gardei rabaños máis alá de Orión...
31.1.08
Os meus favoritos: Paul Auster
Auster é deses autores que hai que seguir. Pode ser que fiques marabillado coa lectura dun libro, pero para desfrutar completamente, é preciso coñecer o universo Auster. Os grandes temas do americano son: New York (Brooklyn en particular), o escritor, a soedade e, por riba de todo, o azar; e son comuns a case que toda a súa produción.
O meu primeiro contacto con este mundo foi por medio de Leviatán. Un libro impresionante, que mestura xéneros e no que os principais motivos do macrotexto austeriano saen á luz. Cabe destacar ese influxo grande que tiña da novela policíaca nos seus primeiros libros. Na chamada triloxía de New York isto é máis obvio, pero vemos o pouso nun libriño que leva o título de Squeeze Play (Jugada de presión) que é unha novela de detectives ao uso e que asina como Paul Benjamin, nome que levará o protagonista de Smoke.
Un dos grandes xogos da súa obra é a mestura do real co literario, fai numerosos xogos coa súa vida, seu nome, anécdotas coñecidas del... e cólaas no medio das historias provocando un efecto sorprendente, no que o autor e a personaxe chegan a fundirse nun so elemento.
A súa forma de narrar é posiblemente un dos meus maiores influxos á hora de por no papel as cousas que me pasan pola cabeza, ten ese aquel de descrición cinematográfica (se é que se lle pode chama así), que fai que vexas con claridade todo o que está contando. Eu nunca estiven en New York, e sen embargo, case me parece ver as rúas de Brooklyn, coa ponte ao fondo, os xantares no Central Park e os luxos e hipocresías de Park Avenue.
É posible que iso fixera que dera o salto ao cinema da man de Wayne Wang. Neste campo, xa non son tan forofo. Xa comentei fai uns meses o meu desencanto co filme The inner life of Martin Frost, pero é que Lulú on the bridge tampouco foi do meu agrado. Iso si, Smoke & Blue in the face si que fican na miña cabeza coma duas boas mostras do que sería Auster no cinema.
Non so no referente ao cinematográfico é que me crea certa identificación, senón no que atinxe ao azar. Eu que son mais ben descrido e que non confío para nada no destino, si que creo que o azar é ese algo que escapa ao noso control e que ten un papel decisivo no decorrer das nosas vidas. Eu mesmo, moitas veces tiven comprobado o que o azar fixo na miña vida, mudando completamente a direción das cousas por un detalle aparentemantemente sen importancia. De todos xeitos, para comprobar o poder do azar no seu maior grao de expresión aconséllovos La música del azar.
Agardo que non se lle suban os premios á cabeza e que volva outra vez polo camiño que marcou con mestría e no que eu seguirei agardando o seu retorno.

Etiquetas: , ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:28:00 | 7 comentarios
19.1.08
Identidades: O artesán

O vello edificio de tixolo marrón destacaba entre as edificacións da zona, non só pola súa altura, senón pola antigüidade. Era o único anterior á revolta. Sobreviviu aos ataques quizais pola súa construcción sólida ou quizais por unha desas bromas, case poéticas, da historia. Aquel edificio estaba predestinado a se converter nun castelo, fortificado e maxestoso, lembranza dunha época pasada marcada polo artificio e as grandes obras de enxeñería. Unha construcción ostentosa que acadou o seu obxectivo grazas ao influxo da batalla.

A impresión que daba era anacrónica, coma se alguén esquecera recoller o decorado dunha obra anterior. Ao mesmo tempo era inevitablemente o referente daquela zona interior e afastada.

A pesares do seu tamaño, o edificio non estaba ocupado agás un dos baixos e o piso inmediatamente superior. A xente prefería vivir nas modernas e máis seguras vivendas que fornecía o consello de defensa. Semellaban iglús, pero dun tamaño algo maior. Á noite, alumeaban a zona coa luz recollida do sol. Esa era a única enerxía que consumían, os poucos enxeños eléctricos cos que contaban aproveitaban tamén ese recurso que tiraban do sol.

Naquel baixo habitaba un home duns corenta e tantos anos, ao mellor máis. Chegara alí, coma case todos, tras a revolta. A dirección rexional organizaba pequenas comunidades aproveitando vellos lugares ocupados nos que se conservase algo de utilidade. Nesta zona, ademais do edificio, había un grande invernadoiro que garantía boa parte da subsistencia da comunidade. Roi, que así era como se chamaba o home, adicábase a reparar todo tipo de trebellos. Tiña unha sorte de obradoiro no baixo do edificio e vivía no piso de arriba, aínda que iso era na teoría, xa que ao final acababa pasando case que todo o día no baixo, rodeado de trebellos, cables e toda clase de trastos que xa había anos que deixaran de funcionar.

O obradoiro era un lugar poirento e con pouca luz. Ao non contar coa cuberta das novas vivendas que aproveitaba a luz do sol, Roi empregaba un pequeno xerador alimentado cunha placa solar antiga que rescatara dunha morea de lixo que se achaba nas inmediacións. Acostumaba saír da zona en busca de refugallo, por alí había bastantes por mor do conflicto coas máquinas.

