gardei rabaños máis alá de Orión...
30.12.07
Arañas
Co alento entrecortado, incorporouse. A suor caíalle pola face. O xesto, desencaixado pola anguria, semellaba mesmo que vira ao demo. Estaba so, nun espazo duns cinco metros cadrados. Escuro, tan só un pequeno fío de luz coábase por baixo da porta. Unha luz da cor do solpor, frouxa e con ar morriñento pensou. Frío. Tremeu co calafrío que lle percorreu o lombo até a caluga.
Pensou que o peor non chegara aínda. Estaba cativo, si, pero iso non ía ser todo. Axiña chegaría alguén. Un gardián.
Un ruído metálico, coma de pasos. Pero non eran pasos normais, non. Non eran as pesadas botas dos gardas, nin o ruído que fan os androides ao camiñar. Non, demasiado mainos pero á vez áxiles, coma se moven as formigas por riba dun toro mol e apodrecido. Soamente unha máquina con centos de patas podería facer ese ruído e non tiña constancia da súa existencia. A suor brotou agora con máis intensidade.
Un berro terrible e afogado chegou de súpeto. Eu son o seguinte – pensou – Seguro. Desprazouse rapidamente cara a porta, como buscando unha saída que sabía imposible. A anguria foi maior.
Axeonllado fronte a porta, sen alento a penas, notou a presenza das pisadas moito máis preto. Contraéronse tódolos seus músculos e notou a dor da ferida da perna. Un salouco acompañou o salto, rápido e acompasado, cara o fondo da cela. Dende esa posición foi onde puido observar como entraban por baixo da porta metálica. Eran tres pequenos artefactos ao xeito de arañas. Coas delgadas e longas patiñas semellantes a agullas e un corpo rexo de brillante titanio. Os vintecatro pequenos ollos apuntaban vermellos feixes cara a súa face. Cun movemento rápido e sixiloso botáronse sobre el e notou os pinchazos na súa pel.
Foron uns segundos pero a dor fixo que semellasen horas. Un intre despois, os trebellos mecánicos desapareceron tal e como chegaran. Nese momento, perdeu o coñecemento.

*

- Bos dias, as 7:35 da mañá, hoxe as forzas da coalición desmantelaron un almacén de armamento nas inmediacións da área de seguridade do norte da rexión tres. Así mesmo, nunha incursión rutinaria, acháronse…- Cun movemento mecánico, premeu o botón do espertador e a voz metálica calou.
Ergueuse e foi á cociña buscar algo para almorzar. Non durmira ben e iso producíalle unha certa sensación de malestar, tiña a impresión de que ía ser un día moi longo na oficina. Rematou de engulir a torrada insípida e o sucedáneo de café. Daba noxo xa tanta restrición de alimento.
Colleu a roupa de traballo e foi cara o baño. Unha boa ducha sentaríalle ben. O contacto da auga morna coa pel facíalle ben. Notou ao pasar a esponxa polo brazo unha pequena molestia. Ficou xeado. Ao longo do brazo dereito e o peito, tiña preto de vinte pinchazos.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 15:16:00 | 6 comentarios
24.12.07
Os meus favoritos: Philip K. Dick

Xa teño falado del neste espazo (libre e sen canon), pero sobre todo de aspectos da súa vida e obra. Obra moi coñecida aínda que sexa pola adaptación ao cinema. Aínda que no caso de Blade Runner non é moi fiel ao libro, si que capta o espírito do mundo de Dick.
É precisamente ese mundo o que máis aprezo na súa obra. Ao contrario que outros autores da ciencia ficción de mediados do século pasado, non se afastaba da terra nin da súa realidade. É certo que si ten relatos e novelas situadas no espazo exterior e mesmo nas naves intergaláticas, pero o celme das súas historias está sempre situado nos EE.UU. da posguerra. Antibelicismo, paranoia conspiratoria, falta de liberdade, militarismo, desolación... De feito algún dos seus relatos sitúase no fin dos 40 nunha norteamérica preocupada pola ameaza nuclear e sen futuro máis alá da tiranía do goberno conspirador e manipulador. The man in the high castle sitúanos nun mundo no que alemáns e xaponeses gañaron a guerra e repartiron entre si Europa e os EE.UU. Esta temática terrestre foi o xermolo do Cyberpunk desenvolto anos máis tarde por xente coma William Gibson ou Bruce Sterling.
As grandes teimas de Dick sempre foron a falta de libertade, o descoñecemento da realidade, a morte, a manipulación e as drogas. Son estes temas recorrentes na súa obra e fan un todo, pois cada un deles lévanos ao seguinte.



Todas estas cousas crean na man do xenial escritor unhas historias orixinais, magnéticas e únicas que fixeron que non sexa capaz de deixar de lelas. O ano pasado, a editorial minotauro comezou a editar en castelán as antoloxías da súa narrativa breve, dividida en cinco volumes por orde cronolóxica. Aínda faltan por aparecer as dúas últimas e xa devezo por elas. Por medio destas antoloxías, fun vendo a evolución dun home que decidiu facer carreira de escritor e que nunca parou. Esa constancia deu unha obra moi prolífica, pero tamén, e hei ser sinceiro inconstante. Está claro que ten traballos moi frouxos pero son compensados con obras magníficas e perdurables no tempo.De feito ao ler agora a súa obra, poderíamos situarnos no contexto norteamericano e supoñer que a inquedanza de Dick podía pertencer a unha persoa do noso tempo.
Por todas estas cousas, foi un autor que me fascinou. O mundo de Dick sempre será un pouco o mundo do pastor. Aínda que estes mundos do pastor son máis os de Gibson, pero diso xa falarei outro día.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:58:00 | 2 comentarios
16.12.07
Un ano pastoreando

