gardei rabaños máis alá de Orión...
17.5.08
Poesía contra a ignorancia

DEITADO FRENTE Ó MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...


-----

Celso Emilio Ferreiro

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:16:00 | 7 comentarios
2.5.08
O meu primeiro 16bits
Lembro perfectamente o día en que tiven entre as mans a flamante Mega Drive de Sega. Era un artefacto impresionante, moito máis grande do que parecía nas fotos das revistas e dunha cor negra, negrísima. O pack incluía un mando e un xogo. Sempre me fascinou esa política de "un mando", ao final acababas mercando outro para xogar cos amigos pero, por que raios non o mercaban eles? A fin de contas, ti xa puñas a casa, o xogo e a consola. Iso polo menos, a merenda e os refrescos eran opcionais.
O xogo que viña era Flashback, esa palabra que tanto escoitaría ao longo da miña vida dende entón, aínda que case nunca en relación con este magnífico xogo. Mais ben en relación co cinema (Ai, Tarantino, Tarantino...) ou coa literatura ("o flashback tamén chamdo analepse...") eu sempre estaba por dicir que tamén se coñecía como The quest for identity. Nunca o cheguei a comentar, parecíame fóra de lugar.
O xogo era sensacional, impresionábame a aparencia gráfica que tiña, ao xeito de ilustración, con cores moi diferentes ao habitual, semellaba debuxo simple de banda deseñada, sen filigranas mais con certo estilo.
A ambientación era cyberpunk, a pesares de que eu non coñecía tan sequera o termo, viñérase rapidamente á cabeza Blade Runner, pola combinación de vestiarios actuais e futuristas, o coche no que fuxías era moi parecido ao patrulla de Deckard, a pistola... incluso no propio personaxe.
Visto co paso do tempo, samella máis interesante aínda, e unha revisión que lle fixen o ano pasado deu para moito. Unha das cousas que pasara por alto no momento, non por anecdótica (era clave no transcurso da historia) senón por falla de referencias era o Holocubo. Tratábase dun pequeno obxecto de forma cadrada do que saía unha historia que pasaba por ser a túa mais non era seguro. Lembreime deste obxecto vendo Mulholland Drive, nese momento clave do filme no que no teatro aparece por vez primeira esa pequena caixa que se abre e a partires de aí todo se volve -máis- confuso. Será que David Lynch púxose a xogar ao Flashback despois de rematar Twin Peaks?



Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:40:00 | 8 comentarios