gardei rabaños máis alá de Orión...
28.11.08
Música en 8 bits

Parece ser que non son o único con morriña daqueles tempos en que os videoxogos non eran moi vistosos graficamente mais compensábano coa xogabilidade, a dificultade e unhas musiquiñas moi características.

Pornophonique é un conxunto alemán que fai música coa a xuda dunha Gameboy, un Comodore64, samplers do Space Invaders, etc. ah! é unha guitarra. Na súa páxina web pódese descargar o seu album, ten licencia Creative Commons, algo de agradecer nestes oscuras de turbias alianzas entre os que mandan nun lado e os que mandan noutro para acabar coas redes de difusión cultural.


As cancións teñen títulos tan evocadores coma take me to the bonuslevel because i need an extralife, lemmings in love ou, como non, game over. Paga a pena escoitar a estes alemáns que conseguiron subir unha Gameboy aos escenarios.


Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:20:00 | 6 comentarios
19.11.08
Deixa en pausa que vamos comer

Cando un ten moito tempo libre, ou anda demasiado ocioso, ou está recluído na casa, ou simplemente é un gamer empedernido (algún día deberiamos levar á academia galega unha proposta de galeguización de termos referidos aos frikismos variados), pode pasar que lle veña a nostalxia e descargue un emulador. Recoñezo que eu mesmo caín varias veces nesa espiral de vicio melancólico.

Pasei moito tempo xogando grandes títulos dos 80 e 90. Algúns xa os desfrutara no seu tempo, pero a inmensa maioría eran novos para min. É toda unha experiencia ver en que consistían aqueles xogos que só coñecía polas tapas das caixas que viñan na Hobby Consolas. Aquelas portadas debuxadas a aerógrafo que ocultaban o escaso atractivo gráfico real ou simplemente buscaban público adolescente mediante heroínas de grandes capacidades e réplicas de Rambo e Conan. A maioría das veces, probar eses xogos, é unha decepción. Sobre todo aqueles primeiros intentos de xogos de acción ou shooters, que eran coma unha peli de A3: argumento pretensioso, grandes anuncios, moito presuposto e un resultado para soterrar e evitar pronunciar o seu título en presencia de calquera ser humano.

Pero os emuladores teñen un erro no seu intento de recuperar sensacións de infancia. Algúns superficiais, coma o feito de que a pantalla do ordenador vai acender moito antes que a da vella TV na que tiñas o Spectrum ou o pequenos detalles coma que a ninguén se lle ocorreu facer un adaptador para o mando da Super NES. O grande defecto é que os emuladores permiten a opción de Gardar Partida.

Se ben os gráficos dos xogos de 8 e 16 bits non eran especialmente realistas, o sistema de xogo de -tes que facer todo seguido e se perdes todas as vidas acabou- achégase máis á realidade que andar gardando a partida antes de afrontar algunha fase complicada. Falando con agurdión decateime do pouco interesante que sería a vida con esa opción. Teño exame final de carreira, gardo partida por se acaso.

Lembro tamén pasar tardes enteiras xogando ao Sonic, ao Alex Kidd, ao Rocket Knight... Superando unha fase tras outra, intercambiando o mando cos meus irmáns e notando a tensión cando máis se achegaba o momento de eliminar ao xefe final e poder contemplar o remate do xogo. Ás veces este consistía só nunha listaxe de créditos cunha música tan cutre que daba gana de queimar con todo.

Os emuladores permitíronme tamén rematar La Abadía del Crimen, o xogo baseado no libro de Eco O nome da rosa. Un xogo tan complicado e longo que pensei que non tería créditos ao final porque ningún dos programadores pensaría que alguén sería capaz de rematalo. Iso si, non obtiven nen a metade de satisfacción que a primeira vez que vin a Alex comer a súa derradeira e xigante hamburguesa.

Levo tempo pensando en vender a Master System, pero non acabo de decidirme. Igual ten todo isto algo que ver.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:41:00 | 3 comentarios
9.11.08
THX 1138

O primeiro filme de George Lucas. Non chegou con iso? Ben, engadirei algo máis. Robert Duvall (sen táboa de surf).

É un filme do ano 71, ainda que se rodou no 69. Lucas preséntanos unha distopía ao estilo de 1984 ou Un feliz mundo novo. Unha sociedade totalitaria, construída baixo a terra, vixiada e controlada mediante a tecnoloxía. Os individuos están sometidos a un sistema de inxesta de drogas que anula a voluntade e agudiza a atención para o traballo. Un sistema baseado na productividade e a economía, estimulando o mercado mediante o control das autoridades, a relixión e as propias drogas. Un mundo aséptico e libre de sentimentos, cunha atmosfera claustrofóbica; case en todo momento os fondos son branco luminoso.

Unha historia sinxela, debedora de Orwell e Huxley. Ten algún efecto sonoro dos que aparecerían logo en Star Wars (e divertido escoitar o sabre láser) e incluso unha transmisión de radio menciona o atropelo dun wookie. Asi mesmo é a primeira producción de American Zoetrope, a productora de Lucas e Coppola.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:26:00 | 3 comentarios
6.11.08
Avaría Eléctrica
Imaxe: Dru!

Levo xa uns días arredado deste mundo. As razóns son moitas e variadas como dirían nas novas do deporte. Primeiramente, estiven agardando a que os señores de ya.com tiveran a ben facer o traspaso de liña; coido que as miñas relacións coas compañías de telecomunicacións merecerían un señor post, incluso unha guía de uso como a de busca de compañeir@ de piso. Outra das razóns foi un cúmulo de asuntos demasiado denso como para pararse a pensar de que se trataba e así poder explicalo. A de máis peso foi, sen dúbida, unha forte avaría no sistema de aproveitamento enerxético das baterías do pastor. A avaría xa está na última fase de reaxuste e reparación polo que este blogue voltará a ter unha frecuencia de postaxe máis normal que a escasa que leva nos últimos tempos.

A partires de mañá volven As Ovellas Eléctricas (4º Tempada) agardo que con máis forza ca nunca. Isto último recórdame que tamén debería facer unha recopilación de frases tópicas que aparecen neste blogue, podedes ir confeccionando a lista segundo as vexades, así creamos un post colectivo e demostramos que os blogues non están mortos.

Por certo, aproveito para avisar o todo o mundo da recente aparición de Verme (cultura emerxente). Pásalo!

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 23:26:00 | 3 comentarios