Xa hai máis dun ano que comecei esta viaxe polo ciberespazo. Neste tempo pasaron moitas cousas, a última foron os problemas de conexión que fixeron que este post que debera ter aparecido o luns 10, apareza hoxe. Polo menos parece que os problemas foron subsanados.
Neste ano tiven a oportunidade de aprender moito dos outros blogueiros e blogueiras e de coñecer xente fantástica, algunha nos dous mundo e outra soamente neste virtual.
Este mundo paralelo serviume coma desafogo, entretemento, fonte de coñecemento, de discusións... á parte de coñecer xente con intereses comúns e non tan comúns, isto é penso eu o grande logro da rede. Un campo aberto para que cada quen tire del o mellor proveito para si mesmo ou para todos.
Facendo análise deste ano creo que foi positivo, posto que ademais coincidiume cun bo ano no mundo "real". Pero como se achega o fin de ano e é tempo de bos propósitos non cumpridos endexamais, voume propor aumentar a cadencia de posteo e así incumplir unha norma. Cumprir cos propósitos feitos máis tarde do 1 de decembro.
Procurarei seguir aquí até o ano seguinte, e poder dicir que xa van dous anos pastoreando.
Gracias a todos os que seguides as andanzas do pastor e até vernos nalgun dos dous mundos.

Por certo, gracias á Rapaza do Arco polo cakework. Ademais de chula estaba boísima.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:18:00 | 8 comentarios
3.12.07
Os d1sc0s

Chegoume este encargo de ak e ainda que tarde (non tiña irterneert!), vou facer a lista dos dez cedés.
Ao ver que se trataba de facer unha lista cos 10 mellores discos, asusteime un pouco. Non creo que poda facer semellante cousa, sobre todo porque me levaría centos e centos de horas decirdir cales son os mellores. Ademais seguramente hai discos mellores que nunca escoitei nin chegarei a escoitar.
Por iso fixen a lista baseándome nun criterio algo máis obxectivo. Vou facer a lista dos discos que escoitei máis veces na miña vida. Ou eso creo.

1. Pearl Jam - Ten
Deste estou seguro, é o que máis veces escoitei (e sigo a facelo) na miña vida. A primeira vez que chegou ás miñas mans foi nunha cinta TDK grabada centos de veces cun son espantoso. Aínda así, engancháronme. Estívenlle dando a lata a todos os meus amigos con eles cousa dun ano.

2. Red Hot Chili Peppers - Californication
Con este non tardei nada en engancharme. Cheguei a escoitalo tres e catro veces seguidas.

3. Pink Floyd - Wish you were here
Non sei se é este ou o Dark side of the moon o que máis escoitei de Pink Floyd. Podería facer unha categoría compartida. Grandes discos calquera dos dous.

4. Metallica - S&M
Este cd regaláronmo ao tempo dun reproductor de cd's. Escoiteino tantas veces que a caixa está feita un noxo e aos cd's pouco lles queda para perder o grafismo. Sensacional para o meu gusto.

5. Led Zeppelin - IV
O primeiro cd que escoitei de Led Zeppelin. Encantoume. O Stairway to heaven segue poñéndome os pelos de punta. Ainda que se tivera que elixir, quédome con Since I've been loving you do Led Zeppelin III. Como anécdota, unha vez vin nuha listaxe de cd's este disco como: Led Zeppelin-Viejo con leña.

6. Muse - Origin of symmetry
O que máis escoitei deste grupo que escoitei e sigo escoitando moitísimo. Encántame o xeito de tocar a guitarra de Matt Bellamy. En directo son xeniais.

7. Cream - Disraeli gears
Escoiteino por vez primeira no instituto, en clase de latín. Non pensedes que estaba co discman (que antigo soa isto) en vez de prestar atención, foi o mestre quen puxo o cd. Ese mesmo ano tamén nos puxo Hendrix, Iggy Pop e Deep Purple. A carátula é xenial.

8. Dream Theater - Live scenes from New York
Foi o responsable de que me enganchara a este grupo. O directo está moi logrado e os temas son boísimos. É incrible como tocan todos eles. Puxen a carátula orixinal, que foi censurada. Adiviñades a data do cd?

9. Dire Straits - Brothers in arms
Pasei anos escoitando os discos de Dire Straits, este e posiblemente o que máis escoitei. Mark Knopfler segue sendo dos meus preferidos.

10. Primus - Antipop
Este grupo é o último de todos estes ao que me afeccionei pero collino con moitas ganas, se fago esta lista dentro dun ano seguro que xa subiu. Gústame sobre todo o baixo de Les Claypool.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 12:50:00 | 8 comentarios
Internet
Levo uns dias xa que non me funciona internet, supoño que non son o único ao que lle pasan este tipo de cousas, pero moléstame de tódolos xeitos. Agora estou nunha wi-fi perdida, gracias a quen a deixou para min.
A ver se mañá está todo arranxado e pode seguir adiante coas ovellas. Deixovos un vídeo ilustrativo dos últimos días do pastor.




Como me gusta Muchachada Nui. Tiña que dicilo.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 03:24:00 | 1 comentarios