gardei rabaños máis alá de Orión...
29.5.07
Jeff Buckley 1966-1997
Hoxe cúmprense 10 anos da morte de Jeff Buckley. De non teren morto, é posible que fóse o máis grande músico dos U.S.A. pero a historia non sempre está dacordo coas miñas intencións.
A primeira vez que escoitei Grace, fiquei prendado totalmente. Encantábame o xeito de tocar a guitarra, os arranxos e, sobre todo, esa voz. A voz de Buckley é algo impresionante e que é imposible de imitar, é demasiado persoal. É unha voz fermosa, con moitos matices e variacións e que fai que a música de Buckey sexa única e marabillosa. Jeff tardou en darse a coñecer como cantante. Comezou como guitarrista. Seus pais eran músicos tamén. Súa nai, Mary Guibert era pianista e ao carón de seu piano e a súa voz, o pequeno Jeff medraba coa música como lingua nai. Escoitaba aos grandes mitos da música rock dos 70 e xa con 12 anos tocaba no seu cuarto tódalas melodias de Led Zeppelin.



As causas que rodearon a súa morte non quedaron moi claras, o feito e que morreu afogado en Memphis. Curiosamente no berce do Rock&Roll morreu o que podería ser o novo mestre da música popular. Hai teorías que apuntan a que sofría un transtorno bipolar, outras falan de suicidio, de mala sorte... O feito é que morreu e quedamos sen un músico brillante e teriblemente semsible para a música. Eu hei de recoñecer que me teño emocionado moito coa súa música e que me produce unha admiración profunda e sinceira.
En vida so nos deixou o magnifico álbum Grace (1994), que todo o mundo debería escoitar. Nel aparece a versión de Hallelujah de Leonard Cohen que é posiblemente, xunto con Grace, a súa canción máis coñecida. Logo hai varios directos editados nos que destacan Mystery White Boy e Live a L'Olympia. Tamen están editadas as demos que grabara para o que sería o seu segundo álbume, My Sweetheart the Drunk, e unhas sesións previas á gravación de Grace xunto co guitarrista Gary Lucas baixo o título de Songs to no one 1991-1992.



A súa influencia dentro da escena alternativa e indie é enorme e xente como Tom Yorke, Matt Bellamy, Chris Cornell e P.J. Harvey entre outros así o manifestaron. Entre os varios temas de homenaxe a Jeff Buckley, seleccionei uns cantos para que os desfrutedes.


Memphis - P.J. Harvey


Wave Goodbye - Chris Cornell

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 16:19:00 | 12 comentarios
26.5.07
Cousas que ver na tele cando estas morto
A televisión semella que non ten xa ideas. Alén de realitys, cada cal máis terrible, e cotilleo (que vive bastante dos realitys), non parece que haxa moitas fórmulas de entretemento novas. Acaso xa está todo inventado na televisión?
O outro día vendo imaxes de FactorX lembreime daquel post da Rapazo do arco que falaba dun programa da tv alemana. Naquel momento pensei que os alemáns volvían gañar, pero a tv española tirou de casta e conseguiu decantar o marcador novamente no seu favor.
En fin. Polo menos na caixa tonta tamén se lembran do sinxelo, que ás veces é o mellor. E que hai máis sinxelo que as series dos 70 e os 80? A esta moda das reposicións adiantáranse no tempo A3 e Tele5 pero agora son Cuatro e a TVG as que levan a dianteira.
Hai que dicir que A3 segue a emitir MacGyver, pero Cuatro xa nos deixou V, El coche fantástico (El auto increíble na súa versión mexicana), Juzgado de Guardia... E agora chegoulle a quenda á TVG, tras un par de anos de por Bonanza polas mañás, tocoulle a Colombo, Os vixiantes da praia (Los guardianes de la bahía en México), Magnun (que abandonou Friends para voltar ás suas orixes) e máis recentemente aterrou no universo da galega o máis duro entre os máis duros.
Pois si, Chuck Norris volve con Walker, ranger de Texas ás pantallas, pero desta vez as amenazas soan máis autenticas na lingua do pais (...ti, ponte quieto se non queres que che bata...).
E é que na galega saben aproveitar o tirón que ten entre a xente nova Chuck Norris (sintoo Seagal, ti segues a ser o mellor).



