gardei rabaños máis alá de Orión...
26.4.08
Os meus favoritos: Les Claypool
Non sei moi ben como empezar, así que comezarei dicindo que é para quen non o coñeza. Les Claypool é o baixista e cantante da banda norteamericana Primus, ademais ten outras bandas e proxectos paralelos como a Les Claypool's Frog Brigade e colaboracións co xenial e excéntrico guitarrista Buckethead, co que grabou ademais xunto con Bernie Worrel e o batería Bryan Mantia o fantástico The big eyeball in the sky. É tamén o que interpreta a famoso tema de South Park.
O seu estilo é inconfundible, ademais de ter unha grande habilidade técnica, emprega un estilo peculiar que mestura a técnica de dedos co tapping, é moi orixinal en canto ás liñas melódicas que consegue. A pesares de contar con excelentes guitarristas ao seu lado (Larry LaLonde e Buckethead entre outros), consegue que a liña do baixo sexa a que leve o peso melódico e a forza da canción. É destacable tamén o uso que fai do slap, o seu estilo podería definirse como funk-metal ainda que con matices porque ten moito de moitos outros estilos.
Ten un grande sentido do espesctáculo e do humor, os seus shows acostuman ser espectaculares. E non só musicalmente.
Recentemente dirixiu un filme que soamente circula polos USA e que leva por título Electric Apricot: Quest for Festeroo, un falso documental paródico do mundo dos festivais de Rock'N'Roll na liña de This Is Spinal Tap.
Deixo aquí un vídeo para que desfrutedes del. Agora entenderedes por que son tan afeccionado á súa música.






E estes de propina.





Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 21:49:00 | 4 comentarios
12.4.08
Viaxe de fin de semana
Levo uns días que non paro, non me deixan vivir. Se existise unha lotería que en vez de cartos rifase tempo, mercaría cinco ou seis cupóns á semana. Tiña ganas de viaxar, ir por aí. Así que vou falar dunha viaxe, a primeira desta fin de semana.
A comida rematada e as bolsas preparadas! Podemos saír. Apuramos o paso para non coller auga, o tempo é inestable nesta zona do planeta. O punto de partida era unha construción rexa, escavada na aba da lomba situada na marxe norte da cidade. Ao chegar comezaban a caer finísimas gotas que adiantaban o que podía deparar a climatoloxía na fin de semana.
Dentro do edificio a xente rebulía dun lado para o outro, cargados con pesados bolsos. Nunha esquina un grupo de soldados fumaban distraidamente. Fumaban? Se cadra non, é un edificio público non é permitido fumar neles. Digamos entón, un grupo de soldados nunha esquina, lían o Marca e discutían enerxicamente, é probable que se tratase da xogada polémica de onte.
O transporte agardaba por nos na parte inferior do complexo, alineado xunto a outros de diferentes cores e tamaños, pero coa mesma función, o transporte de persoas e pequenas mercadorías. O noso era unha vella máquina de cor grisácea, con desconchóns que falaban ás claras das moitas aventuras polas que pasara. Quizais estivera máis ao leste, nos territorios fronteirizos.
Dentro daqueles ferros oxidados, a atmosfera resultaba desagradable, un ambiente mesto de pó, humidade e suor rancia. No asento da dereita, unha vella rosmaba de seguido polo baixo. Non sei se pregaba polo bo descorrer da viaxe ou simplesmente botaba merda sobre algo ou alguén.
Polo fío musical soaba Tommy the Cat antes de me quedar durmido. O sono apoderouse de min. Comecei a soñar de seguida e viñeron á miña mente multitude de lugares onde querería rematar a viaxe. É certo, non tiñamos destino fixo, se non acordaba a tempo acabariamos nun lugar tan remoto como desaconsellable.
Trrr, trrrr. Un zunido insoportable devolveume entón ao mundo da consciencia. O móbil recordábame que hoxe tiña moito que facer ou tal vez que lembrase mercar baterias cando fixera a compra. Nese momento, xa de volta ao mundo real ou polo menos fóra do mundo dos soños, divisei pola fiestra lateral unha sorte de construción anacrónica. Pare! Baixemonos aquí. Aquelas pedras lembráronme unha vella lenda que escoitaba de pequeno e pareceume interesante investigar o lugar de preto durante uns días. Comezaba a fin de semana.
Igual non aconteceu desa maneira, pero é que teño o pésimo costume de marearme nos vehículos de transporte colectivo terrestre e as biodraminas fan un efecto curioso no meu organismo.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:16:00 | 3 comentarios