gardei rabaños máis alá de Orión...
28.9.07
Problemas de memoria
Dende fai algun tempo non me noto ben, cousas que antes era quen de facer, agora resultan complicadísimas e lévanme o dobre ou cecais o triple de tempo. Non sei se será que non son quen de me adaptaren aos novos tempos, ás novas tarefas, aos novos xeitos de traballar. O caso é que son xa 7 anos traballando case que seguido, sen descanso, repetindo ás mesmas tarefas día tras día: baixame isto, manda estoutro, imprime aquí, pon música... O rapaz para todo vamos. Pero xa non son o que fun.
Non é que sexa o meu traballo ideal, eu sempre quixen ser deseñador, ou tal vez músico. Pero non valgo para iso, as novas xeracións veñen moi fortes e mellor preparadas, non son quen de competiren con elas. Sintome un vello, un trasto inútil, nin sequera decorativo (non dou ven coas cores dos sofás). Son incapaz de levar oa cabo as tarefas que me encomendan no tempo estipulado, non dou feito varias cousas ao tempo e aínda por riba, non me levo ben con algúns compañeiros do traballo (o señor USB 2.0 é un impresentable).
O caso é que todo isto levoume a ter enfrontamentos directos con varios dos meus superiores. Puxéronme nun programa especial, seica que para poñerme ao día, pero nin por esas. Ao final mandáronme ver a un especialista. A súa diagnóse non puido ser máis preocupante: teño problemas de memoria irreparables. Véuseme o mundo enriba. Non é que perda memoria, é que non son quen de aumentala, de gañar axilidade. É por iso que non son quen de levar ao cabo as miñas tarefas dun xeito eficiente e teño medo de que me bóten á rúa.
Non quero que me desconecten, a ver se son quen de poñerme ao día. Desexádeme sorte.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:07:00 | 9 comentarios
18.9.07
Death Proof
Por fin fun ver a última aventura visual de Tarantino. Cada vez que vexo algo deste xenial realizador (nunca mellor dito no caso del) fico cunha mestura de abraio e ansiedade por unha nova entrega deste tolo consumidor de cinema de serie Z, música dos 70 e, en xeral, toda a cultura popular americana: dende as pelis de autocine, ao gore máis cochambroso, os muscle cars dos anos 70, as road-movies, os filmes de artes marciais, a subcultura hispana dos estados do medio oeste... Todo iso pasado pola súa mente da como resultado filmes altamente estéticos e cheos de referencias a todo aquilo que mamou dende a adolescencia e que fica coma unha especie de homenaxe a ese cinema que o marabillou e que el eleva á categoria de obra mestra.
En Death Proof, Tarantino rende homenaxe aos filmes de doble sesión dos autocines. Nos USA estreouse xunto con Planet Terror de Robert Rodriguez nunha sesión doble baixo o nome de Grindhouse, pero na distribución europea apareceron por separado, iso si, cun metraxe maior. Nesa contínua homenaxe cabe destacar o filme Punto Límite: Cero, no que Barry Newman conducía un Dodge Challenger de 1970 branco coma o que guían as mozas da segunda parte da cinta. Curiosamente o que conduce Especialista Mike é un Chevy Nova. Este coche aparece tamén en Pulp Fiction pero en cor vermella, descapotable e doutro ano. Este último que no filme era propiedade de Vincent Vega, é en realidade do propio Tarantino. Neste sentido cabe destacar a aparición de Zöe Bell, unha especialista que se interpreta a sí mesma e que foi a dobre de Uma Thurman en Kill Bill.
Temos tamén numerosos guiños do director cara ao seu propio traballo, aparecen personaxes de Kill Bill (O Sheriff e o Hijo número 1), o politono Kill Bill, e como non, as hamburguesas Big Kahuna (saen en Reservoir Dogs e Pulp Fiction).
Fiel ao seu estilo, Tarantino sumérxenos nun mundo no que os diálogos non nos desvelan partes da trama, senon que son circunstanciais, unha escusa para enredarnos en discusións absurdas sobre temas triviais cun forte contido sexual, drogas e violencia mediante. Pero o grande talento deste home fai que resulte un todo moi impresionante. Como non, tamén hai unha variedade de planos dos pés das protagonistas (non podían faltar) e un baile sensual polo medio. Tamén recolle a un actor esquecido, neste caso Kurt Russell (nun papel perfecto para el) quen traballara con John Carpenter en varios filmes. Carpenter é un dos directores favoritos de Tarantino xunto con Peckinpah.



Unha novidade importante é o debut de Tarantino como director de fotografía. Este é un apartado que destaca especialmente polo continuo xogo estético coa luz, a imaxe e a cor.
En xeral é un filme que me deixou un bo sabor de boca e fico coa incertidume de se Tarantino e o seu amigo Robert Rodríguez achegarannos unha segunda entrega de Grindhouse. Permanecerei á espera.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 15:15:00 | 10 comentarios
11.9.07
O pastor xa está de volta
Levaba xa algún tempo sen aparecer por estes mundos e chegou por fin o momento de voltar ao frikimillo. Foi unha época de retiro e frío. Do tempo mellor nin falar porque ademais parecería como se non tivese nada mellor que dicir. Ademáis o frío procedía da prisión na que me atopaba cativo (dou dende aquí as gracias a Luk que se prestou a rescatarme).
Neste período estiven afastado da realidade diaria dos vosos blogs, polo que case que seguro que me perdín algo, xa me irei poñendo ao día.
Para seguir na liña de porme ao día, terei que deixarme caer polo cinema esta semana, a ver se Death Proof non me desilusiona. Teño tamén certa gana de ver a versión definitiva de Blade Runner (por favor, non metas a pata Ridley) e seguir coa segunda tempada de Me llamo Earl, que me ten bastante enganchado.
Non sei moi ben de que falar pois logo de tanto tempo parece como se tivese moito e ao mesmo tempo nada que dicir. Agardo que sexa máis a falta de costume que de ganas. Pode ser cousa tamén do efecto de desconxelarme da carbonita, doénme un pouco as articulacións.
Estar conxelado dache tempo para pensar pero ao non poder actuar é como se todo o que che ven á cabeza quedase nun caótico atasco estilo M30 no que soamente se escoita balbordo e nada chega ao seu destino.
Como é visto que non chego a nada por este camiñoserá mellor que me poña ao chollo e recupere o tempo perdido. O pastor retoma a súa viaxe.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 15:57:00 | 9 comentarios