A que mola o meu mechandising de MacGyver?

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 18:01:00 | 8 comentarios
20.5.07
Penso, LEGO existe!
Vía o outro día nos dominios do Moucho un videoclip duns holandeses de nome Elexorien, que a falla de cartos para unha superprodución, botaron man da imaxinación e o Lego. O video fíxome recordar (ademáis de a miña época de pastorciño) uns clips que vira nalgunha época de ocio na que pasaba moitas horas navegando pola rede. Deixovos aquí un par dele que me fixeron especial gracia.
O primeiro é unha recreación do vídeo do Thriller de Michael Jackson, vídeo por outra banda moi versionado. O vídeo inclúe ao principio a peli que estaban proxectando no cinema. O clip tal como o coñecemos pola TV non comeza até o minuto 4 máis ou menos.

Neste outro vemos como sería o GTA en Legoland. Tampouco ten perda.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 13:12:00 | 5 comentarios
16.5.07
Compañeiros de Piso (very little brains)

Cando buscamos compañeir@ de piso, moitas veces guiámonos por referencias de colegas, aspecto (físico xeralmente) e esa intuición que todos temos e que a case ninguén lle funciona do modo axeitado. O resultado final é o que xa se sabe, acabamos acumulando odio cara a nosa especie e cambiando de compañía cada dous por tres.
Para evitar estes problemas, confeccionei unha sorte de guía/cuestionario para realizar antes de acoller un inquilino novo nese espazo ao que dificilmente se lle podería chamar casa, xa non digampos fogar.
Estes son os coñecementos básicos que debemos ter sobre a persona que imos meter no piso (deberiamos acostumarnos ás entrevistas en plan teleserie):

1- Fumador ou non (prescindible)

2- Sabes lavar a louza? Estas disposto/a a aprender?

3- Coñeces o significado de “insalubre”? Consideras a fregona un invento inútil?

4- Es capaz de pechar a bolsa do lixo?

5- Tes a habilidade suficiente para introducir unha bolsa no interior dun colector?

6- Recollerías cunha vileda trozos diminutos dun vaso rachado? En caso afirmativo, explicar os pros e os contras.

7- Gostas do futbol? E doutros deportes? En caso afirmativo: Es capaz de racionalizar o cabreo? Consideras preciso encher o chan de ketchup e cervexa cando hai Champions?

8- Que telexornal adoitas ver? (A3 e T5 son motivo de descalificación)

9- Cres que ETA tivo algo a ver no 11-M?

10- Quen te merece máis credibilidade, Jiménez Losantos ou Pedro J.? (Responder esta pregunta tamén descalifica)

Estas serían as preguntas básicas a realizar. O malo é que hai compartamentos difíciles de prever.

1- Que a súa fonte de información sexa a COPE, a FHM/Cosmopolitan (e tome todo ao pé da letra)

2- Que sexa un grande cinéfalo. Nunca atopáchedes Sin City dox ou Caribean PirateX no DVD?

3- Que a súa opinión persoal sobre un filme sexa a opinión persoal de Antonio Gasset

4- Que gaste máis papel hixénico el só que o resto do edificio. Debería mirarse, calquera día quédalle na man…

5- Que considere o 1 de Maio un “rollito de rojeras”

6- Que non diferencie o sal do azucre

7- Que viva no sofá e teñas a Jorge Javier de B.S.O. todas as tardes

8- Que fale de cine asiático. En concreto de pelis que non víu e ti si por pura casualidade

9- Que esquenza as chaves de casa cada vez que sae de noite e ti tes que madrugar ao día seguinte

10- Que teña amigos peores ca el

O dito, se non queredes pasar por malas experiencias recoméndovos ter en conta este pequeño cuestionario.



Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:46:00 | 12 comentarios
12.5.07
Diario de rodaxe
Como dixen no post anterior, andiven ausente deste noso mundo paralelo algún tempo e quedaba pendente a explicación do motivo. Pois o motivo foi a primeira experiencia no audiovisual do Pastor eléctrico. Durante a fin de semana anterior participei na rodaxe dunha curtametraxe na cidade da murallas (logo será coñecida como a Cidade do Pastor, senón tempo ao tempo) como axudante de dirección. Levaba xa tempo detrás da oportunidade de poder poñerme do outro lado das cámaras e foi do mellor xeito posible.
A experiencia non puido ser mellor, ademais de pasalo en grande tiven oportunidade de aprender de profesionais con moita experiencia e cun espírito de traballo envexables. O mellor, á parte do bo ambiente e o espirito de traballo en grupo (admiráble cando non hai cartos polo medio), foi o poder aprender as técnicas e os trucos dos que saben. Desfrutei moito coas explicacións que Luís Bellido (director de fotografía) me daba mentres montaba en tempos de récord toda sorte de iluminacións cos poucos medios que tiñamos (2 focos de 500 wts) e calquera cousa que collese polo camiño (unha caixa de cartón, un folio, un póster, unha tea...).
A fin de semana foi moi intensa (12h de rodaxe o sábado e 8 o domingo) pero todo o traballo anterior mantívome tamén moi atarefado. De todos xeitos, eu case non notei o cansanzo até o luns pola mañá (xa en Compostela) cando cáse non fun quen de me erguer á hora de costume. Iso creo que pon de manifesto de xeito claro o ben que o pasei na rodaxe.
Tamén xurdiron complicacións de última hora que fomos capaces de sacar adiante de xeito máis ou menos óptimo e en contra do reloxo (esta parte quedaría moi ben nunha entrevista en "Versión Española"). Para variar, a policía local de Lugo tivo que facer a súa aparición estelar e inoportuna, pasando polos autoritarios collóns que a cidadanía lles outorga o permiso de rodaxe que unha semana atrás firmara o seu inspector xefe. O caso é que entre que Touriño visitaba a cidade e algunha dama da
beautiful people de Lugo non podía perder 40 seg. da súa vida agardando a que rematase unha toma, a autoridade retirounos o permiso para gravar. Deste xeito tivemos moitos problemas para rematar unha escena na rúa San Pedro en Lugo. Unha hora máis tarde e cando xa remataramos de gravar, o alcalde que pasaba por alí ao ser informado da noticia, outorgábanos de novo a autorización, mais xa non valeu de nada.
Tamén atopamos numerosos atrancos máis por parte da Policía Local e da concellaría de Xuventude, pero iso da para outra historia.

Apesares destes atrancos e doutros problemas menores (como a pesadez que me produxo a pizza do sábado), logramos rematar a tempo e coido que o resultado non é tan malo como nun principio podiamos presaxiar. Aínda non vin como quedará a versión definitiva así que non podo dicir se, na miña opinión, quedou ben ou mal.
Agradecer tamén dende aquí o seu esforzo e traballo aos actores: Gibert, Ana e María; ás rapzas da artística: Paula, Patricia e Alba; aos de producción: Anita, Adrián, Andrés e Fran; a Mar e Marta por cedernos as súas casas, a Santi, María e Luís e a Marcos,
Luís, Mary, Lidia, Álvaro, Usúe e David pola axuda, dedicación e paciencia. A tod@s gracias por facer realidade esta primeira parada do Pastor no apaixonante mundo cinematográfico.
E gracias a todos vos por ler este folleto.

Etiquetas: ,

 
publicado por O pastor eléctrico ás 17:33:00 | 3 comentarios
9.5.07
Cuestionario Proust
Chégame de parte da Raíña Vermella este cuestionario. O caso é que tiña pensado escribir sobre o motivo da miña ausencia prolongada do blogomillo pero como ando algo escaso de tempo vou aproveitar para contestar isto e así de paso deixovos coa intriga até a fin de semana.

