que remato un, pero xa recaín en máis dunha ocasión. Será que realmente hai algo no seu cinema que me fascina? Non o sei. A derradeira experiencia foi Alphaville.

Gustoume moito a escuridade do filme, a presenza de elementos do film noir, o misterio da trama... O argumento é moi bo, pero da a sensación de non estar aproveitado todo o seu potencial. O filme é lento e non afonda na problemática derivada da informatización da sociedade. Cae nos clixés totalitaristas e ten puntos moi febles. Por momentos semella arrincar pero acaba caendo outra vez no tedio. A voz en off gutural aporta un punto de sordidez ao resultado final. É interesante o tratamento da problemática da linguaxe, a presenza de textos de Éluard e as referencias estéticas aos filmes de espías. Como anécdota dicir que o director pensou en Roland Barthes para interpretar ao profesor Von Braun, inventor do ordenador Alpha 60 (o malo-malísimo, vamos).

Por se iso fóse pouco, agora vou ver Bande à part. Está claro que non aprendo.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 01:28:00 | 5 comentarios
15.3.09
Localización no mapa
E sigo a voltas co Matheson e o seu libro I'm Legend. Adoita acontecer que as historias de ciencia ficción acontecen nos Estados Unidos, isto non é unha regra, mais ben unha tendencia. Moito ten que ver coa procedencia dos autores, xa que un número importante dos clásicos (e dos non tan clásicos) son norteamericanos. Incluso aquelas historias que teñen lugar no espazo, son protagonizadas por estadounidenses ou no seu defecto, por xentes do mundo ao servizo dos EE.UU.

No caso concreto desta novela, un home fica só no mundo, entendendo o mundo como os EE.UU. que é unha visión un tanto simplista pero para o caso é mellor. Mellor que os zombies ataquen California e non Galiza.

Imaxinade a historia aquí. Un virus mutado polos científicos galegos infecta a toda a poboación convertíndoa nunha sorte de criaturas non-mortas que atacan polas noitos infectando ao resto da xente agás a un científico que é inmune grazas a unha configuración especial do seu sangue.

Problemas: Non sei se resultaría verosímil unha investigación deste tipo, pero poderiamola localizar no CHUS, onde científicos sen escrúpulos empregaban o sangue doado polos confiados alumnos universitarios para facer experimentos con el buscando... non sei, por exemplo unha resistencia mellor ao frío e a humidade do inverno. Por poñer algo axeitado ao medio. Unha vez resolto isto, temos outro problema. Que faría un galego só no mundo? Loitaría pola supervivencia da especie, intentaría achar unha cura, refundaría o pais, ou aproveitaría para mover un pouco os marcos? Outro problema de ter zombies no pais é que nunca mudaría a presidencia da Xunta.

Está claro que a tradición fai moito nestes casos, sería interesante tirar unha vertente zombiesca das historias de lobos e meigas e ver en que quedaría a cousa. Imaxinades revistas pulp galegas? Iso sería demasiado moderno, incluso cando xa deixou de selo hai décadas no resto do mundo.


Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:00:00 | 6 comentarios
10.3.09
Cypher
O outro día falabamos (non me deu polo maiestático, nos comentarios houbo debate) aquí de cinema de ciencia ficción co gallo da evolución dos zombies na pantalla. O debate foi moi gratificante para min porque xerou debate e porque este estaba, en parte, centrado nun aspecto que a min me fascina: a narración. Concretamente a narración fílmica.

Roi Buligan recomendábame un filme canadiano que eu non coñecía, animándome a que o vise e o comentase. Con todo o lío que tiña enriba tardei máis da conta en poder velo pero pareceume moi interesante poder falar aquí del, xa que como dixen antes, son amigo de debates deste tipo. Son amenos, apréndense cousas, animan as visitas e ademais demostran que unha mesma película pode ser moitas, dependendo de quen olle para ela. E poden dar lugar a descobertas como a de hoxe.



