gardei rabaños máis alá de Orión...
25.12.08
Filmes de Nadal
O nadal é unha época horríbel en moitos aspectos, podería enumeralos pero prefiro que cada un escolla os seus por iso da economía lingüística. É tempo de reunións, ceas, brindes, bos desexos e, sobre todo, horteradas. O nadal é ás cidades o que a moda marbellí ás persoas. Decoracións absurdas e panxoliñas por altofalantes ás once da mañá, en domingo e até as dúas!

A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos... son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.

Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.

6 Propostas de Filmes de Nadal para o Próximo Aninovo:

- Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de "Malditos! No respetan ni lo más sagrado", "Me ponen en una situación muy delicada" ou "Es hora de repartir algunos regalos".

- Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.

- Han Solo saves Christmas: Unha sidequel na que o traficante e piloto interestelar (interpretado nesta ocasión por algún actor de telecomedia) atopa indicios dunha conspiración para rematar co nadal no sistema de Hoth. Sistema no que sempre é nadal por culpa do seu clima xélido. Coa axuda de Chewbacca e Lando Calrissian (Chris Tucker pode ser unha opción) loitarán contra os malvados seres que intentan construir un sol artificial no sistema para derretir a neve e, con ela, a maxia do nadal. Todos estes acontecementos son anteriores á historia do episodio IV.

- Eastern Kings: Os tres Reis Magos de Oriente intentan chegar a Belén ante a oposición das lexións romanas. Herodes sospeita que a súa viaxe pode ser unha excusa para pasar armamento e informes militares aos rebeldes cisxordanos. Pola súa banda, os cisxordanos están ao corrente e corren na procura dos tres magos. Intriga e acción nun filme bélico repleto de efectos dixitais algo deficientes. Existen numerosos rumores en internet sobre a posibilidade dunha segunda parte centrada nas accións do bando xudeu. Os extras do DVD son do mellorciño.

-
Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.

- Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 09:00:00 | 5 comentarios
11.12.08
Rematando a colección?
Hai unha semana, saía eu todo contento dunha libraría compostelana coa derradeira entrega dos contos completos de Philip K. Dick baixo o brazo, bueno, mellor dito dentro dunha bolsa de plástico ben fea. Este volume contén unha selección de contos publicados dende finais dos 60 até a súa morte.

A narrativa breve do americano era difícil de atopar en español (en galego é aínda máis complexo) e dende hai un par de anos, a editora Minotauro estaba sacando as traducións dos cinco volumes compilatorios editados en inglés. Eu desfrutei moitísimo con estas pequenas pezas, algunhas delas son verdadeiras xoias do xénero, ademais de poder comprobar como o estilo e temas de Dick foron evoluíndo.

Se no volume IV puiden comprobar como Minority Report non aproveitaba todas as posibilidades que a narración orixinal ofrecía, neste derradeiro volume quería quitar a dúbida de que grao de semellanza ten We can remember it for you wholesale, coa adaptación de Paul Verhoeven en Total Recall. Si, eu seguramente opino o mesmo que ti dese filme.

Pois ben, vou quedar coas ganas. O relato non aparece. Resulta que a editora (que por outra banda fai unhas edicións moi coidadas), esquenceu incluír o dito relato xa que na versión inglesa da compilación mudárono para o volume II na edición máis recente (a partir da cal fixeron a tradución). O caso é que lles pasou por alto e agora van amañar o erro incluíndoo na nova edición do volume II, volume que tanto eu coma outros moitos xa merquei.

Imaxinade a cara de pampo que me quedou. Nin sequera vano editar en solitario, ou con outras narracións inéditas en español. Eu, iluso, pensei que ao mellor colgaban unha versión dixital na web. Como dixo unha profesora que tiven na facultade: "Igual no mundo marabilloso que queredes construír". Pois iso.

Digo eu, sería lexítimo ir co meu exemplar do volume II e intercambialo pola nova edición que inclúa o conto?

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:34:00 | 5 comentarios
7.12.08
Piratería
Creo que despois de ver moitos anuncios que falan de roubar, de escoitar a grandes multinacionais dicir que perden cartos (no canto de dicir que non os gañan), de escoitar queixas de defraudadores de impostos, de pagar impostos a unha sociedade privada por actos non cometidos, de ver coma o Estado Español apoia todo iso... Despois de todo iso, atopei o anuncio definitivo.




Esta xenialidade pertence á serie The IT Crowd, unha serie creada por Graham Linehan. A serie prestáronma en DVD, así que supoño que tamén lles estou roubando aos produtores. Este outro, de Alejandro Pérez, tampouco ten perda
.


Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 21:20:00 | 3 comentarios
1.12.08
Snow Crash

Dise que Neal Stephenson plantexou a través desta novela unha transformación do xénero cyberpunk, non tanto no contido coma na forma. É certo que o humor (a personaxe central chámase Hiro Protagonist) e as súas teimas persoais (o skate, a música...), mestúranse con elementos propios do xénero coma a vertente escura e perigrosa da tecnoloxía, a destrución da sociedade tal e como a coñecemos, as drogas, etc. O autor está moi influído polo cinema e a literatura inmediatamente anterior, o que se advirte nun uso masivo de estereotipos paródicos: a mafia, os repartidores, os piratas... Renóvase en parte a estética mais a esencia está aí. Eu inevitábelmente asociba a Raven coa personaxe de Kurt Russell en Escape from New York.

O resultado é unha novela moi entretida que as veces semella un xogo de rol, outras unha novela de misterios e historia, outras un foro de internet... Destaca a achega que fai ás civilizacións antigas, ás linguas e cultos primeiros que levan, nese mundo frenético e dominado pola tecnoloxías da información, as chaves para a súa destrución. Os mitos sumerios e hebreos obteñen unha significación nova a través da linguaxe informática. Os virus e os conxuros acaban sendo un só.

Un dos puntos máis interesantes do libro é o concepto de metaverso. O metverso é moi similar ao internet coa diferenza de que navegamos por el en 3D mediante unha representación holográfica da nosa persoa denominada avatar. Hoxe en día non reulta especialmente rechamante, pero estamos a falar dun libro de 1992. O metaverso é en certo modo o que sería o Second Life, pero un nivel máis arriba.

A mágoa é que o libro vai perdendo forza. O desenlace da trama non está ao nivel do resto da narración e un queda cun sabor agre, do que puido ser e non foi.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 19:00:00 | 5 comentarios