1. O principal rasgo do meu carácter?
A meticulosidade
2. A calidade que prefiro nun home?
Sentido do humor, honestidade
3. A calidade que desexo nunha muller?
Sentido do humor, honestidade
4. O que máis aprecio nos meus amigos?
A amizade e a paciencia
5. O meu principal defecto?
Demasiados. a meticulosidade?
6. A miña ocupación preferida?
Ler, conversar, enfrikarme
7. O meu soño de dicha?
Que as cousas me saian ben.
8. Cal sería a miña maior desgraza?
Vivir máis que os seres queridos
9. Que quixera ser?
Xogador profesional de baloncesto. No seu defecto, de póker
10. Onde desexaría vivir?
En Canadá
11. A cor que prefiro?
O azul do mar
12. A flor que prefiro?
Non son moi entendiso en flores, mais sempre gostei da rosas de toda a vida
13. O paxaro que prefiro?
As águias son uns bechos moi chulos
14. Os meus autores preferidos en prosa? K.Dick, Tolkien, Welsh, Auster e Mendoza
15. Os meus poetas preferidos?
Uff, pode deixar en branco?
16. Os meus heroes de ficción?
Bender, Sherlock Holmes, Nosferatu e O home sen nome
17. As miñas heroínas de ficción?
A tenente Ripley, a princesa Leia...
18. Os meus compositores preferidos?
Clásicos gosto de Bach. Coltrane, Ellington, Herbie Hancock, Clapton, Knopfler...
19. Os meus pintores predilectos?
Gracias a agurdión profundicei en Friedrich (que me parece xxenial), Munch, Lichtenstein
20. Os meus heroes da vida real?
Todo aquel que o merece e non se gaba diso.
21. As miñas heroínas históricas?
Todo aquela que o merece e non se gaba diso.
22. Os meus nomes favoritos?
Lúa, Antía, Andrés e Xabi
23. Que detesto máis que nada?
A escaseza de miras, o falar por falar, o desprezo ao que non se coñece, a politica que se fai no estado español e o impor normas á forza
24. Que caracteres históricos desprezo máis?
Case toda a xerarquía da Igrexa dende que morreu XesusCristo, os xenocidas, etc
25. Que feito militar admiro máis?
Ningún
26. Que reforma admiro máis?
Gustaríame que se reformase a lei da propiedade intelectual
27. Que dons naturais quixeras ter?
O virtuosismo musical, poder voar
28. Como me gustaría morrer?
Sen molestar nin causar dor a ninguén
29. Estado presente do meu espírito?
Euforía contida, ganas de seguir traballando
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os que se fan sen mala intención
31. O meu lema?
Non desbotes (case) ningunha posibilidade

Como case sempre chego tarde, mais Arale e Ailandra non fixeron o cuestionario, así que se teñen ganas/tempo, mándolles o recado.
Volverei o sábado xa con máis tempo.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 11:20:00 | 6 comentarios
1.5.07

Hoxe é día dun agardado nacemento, non me refiro a este. Ao que me refiro é a que hoxe nacen as Historias Eléctricas, que polo menos non precisará dun bautizo e unha vida de luxo á costa do contribuínte. É este un espazo para a creación multimedia, no que se pretende dar cabida a todo tipo de creación pensada para a rede: microrrelatos, videopoemas, relatos flash, poesía cinética, fotografía, hipernarracións, game-art e todo aquilo que se poida axustar a este formato que é a rede.
A idea xa levaba uns meses no ar. Seica a ponte nos fixo ben a tod@s coma desexaba eu estes días atrás. Ao final puxemos en marcha esta versión 1.0 namentres non teñamos presuposto e ganas para unha versión máis atractiva visualmente e con máis posibilidades técnicas.
Intentaremos levalo con enerxía e dar cabida ao maior número de estilos e formas que nos sexa posible.
Se queredes colaborar, podedes facelo a través da caixa de correo: hitoriaselectricas@gmail.com. Agardo que o desfrutedes.

Etiquetas:

 
publicado por O pastor eléctrico ás 00:19:00 | 6 comentarios