O conflicto provocara un autentico caos na civilización. Os avances en electrónica, mecánica e intelixencia artificial, lograran a creación dos primeiros androides, pero co paso do tempo, evoluíron cara os cyborgs, cun aspecto humano e coa capacidade de comprender e actuar en consecuencia. A revolta era cousa de tempo, obrigados a realizar as tarefas máis perigosas e privados de todo tipo de dereitos, levantáronse contra os humanos e soamente o feito de seren moi inferiores en número fixo posible a victoria terrestre. Esta contenda non durou moito mais causou estragos, millóns de persoas perderon a vida e case que tres cuartas partes do planeta habitadas quedaron reducidas a cinsa. É por iso que aínda hoxe os homes non empregan moitos artefactos mecánicos complexos, hai moitos receos coa robótica.

Roi reparaba pequenos electrodomésticos e maquinaria de traballo, pero tamén traballaba con xoguetiños robóticos. Cría que era posible crear androides que fose sempre fieis ao amo. Detestaba aos cyborgs e era esa xenreira a que movía todo o seu traballo, ver un androide fiel e poder dominalo era a súa meta. Quería sentirse creador. Sen embargo, a xente vía a Roi dun xeito diferente, acudían a el si, pero so por necesidade. O feito de vivir alí, á marxe do resto e traballar con androides, producíalles unha mestura de medo e desconfianza. Semellaba un tolo que intentaba traer doutra volta os tempos nos que as máquinas case dominan á especie humana. El percibía esa desconfianza, pero atribuíaa á envexa do seu grande talento para a robótica e a mecánica en xeral, don posuído xa por moi poucos homes.

Despois de moito tempo de traballo, estaba a piques de obter a recompensa ao seu traballo, tiña un androide case rematado, pero aínda non conseguira que os circuítos neuronais funcionasen dentro duns parámetros controlados de obediencia. Non podía cometer o erro que cometeran os seus predecesores, ninguén conseguira un androide que non acabara por desenvolver un comportamento autónomo e independente non suxeito ás regras impostas polo seu creador. Precisaba axuda, información do traballo doutros e sabía onde podía atopalo.

Non vivía naquel edificio por capricho nin casualidade, alí estiveran en tempo as oficinas dunha das máis importantes empresas de cibernética. Sabía da existencia de arquivos e planos dos traballos e investigacións realizadas. Esa mesma noite, comezou a busca polos diferentes andares do edificio. As estancias enormes e escuras estaban ateigadas de andeis cheos de cartafoles e caixas. A humidade e o po enchían até o último recuncho. A luz apenas servía para identificar os pasos que daba e o frío calábaselle nos ósos. Despois de procurar durante horas entre o montón de papeis contidos nas caixas, atopou un traballo que podía ser do seu interese. Seu autor era un tal Ileryt e o resultado das súas investigacións fora un androide inconsciente da súa condición, dotado de recordos pasados e con sentimentos humanos, alimentado a partires da mesma enerxía que os propios humanos consumen, os alimentos. Este androide sería o garante da supervivencia da especie, estando sempre da súa banda e conservando habilidades e saberes que doutro xeito podía perderse.

Roi non daba creto, descoñecía por completo a existencia de tales máquinas, coidaba que el sería o primeiro en construír unha, pero estaba errado. Seguiu lendo os papeis de Ileryt e semellaba enfermar. A face tornábaselle cada vez máis branca e a suor ameazaba xa con mollar o papel. Comezou a tremer, parecía mesmo estar fóra de si, apoderado dunha carraxe e unha desesperación non coñecida. De repente, arroxou os papeis contra o chan e saíu correndo escaleiras abaixo, a expresión da súa cara era xa a da loucura, tiña o pulso acelerado e as veas do pescozo semellaba ían estoupar. Cando chegou ao obradoiro, agarrou o androide case rematado e comezou a bater nel cun martelo até reducilo a ferralla.

De xeonllos, abafado e coas bágoas corréndolle polas meixelas, era a imaxe do desconsolo e a desesperación. Incorporouse e con grande velocidade dirixiuse cara a mesa de traballo de onde colleu unha grande serra metálica. Aferrouna con forza e fechando os ollos comezou a serrar o seu brazo esquerdo. Cando abriu os ollos, os cables e as engranaxes estaban á vista.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 20:27:00 | 7 comentarios
6.1.08
Xa son un Guitar Hero!!!

Preguntade polo pastor e os Electric Sheepers nos locais de moda. Estamos arrasando.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 19:28:00 | 5 comentarios
3.1.08
Para ir comezando ben o ano
Seguro que calquera persoa que pasara por este blog, deuse de conta de que unha das grandes debilidades do pastor é un filme marabilloso chamado Blade Runner. Posto que xa falei do filme, da historia na que está inspirada, de K. Dick (penso que moito incluso), etc. Hoxe, e para comezar ben o ano, deixo aqui unha parodia/homenaxe da man de Quique San Francisco, e o equipo de La crisis carnívora.
Éste é un corte promocional do filme, que se estreou no pasado festival de Sitges e que ten un plantel incrible, coas voces do propio San Francisco, Joaquin Reyes, Jose Coronado, Alex Angulo, Pablo Carbonell... E a participación de Nikodemo animation, creadores de Cálico Electrónico.
Como curiosidade, dicir que está realizado na súa totalidade en Flash.
Agardo que a desfrutedes. Tedes máis cortes na web do filme.


Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:22:00 | 4 comentarios