O primeiro que me sorprendeu do filme foi que o seu director era Vicenzo Natali, responsable de Cube, filme que merecería un bo debate por sí soa, a poder ser con cervexa polo medio. Segundo comeza, os créditos intercálanse coa posta en escena da historia. Este principio tróuxome dúas cousas á mente; o estilo visual (incluso dos créditos) de Spielberg e a escena do principio de Blade Runner (o primeiro diálogo), cando León fai o test Voight-Kampff (o da tartaruga). Aquí vemos a Jeremy Northam facendo igualmente un test, neste caso non para ver se é un replicante senón para saber se é un espía.

Aquí desvélase xa o tema principal do filme, a espionaxe industrial. Esta temática lembra moito á triloxía do Sprawl de Gibson, a loita entre grandes corporacións, o roubo de datos no ciberespazo e os implantes para burlar os sistemas de seguridade. No seu tratamento tamén hai moitas similitudes, xa que os obxetivos reais das partes involucradas non están claros (incluso as propias partes involucradas) até o final e a percepción das cousas muda constantemente. É unha historia enrevesada, apoiada nunha interpretación máis que solvente e nunha apariencia estética sinxela, moi luminosa en certos momentos para o meu gusto pero que mestura con grande acerto a tecnoloxía futurista con elementos cotiás.


Un filme moi visual, a montaxe acelerada de planos curtos, os ollos de peixe e os filtros dixitais que distorsionan a imaxe axudan a crean a sensación de desacougo que invade ao protagonista. A parte sonora é moi austera. Un filme en definitiva moi interesante, que garda certas similitudes con Cube e que visualmente non ten moito que envexar a producións máis grandes se ven é certo que non aporta ese aquel novidoso que sempre se lle agradece a un filme de xénero.


Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 14:30:00 | 4 comentarios
7.3.09
Libro Primeiro
Na anterior idade aos nosos tempos, os líderes dos pobos unidos lograron vencer ao inimigo da Terra do Norte. Nunha loita dura, conseguiron arrebatar ao Partido Único o Trono de Poder, xunto co resto do Tesouro do Dominio. Este último está formado por unha serie de elementos de poder maléfico que exercen un terrorífico control: os sacos transoceánicos, os Báculos de Poder das Comarcas, e o Grande Índice Dourado, que outorga un extraordinario poder aos capitáns dos exércitos públicos.

Todo isto chegou ás mans dos líderes dos pobos unidos. Tiveron a opción de destruílos para sempre, era o fin perseguido, polo que tanto se tiña loitado. Porén, o seu poder axiña corrompeu aos gobernates das dúas grandes faccións da revolta, que cautivados por semellante forza quixeron gardalo para si mesmos. O resto das forzas da Terra do Norte intentou convencelos de que os destruísen, de que volvesen o poder ao pobo, pero a vontade do Trono de Poder está ligada á maldade do Partido Único, e semellante poder axiña se apoderou das súas almas. Aquel poder voltouse contra eles, cada quen o quería para si e non tardou en chegar o momento en que todo o poder voltou ao Partido Único deixando aos pobos libres sumidos no caos e a desesperación.

Foi entón cando os vellos Señores da Terra do Norte apareceron e convocaron aos novos, descendentes das diversas castes que en tempos loitaran contra o mal. Era tempo de recuperarse, loitar xuntos e con máis valor que nunca. A batalla estaba a piques de comezar, pero... quen sería o encargado de levar ás costas a pesada carga da destrución do Partido de Poder?

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:05:00 | 2 comentarios
3.3.09
Prólogo (ou polo menos agardo que non sexa epílogo)
Tres Partidos para os galegos baixo a chuvia.
Sete para os Señores Vascos con casas de pedra.

Nove para os Homes Mortais condenados a morrer.

Un para o Señor Escuro, sobre o seu trono escuro

na Terra de Mordor onde se extenden as Sombras.

Un Partido para gobernalos a todos. Un Partido para atopalos,

un Partido para atraelos a todos e atalos nas tebras

na Terra de Mordor onde se extenden as Sombras.


Os Nazgûl cumpriron o seu cometido e devolveron o Partido Único ao señor escuro, é vontade do partido voltar xunto ao seu dono. A alianza dos pobos libres é o único xeito de combater a escuridade que nos ven enriba. Non deixemos que a febleza dos que o intentaron derrotar na anterior idade nos atormente.

Comeza a aventura.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:30:00 | 9 comentarios